Ir al contenido principal

17 Domingo TO C 2016


Namentres Deus escoita, nós tapamos os oídos. Por que nos empeñamos en botarlle a El a culpa? Deus sempre escoita e perdoa
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
*     ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
*     LECTURAS: Benaventurados (Nº 118)
*     OFERTORIO: Recibe Señor (Nº 31)
*     COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
ESCOITA ACTIVA
A vida de cada un e cada unha de nós vaise desenvolvendo nunha dobre dirección: dar e recibir. Ninguén é tan egoísta que sempre e en todas as circunstancias se peche tanto en si mesmo que sexa incapaz de dar e compartir algo da súa vida: sorriso, palabra, cercanía, solidariedade, medios materiais... Tampouco ninguén é tan desagradecido que non sexa capaz de valorar -dígao ou non-, o tempo que outros teñen compartido con el/a ou o esforzo por animar, aledar e estar en momentos no que todos necesitamos a man, a palabra ou a aperta de quen nos quere e para quen si somos importantes.
A isto apunta hoxe Palabra de Deus: El escoita, responde, acompaña e móstranos o camiño. Nós somos invitados a comezar a percorrelo. E como toda invitación, non se impón, senón que se pon ao noso dispor. Seriamos tan duros de corazón para non acoller este agasallo? Que o noso rezo non sexa baleiro e externo; senón que vaia sempre acompañado da nosa acción para que fe e vida se harmonicen como resposta que damos a ser hoxe, no mundo, testemuñas da súa xenerosidade, que busca  a xustiza e se asenta no amor.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Para que o noso corazón non acumule rancor nin desexos de vinganza; SEÑOR, ACOLLE A NOSA CHAMADA.
·      Para que saibamos desenvolver a nosa vida con actitude de escoita e diálogo; CRISTO, ACOLLE A NOSA CHAMADA.
·      Para que non deixemos que a nosa maneira de actuar leve desprezo e falta de preocupación polos demais; SEÑOR, ACOLLE A NOSA CHAMADA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      A linguaxe da Biblia ten un contido simbólico, o que nos leva a que debamos prestarlle a atención debida cando a lemos ou a escoitamos, para poder logo rumiala de xeito que entendamos o que se nos quere transmitir a través das palabras escritas. Non ha ser a literalidade -como moitas veces ocorre-, e que leva ao fundamentalismo irracional e inmobilista, a forma de achegarnos aos textos da palabra de Deus. Xa hai moitos anos, van alá máis de cincuenta, que o concilio Vaticano II aprobou a constitución "Dei Verbum" que trataba de como debiamos os crentes achegarnos e entender esta palabra. E deixando claro que é un libro relixioso, en consonancia coa linguaxe que os aspectos relixiosos suxiren, a súa comprensión necesita boa acollida, gran dose de reflexión e moita capacidade de traer á realidade actual aqueles textos que, escritos noutro tempo e para unha xente distinta a nós, sigan a ter forza, vixencia, frescura e actualidade. E máis alá das metáforas, da linguaxe mitolóxica ou das estruturas daquel tempo, o que nos está a dicir é que Deus -onte o máis hoxe- segue a falarnos a través de todo canto creou: persoas e mundo. E ambas son un todo do que non hai que desprezar nada. Un todo que se vive desde a mesma casa común compartida e distribuída para que todos os que nela habitan teñan sitio e non se vexan desprazados nin excluídos. E isto, moitas veces, cústanos entendelo, o que nos leva a meternos en discusións que non fan outra cousa máis que enfrontarnos e afastarnos do Deus que acolle, agarima, acompaña e fai da tenrura, ao xeito dunha nai preocupada polos seus fillos, o guieiro desde o que plantexa a súa relación con nós. Por iso escoita o clamor de quen se sente tratado de maneira inxusta, de quen é excluído ou enganado, de quen é tratado como se fose unha cousa coa que se xoga para sacar rendibilidade, e non unha persoa imaxe e semellanza de quen pon en cada un de nós a mesma dignidade. O clamor dos excluídos é escoitado por Deus, que non quere que a súa palabra sexa manipulada polos poderosos que esquecen e exclúen aos humildes.

*      O bautismo, non é logo un rito, e diso Paulo vaille falando a aqueles cristiáns da primeira hora cando lles escribe as cartas. Non pode ser rito unha acción que nos incorpora a un xeito novo e distinto de percibirnos e de estar no mundo. A través del somos incorporados a unha vida que non se esgota no "fuxe-fuxe" de cada día, nas ansias de posuír e impoñer os criterios persoais sobre os demais; no intento de facer do poder o pracer que incapacita para pensar nos demais coma outro igual e como presenza do "Outro" que dá sentido e esperanza á nosa vida. Bautizarse, pedir o bautismo, ha ser unha opción libre, madura e coherente, para evitar que se quede no que, tristemente, está a ser hoxe para moitos dos que o piden para os seus fill@s: unha ocasión para celebrar unha festa e xuntar á familia; pero sen pensar no seu significado de relación con Deus e de incorporación á Igrexa -a fe vívese sempre en comuñón e en comunidade-. Non, o bautismo é a experiencia que fai de nós grandeza de Deus, e incorpora o sentido da vida máis alá dos proxectos que son para un tempo e esmorecen de xeito efémero. Recibilo é incorporarse a unha vida nova e diferente desde a que contemplamos que a salvación e a plenitude comezan a construírse e a albiscarse desde o xa das cousas que facemos cada día. As pequenas cousas que van poñendo no corazón, nos ollos e nos beizos das persoas a esperanza de que non somos inimigos uns dos outros, senón colaboradores do mesmo proxecto: o proxecto de Deus para o mundo. Por iso todos somos importantes, ninguén ha ser excluído. E o remate non está no efémero do momento de gloria, que tanta insatisfacción deixa e que leva a ter que buscar permanentemente novas experiencias que enchan o baleiro existencial no que tantas persoas viven, senón a plenitude acadada ao final do camiño. Porque a vida é unha gran carreira de fondo, chea de esforzo e tesón, ao final da que nos encontramos tod@s ao lado de Deus e para sempre.

*      E para non deixarnos levar do desánimo que ao longo de toda esta carreira temos que ir percorrendo, Xesús ofrécenos un reconstituínte que nos vai axudar a superar os momentos de debilidade: a oración. Non entendida como rutina que repite cos labios o que non sente no corazón, senón como acollida gratuíta de canto temos vivido de xeito agradecido. Unha oración que, pronunciada cos labios, séntese no corazón e móstrase na maneira de facer as cousas, de achegarse ás persoas, de poñer en marcha procesos que leven calidade de vida e dignidade ás persoas máis necesitadas e que viven na periferia do poder, do triunfo ou do recoñecemento social. Rezar é revisar a vida desde Deus; poñela na súa man con confianza, recoñecer a necesidade de camiñar xunt@s realizando proxectos que fagan das persoas iconas de que Deus é amor e actúa sempre por amor. Rezar é revitalizar a vida dándolle pulo de novidade e acougo para ir facendo as cousas con tento e tempo. Sen as présas do que, ao final, acaba converténdose en pan que deslumbra hoxe, pero que se converte en goma, imposible de comer, mañá. Deste xeito de rezar é do que temos que aprender, e desde o que somos invitados a dirixirnos a Deus. Aprendamos a ser contemplativos no medio dun mundo cheo de barullo, présa e recoñecemento social, para incorporar un xeito de ver a vida que agradece, comparte e goza de facer dos demais presenza e rostro de Deus. Por iso non cansamos de dicir: Veña a nós o teu Reino.
FRATERNIDADE ORANTE
Deus é paciencia, fidelidade e escoita continua e permanente. Sabendo que El non nos deixa, inda que nós si caiamos moitas veces na tentación de deixalo, digamos xunt@s:
QUE CONSTRUAMOS A VIDA DESDE A PACIENCIA ESPERANZADA
·      Para que os pastores da Igrexa sexan sempre persoas pacientes e con capacidade de escoita e comprensión, e non látigos dogmáticos e antievanxélicos, OREMOS.
QUE CONSTRUAMOS A VIDA DESDE A PACIENCIA ESPERANZADA
·      Para que saibamos ir facendo das relacións de uns cos outros nas nosas comunidades parroquiais, momentos de colaboración, participación e encontro, non deixándonos levar nin polas présas nin polas palabras ditas sen pensar, que feren e doen, OREMOS.
QUE CONSTRUAMOS A VIDA DESDE A PACIENCIA ESPERANZADA
·      Para que todas e todos nós, nos esforcemos por construír a nosa vida desde valores e actitudes que nos axuden a medrar como persoas e a madurar como crentes que acollen o Evanxeo como pulo para estar ao servizo dos máis necesitados, OREMOS.
QUE CONSTRUAMOS A VIDA DESDE A PACIENCIA ESPERANZADA
·      O día 26 será a festa de S.Xoaquín e Santa Ana, avós de Xesús. Lembrémonos de todos os avós que fan da súa vida xenerosidade e cariño para dedicarlle tempo cheo de tenrura ao coidado dos seus netos, OREMOS.
QUE CONSTRUAMOS A VIDA DESDE A PACIENCIA ESPERANZADA
Acolle, Señor, a oración que agora poñemos ao teu abeiro desde os nosos corazóns, sempre dispostos a acoller e perdoar. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Pai: Como pequena comunidade parroquial,poñémonos nas túas mans. Fai de nós o que ti queiras. Sexa o que sexa, dámosche grazas. Ilumina o noso camiñar coa luz de Xesús. El non viu a ser servido, senón a servir. Que a nosa vida sexa como a del: servir. Que saibamos estar cada un ao servizo dos demais. Confiámosche o presente e o futuro da nosa comunidade. Poñémolo nas túas mans enteiramente, sen reservas, porque Ti es o noso Pai. Que o Espírito sexa quen nos sosteña e nos guíe sempre. Amén

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...