Ir al contenido principal

2 domingo TO A 2017



SERVOS, QUE NON ESCRAVOS. A DINÁMICA DA NOSA RELACIÓN CON DEUS É DESDE O SERVIZO, NON DESDE A IMPOSICIÓN

Descarga o ficheiro


CANTO GOZOSO

ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 9)
LECTURAS: Aquí estou, Señor, para facer a túa vontade
OFERTORIO: Eiquí están Señor (Nº 34)
COMUÑÓN: Acharte presente na vida (Nº 54)

ESCOITA ACTIVA

Servo é aquel que serve, que se pon ao dispor de quen o necesite. Porén, escravo é aquel que está sometido, que non actúa por si mesmo senón baixo o xugo de quen o manda e controla. Os crentes no Deus de Xesús estamos chamados a ser servos, nunca escravos. Servos que serven, que están preto de quen os necesite, de quen se sente desorientado e desacougado. Pero sempre sen perder a súa dignidade nin o respecto cara El e cara aos demais. Servos sempre. Escravos, nunca. Deus non quere que esteamos sometidos a ninguén nin a nada, de aí a importancia de non permitir que a ningunha persoa se lle falte ao respecto ou sexa maltratada; de aí o importante de non calar nin volver a cara cando descubrimos calquera tipo de abuso, menosprezo ou violencia: física, psicolóxica ou moral. Ninguén manda sobre ninguén; pero todos nos necesitamos uns a outros e podemos axudarnos.
Ao redor desta palabra que Deus hoxe nos presenta neste domingo xira a celebración que agora imos comezar. Dispoñamos o corazón para acollela e poñela en práctica máis alá das portas dos templos; porque o servizo só pode realizarse no medio dos "gozos e esperanzas, das angustias e tristuras dos homes e mulleres do noso tempo" (GS 1).

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*   Porque non sempre somos quen de tratarnos uns aos outros con respecto e irmandade; SEÑOR, QUE SIRVAMOS E NON ESCRAVICEMOS.
*   Porque moitas veces facemos a nosa vontade e non a túa, o que nos leva a equivocarnos e facernos dano uns a outros; CRISTO, QUE SIRVAMOS E NON ESCRAVICEMOS.
*     Porque miramos moito o mal que fan os demais; pero somos moi curtos de vista co dano que facemos nós; SEÑOR, QUE SIRVAMOS E NON ESCRAVICEMOS.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·        As palabras de Isaías coas que comeza a primeira lectura que temos lido hoxe dannos a pista de por onde ten que ir avanzando a nosa relación con Deus. Non ha ser esta unha relación pechada na busca do que a un lle peta, senón que ha descorrer por vieiros de servizo. Porque servo é quen serve, non quen se somete a outro ou se sente escravizado por el. Deus, a quen lle rezamos, no nome do que nos reunimos, o que vai alentando o día a día da nosa vida non quere someternos e facernos de menos. Tampouco nos chama ao fanatismo e á desconsideración para cos demais. El é un Deus que a través da nosa confianza, do noso actuar honesto, libre, responsable e solidario, vai presentándose aos ollos dos demais como o que é: o Deus que nos coñece, que nos quere, que se preocupa por nós e que vai camiñando na nosa compaña. Un Deus de amor e para o amor, non para o medo nin a violencia. Un Deus moi lonxe da imaxe que, ao mellor, ten chegado a nós. Si, porque moitas veces a imaxe que se nos ten transmitido é a dun Deus de medo, controlador, castigador e detective; como se estivera cunha lupa permanentemente detrás nosa para ver onde están as pegadas do que fixemos mal. Pois se esa é a nosa maneira de comprender a Deus teremos que comezar xa a cambiar, porque dificilmente a nosa relación será de confianza se cremos que El nos vai seguindo as pegadas e vai tras nosa buscando descubrir o que non fixemos ben. Cambiar quere dicir aprender a sentir a experiencia de Deus como liberación, acollida, amizade, empatía... misericordia. Que lonxe do que tantas veces temos escoitado! El non ameza, non busca debaixo das pedras, non coacciona... El só ama. Seremos quen de entendelo e comezar a vivir a nosa relación con El desde aí?
·        Responder afirmativamente supón que estamos no vieiro de facer a súa vontade, como cantabamos no salmo responsorial. E facer a súa vontade non pode ser outra cousas máis que ir esforzándonos por desenvolver, alí onde estamos, as mesmas actitudes que diciamos que descubrimos nel: empatía para cos demais, capacidade de escoitar a quen o necesite, esforzo por acompañar a quen vemos só e entristecido, solidariedade con quen se sente enganado e defraudado por aqueles nos que confiaba... Si, porque a vontade de Deus non pode ser outra cousa máis que estar a favor do ben dos demais, facendo do servizo, como diciamos ao comezo, eixe da vida. A fe non se vive de xeonllos, como se estiveramos sometidos, senón de pé e sempre en movemento. Porque Deus chámanos a actuar, e quen queda estático e sen moverse, dificilmente vai poder responder á súa invitación de que fagamos a súa vontade.
·        Deste xeito poderemos ir concretando, como dicía Paulo na carta aos Corintios, a chamada á santidade. Unha santidade que non ten estar nin nos calendarios nin nas grandes e fastosas celebracións das canonizacións, senón no corazón dos que nos esforzamos por facer as cousas ben, poñéndoas ao servizo de quen nos necesita e agradece que nos acheguemos e poñamos un sorriso na súa vida. Para isto naceu Xesús, facéndose un dos nosos, tal e como vimos de celebrar no tempo de Nadal. Para ser presenza de Deus entre nós e guieiro que nos marca o camiño. Porque a fe non é algo para dentro das igrexas, senón para vivir na rúa, como unha e outra vez non cansa de repetir Francisco. Nós non somos inversores en accións que rendabilizan e aseguran a nosa presenza no ceo, senón servidores agradecidos que, aprendendo del, nos imos esforzando tamén por pasar facendo o ben. Nisto reside a forza e a fondura da fe que cremos, compartimos e celebramos, persoal e comunitariamente.

FRATERNIDADE ORANTE

Rezamos agora xunt@s a Deus presentando a oración comunitaria e dicindo:
GRAZAS, SEÑOR, POR ENSINARNOS QUE O CAMIÑO É SERVIR
Para que Igrexa acompañe co seu actuar as palabras do papa Francisco coas que nos invita a ser servidores dos de embaixo, dos máis pobres e necesitados, porque neles descubrimos o rostro de Xesús, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ENSINARNOS QUE O CAMIÑO É SERVIR
Para que nas nosas comunidades vaiamos aprendendo cada día a calar cando non poidamos falar ben dos demais; a recoñecer que outros saben facer as cousas mellor ca nós; a non sentir envexa polo que os demais consigan, senón estímulo para acadalo tamén nós, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ENSINARNOS QUE O CAMIÑO É SERVIR
Para que cada un/ha de nós non confundamos nunca servir con escravizar, e non tentemos dominar aos demais, especialmente a aqueles que son máis débiles e máis nos necesitan, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ENSINARNOS QUE O CAMIÑO É SERVIR
Acolle canto hoxe, Señor, poñemos ao teu abeiro, coa confianza de que nos vas acompañar nesta tarefa de converter a oración en forza para o camiño da vida. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

A resposta de paz debe comezar polo cotián. A primeira virtude hoxe é precisamente conferir aos xestos cotiáns un novo significado de paz e fraternidade, estar cadaquén no seu lugar, facer con dedicación cada un o seu deber. O noso traballo de cada día, a vida en familia, cos veciños e con cada "próximo" pode asumir un matiz novo de pacificación e de acollida, de entendemento e de comprensión recíproca.
(Nguyen Van Thun, Espera en Dios 69)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...