Ir al contenido principal

Epifania 2017


Epifanía, a festa do Deus de tod@s e para tod@s. A universalidade da mensaxe convértenos en homes e mulleres de diálogo, colaboración e entendemento, porque o Deus do Evanxeo non crea fronteiras que separan, senón camiños para encontrarse
Descarga o ficheiro

CANTO AGRADECIDO
PANXOLIÑAS
§ ENTRADA:
§ LECTURAS:
§ OFERTORIO:
§ COMUÑÓN:
§ ADORACIÓN DO NENO:

  
ESCOITA ACTIVA
Volveron chegar os Reis. Volveu a ilusión ás nosas casas. Nas caras de grandes e pequenos, a alegría manifestouse logo en forma de agradecemento. Chegaron os agasallos, os que esperabamos e os que viñeron de sorpresa, o que nos produce contento e agradecemento, porque somos alguén, non somos invisibles. Preto de nós hai persoas que nos queren e ás que queremos.Tamén Deus hoxe quere mostrase coma o agasallo que nos fai tomar conciencia de que non estamos solos, de que para El somos importantes, de que nos vai agasallando coa súa tenrura, co seu aprecio, co seu recoñecemento. Na adoración dos reis estamos cada un e cada unha de nós que, dun cabo ao outro do mundo; desde o recuncho máis pequeno á praza máis grande, tamén nos achegamos ao portal para levarlle o noso presente. Un presente que non ten que ser ouro, incenso ou mirra, senón a quentura dun corazón sempre disposto a non pasar de longo diante das persoas que, estando preto ou lonxe, necesitan da nosa man, do noso sorriso e da nosa tenrura. Celebremos e compartamos a universalidade dunha fe que non ten fronteiras senón corazóns que unen, acollen e igualan a todas as persoas.


CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Polas veces nas que os nosos comportamentos exclúen e desprezan a quen non pensa coma nós; SEÑOR, QUE A MISERICORDIA ANIÑE NO NOSO CORAZÓN. 
  • Polas veces nas que impoñemos e non escoitamos nin dialogamos; CRISTO, QUE A MISERICORDIA ANIÑE NO NOSO CORAZÓN.
  • Polas veces nas que non somos capaces de recoñecerte en quen necesita da nosa axuda; SEÑOR,QUE A MISERICORDIA ANIÑE NO NOSO CORAZÓN.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
o   Na lectura que acabamos de proclamar, o profeta Isaías chámanos a pasar da escuridade que o fai todo invisible á luz que clarifica e axuda a orientarnos e non perdernos. As palabras de Isaías soan hoxe con forza, á vez que nos axudan a comprender a necesidade de darlle un sentido á vida e ao día a día no que esta se vai concretando. É verdade que moitas veces supéranos a realidade, que nos vemos desbordados, que todo parece que non ten nin xeito nin rumbo; pero os que nos chamamos crentes atopamos na fe e na mensaxe na que se mostra -o Evanxeo-, un rumbo polo que ir camiñando, un horizonte cara onde orientar canto facemos, un camiño no que imos descubrindo que si é posible vencer o derrotismo e a tristura que tantas veces aniñan no noso corazón, impedíndonos ser persoas de esperanza e paz; persoas que non nos deixamos levar da negrura de tantas situacións que cada día vemos; persoas que, coma a mensaxe universal que hoxe celebramos, non se pechan no individualismo do que só nos preocupa a nós, senón que somos capaces de expandir a nosa mirada e o noso corazón á situación doutras moitas persoas que dun cabo ao outro do mundo son tratadas como algo e non coma alguén que debe ser recoñecido na súa dignidade e tratado con igualdade. Hoxe é o día no que como crentes temos que arrepiarnos pola situación dos refuxiados, das persoas que teñen que fuxir dos seus países, das persoas que son masacradas por ser distintas, por pensar diferente ou por crer nun Deus que fala de amor e non de violencia. Hoxe, festa dos Reis, festa da Epifanía, festa do recoñecemento e da igualdade de tod@s, somos invitados a tomar conciencia de que estamos obrigados a buscar camiños que unan, e non a crear fendas que nos separen e aparten a uns doutros. Saber que o Deus no que cremos nos chama a non renunciar a esta tarefa é motivo de verdadeira esperanza, á vez que nos fai, a cantos confesamos a fe nel, persoas que non quedan insensibles nin tampouco adoptan actitudes nin comportamentos excluíntes nin xenófobos ante quen vén de fóra ou escapa dunha situación de violencia e persecución. É no xeito que nós teñamos de actuar e de ver esta situación, como nos podemos identificar,ou non, como seguidores do Deus que, nacendo pobre e entre os pobres, veunos traer a meirande das riquezas: a igualdade e dignidade que compartimos e que hoxe, festa dos Reis, celebramos como a manifestación de recoñecemento do Deus en quen confiamos. Porque, que é o florecer da xustiza senón traballar por esta dignidade e igualdade? Prostrarse ante El non é submisión, senón recoñecemento agradecido de que somos alguén que merece respecto, e non ser tratados nin coma cousas nin coma números. Aquí esta o mellor dos agasallos que hoxe podemos recibir; pero tamén está o mellor dos agasallos que cada día lle podemos dar aos demais. Non deixemos que aniñen en nós sentimentos de exclusión, xenofobia, rexeitamento cara aos que buscan o dereito a unha vida digna e en paz. E iso non pode ser motivo de que pechemos fronteiras e nos atrincheiremos nas nosas seguridades, porque o que hoxe é seguridade para nós e incertidume para os demais, pode tornarse en contrario de hoxe para mañá, e: gustaríanos que nos fixesen a nós o mesmo? Controlemos a nosa lingua, renovemos o noso corazón e abramos as mans para acoller e non para rexeitar e golpear. Sería este xeito de facer as cousas moito mellor que o ouro, incenso e a mirra dos agasallos reais. Non sexamos nós hoxe os novos Herodes que perseguen e buscan acalar o berro dos máis pobres e excluídos do noso mundo.


FRATERNIDADE ORANTE
Compartimos agora a nosa oración comunitaria, na que unid@s e comprometidos na tarefa de construír fraternidade sen exclusións co noso actuar, agradecemos a presenza do Deus que derruba fronteiras e constrúe canles de unión e solidariedade. Por iso dicimos: GRAZAS POR NON DEIXAR ANIÑAR EN NÓS ACTITUDES QUE EXCLÚEN
• Para que, como fixeron os Magos diante de Xesús, a Igrexa teña sempre actitudes de universalidade: acollendo, integrando e solidarizándose coas persoas refuxiadas; ofrecéndolles a súa dispoñibilidade e non desconfianzas; OREMOS.
GRAZAS POR NON DEIXAR ANIÑAR EN NÓS ACTITUDES QUE EXCLÚEN
• Para que este día de ilusión e esperanza sexa tamén para cada un e cada unha de nós un día no que saibamos poñer en práctica a mensaxe do Evanxeo, que nos invita a achegarnos a quen se sinta só, enfermo, excluído e incomprendido, para ofrecerlle o mellor dos presentes: a nosa atención e o noso tempo; OREMOS.
GRAZAS POR NON DEIXAR ANIÑAR EN NÓS ACTITUDES QUE EXCLÚEN
• Para que nun día coma hoxe, no que moit@s de nós recibimos agasallos, saibamos agradecelos e valorar o esforzo que aqueles que nolos dan fixeron para que ao recibilo agromara en nós un sorriso de alegría, ilusión, agradecemento e esperanza; OREMOS.
GRAZAS POR NON DEIXAR ANIÑAR EN NÓS ACTITUDES QUE EXCLÚEN
Señor, neste día no que a túa mensaxe nos invita a recoñecer que tod@s somos iguais, e que non son as razas ,as culturas ou as linguas as que non dan a igualdade, senón a mesma dignidade coa que nos agasallas, compartimos esta oración e poñémola nas túas mans. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA
Señor, coma os Magos
queremos buscarte neste mundo insolidario e frío;
queremos atoparte nos barrios marxinais e nas periferias existenciais;
queremos verte nas persoas que esta sociedade esconde e esquece;
queremos descubrirte nas persoas que non contan para os dominantes;
queremos acollerte nas persoas que non teñen o básico e necesario;
queremos darche unha aperta nos que viven nas tebras da desesperanza.
Nas persoas pobres e marxinadas de sempre,
nos refuxiados rexeitados,
nos parados sen horizonte;
nos drogaditos e alcohólicos sen presente;
nas mulleres maltratadas,
nos anciáns abandonados,
nos nenos indefensos,
na xente estrelada,
en todas as persoas feiras e abandonadas á beira do camiño...
queremos buscarte,
atoparte,
verte,
descubrirte,
acollerte
e abrazarte.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...