Ir al contenido principal

4 Domingo TO A 2017


Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,porque eles ficarán fartos”.
Desde esta fartura que nos ofrece Deus, saibamos rebordar a nosa vida de esperanza Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Non vou so (Nº 60)
LECTURAS: Benaventurados (Nº 119) 
OFERTORIO: Recibe Señor (Nº 31) 
COMUÑÓN: todos xuntos (Nº 56)

ESCOITA ACTIVA

Volvemos reunirnos de novo no nome do Señor. Ao longo da semana téñennos ocorrido moitas cousas: tristezas, esperanzas, dores, incomprensións, discusións, reconciliacións... a vida de cada un e cada unha de nós. E neste día xuntámonos nos nosos lugares de reunión comunitaria para poñelo todo na man de Deus; para sentir a súa presenza; para agradecer a súa compaña; para dicir: grazas, Señor, por ser caxato onde nos sentimos seguros nas diversas situacións que temos vivido ao longo destes sete días. Unha seguridade que non nos blinda nin nos illa dos demais, senón que nos leva e nos chama sermos ditosos con eles. Dispoñamos, logo, o corazón, a vista, os oídos e as mans para celebrar a alegría que El sempre nos ofrece.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*      Polas veces nas que non somos ditosos, deixando que a amargura enchoupe a nosa mirada sobre a vida de cada día; SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SER FELICES.
*      Polas veces nas que non buscamos a Deus, senón a nós mesmos e o noso propio egoísmo; CRISTO, QUE NON RENUNCIEMOS A SER FELICES.
*      Polas veces nas que facemos oídos xordos á voz de Deus que nos chama a través das necesidades, dores e incomprensións de quen temos ao lado; SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SER FELICES.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

Buscar a Deus. Así comeza a primeira lectura que temos escoitado hoxe. Pero non queda aí a frase da profecía de Sofonías, senón que nos abre unha perspectiva de como ha ser esa busca: desde a xustiza e a humildade. Si. Ben sabemos que hoxe se pronuncian estas palabras de maneira rápida e sen pensar no que significan. Sabemos tamén que, de tanto pronuncialas, podemos correr o risco de baleiralas de contido. Tampouco esquecemos que a forza de repetir unha afirmación, podemos correr o risco de convertela nunha especie de mantra que non diga nada; que sexa só como unha coraza detrás da que se esconden outros intereses. Pero ese non é o sentido que lle quere dar o profeta Sofonías. Para el, a busca de Deus pasa por unha concreción na vida de cada un/ha de nós, e só se somos capaces de poñerlle contidos e accións a esa busca entenderemos o que nos esixe e onde nos leva. Unha busca que non pode descubrirse nin percibirse se non é desde a xustiza; o comportamento igualitario, respectuoso e asentado na dignidade que todos compartimos e que de Deus temos recibido. Un comportamento xusto que fai que non primen os nosos intereses por riba dos dos demais. Aquí está a gran dificultade da busca de Deus. A todos nos tira máis o noso propio interese, inda que saibamos que moitas veces non é nin responsable, nin xusto nin respectuoso cos demais. A todos nos tira máis a nosa propia comodidade, sen importarnos como están os demais. A todos nos tira máis crear un “deus” á nosa medida: un “deus” de ritos, costumes e tradicións, sen que cuestione a nosa propia vida nin os nosos comportamentos cotiáns e habituais. O profeta aléntanos a buscar a Deus no actuar xusto e humilde, sen crernos mellores cós outros, sen desprezar a quen temos ao lado, sen mirarnos uns a outros como se foramos mellores ou máis importantes. Buscar a Deus é un reto para todos nós, pero tamén unha fermosa tarefa na que imos atopando sentido a canto facemos e a canto desexamos facer para dar contido e sentido a nosa vida.
E esa busca ten unha concreción, porque non é unha busca abstracta que non sabe nin onda nin a quen se dirixe: ás persoas. Aquelas que somos únicas, irrepetibles e inconfundibles. Aquelas que non somos algo, senón alguén. O alguén que provén da man de Deus e nos fai iguais e chamados a termar uns dos outros. Un alguén que nos fai inconfundibles, e que está por riba de calquera outro ser da creación, por bonito, tenro ou suxestivo que este sexa. Somos un alguén concreto que non nos confunde nin con unha árbore senlleira nin con un animal ao que lle teñamos moito cariño. Un alguén a quen coñecemos e chamamos polo seu nome: Pepe, Antonio, María, Esperanza... Entendemos logo por que rezabamos no salmo responsorial que son ditosos os que teñen espírito de pobres; é dicir, os que se esforzan, nos esforzamos, por pensar nas persoas desde a igualdade, e achegarnos a elas para acompañalas e deixarnos tamén acompañar por elas; para facer proxectos xuntos; para alentar e deixarnos alentar cando as esperanzas se truncan porque chega o fracaso. Se queremos, de verdade, ver a Deus, non temos que estar esperando que se nos apareza, senón que debemos abrir ben os ollos, para descubrilo en todo canto poidamos facer para que os que temos preto, ou mesmo os que estean lonxe, atopen o sorriso e o respecto que merecen por ser dos nosos, iguais e fillos de Deus.
Esta busca de Deus leva a que non pensemos que o imos atopar nin no prestixio nin no poder nin no recoñecemento dos que se cren sabios porque dominan calquera saber ou teñen recibido moitos premios e saen constantemente na televisión. Non. O encontro con Deus vai de embaixo a enriba, por iso ha ser un encontro de sinxeleza, humildade e sempre solidario para con que máis necesidades e tristuras teña, sinta e viva. É desde esta clave como mellor podemos entender entón as Benaventuranzas que acabamos de escoitar/proclamar no evanxeo. Seremos ditosos se somos capaces de cambiar o punto de mira á hora de ver as cousas. Seremos benaventurados/ditosos se non buscamos o que moitos pensan que dá a felicidade e o sentido da vida, senón se seguimos o camiño que este proxecto que Xesús nos propón, que pasa por: saber chorar con quen chora, buscar a xustiza alí onde alguén é tratado con desprezo, poñer misericordia cando vexamos que só hai orgullo e soberbia; construír paz no canto da violencia e o enfrontamento... En fin, esforzarmos de verdade en buscar a Deus. Porque nel sempre está a esperanza e o sentido da vida.

FRATERNIDADE ORANTE

Deus chámanos a ser ditosos a través do noso actuar, que busca a xustiza e recoñece ás persoas como iguais. Unidos nesta tarefa que El nos propón, rezamos dicindo:
QUE SEXAMOS DITOSOS FACENDO O BEN
Para que a Igrexa sexa unha Igrexa que busca que as persoas sexan ditosas ofrecéndolles acollida, solidariedade e corazón xeneroso que as alede e acompañe, OREMOS.
QUE SEXAMOS DITOSOS FACENDO O BEN
Para que nas nosas parroquias fomentemos o que une e nos fai estar ao lado de quen nos necesita, ofrecéndolle o noso tempo, a nosa palabra e a nosa axuda tamén material se a necesitan, OREMOS.
QUE SEXAMOS DITOSOS FACENDO O BEN
Para que nós, si, nós, os que estamos hoxe aquí compartindo e celebrando o domingo como o Día do Señor, o Día da Esperanza e da Vida, saiamos cheos da alegría e da forza que nos propón Xesús na súa palabra; e vaiamos concretándoa ao longo da semana, coa nosa maneira de comportarnos, testemuñando que é posible levar paz, misericordia, xustiza e tempo dedicado aos enfermos e débiles, se poñemos interese e esforzo da nosa parte, OREMOS.
QUE SEXAMOS DITOSOS FACENDO O BEN
Grazas, Señor, por alentar e acompañar canto hoxe compartimos na nosa oración comunitaria. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

A Igrexa en todo o mundo, quere ser a Igrexa dos pobres, quere extraer toda a verdade contida nas benaventuranzas de Cristo e sobre todo nesta primeira: ”Benaventurados os pobres de espírito...”. Quere ensinar esa verdade; e quere poñela en practica, igual que Xesús viu facer e ensinar.   

                                      (X. Paulo II, Redemptoris missio 60)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...