Ir al contenido principal

Bautismo do Señor 2017


Porque a auga do Señor cambiounos o corazón, traballemos tamén nós para que esta auga non se esgote nunca e siga a cambiar corazóns que poñan á persoa no centro do actuar humano
Descarga o ficheiro


CANTO AGRADECIDO
§  ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)
§  LECTURAS: A auga do Señor (Nº 124)
§  OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
§  COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 58)

ESCOITA ACTIVA
O tempo corre, alomenos esa é a sensación que temos a medida que imos cumprindo anos; de tal xeito que xa parece que foi hai moito tempo cando comezamos o Advento e iamos poñendo na árbore as follas novas que nos mostraban que era posible superar a seca. Parece tamén que xa queda lonxe o día de Nadal, no que celebrabamos que Deus quixo facerse un dos nosos. Porén, o tempo non avanza máis do que avanzaba cando eramos máis novos e parecía que ía moi a modo. Si, o tempo ten a mesma cadencia, pero nós non temos sempre a mesma maneira de percibilo. Agora parece que non nos chega a nada, que vai moi rápido, que nos quedan moitas cousas por facer.
Sen negar iso que a todos nos pasa, si que tamén podemos dicir que a perspectiva do tempo é a que nos fai ver as cousas con outra mirada: mirada de experiencia, mirada de responsabilidade, mirada de madureza, mirada de saber darlle ás cousas o valor que teñen, sen precipitacións e sen arroutos.
Hoxe celebramos a festa do bautismo do Señor, e con ela queremos celebrar tamén que o día do noso bautismo comezou un tempo novo para nós: o tempo da vida en Cristo, que supuxo a nosa incorporación á Igrexa, o proxecto de amor que Deus manifesta en Xesús. Como partícipes deste proxecto, dispoñámonos a compartilo e agradecelo nesta celebración que agora comezamos.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Que a auga do bautismo cure a seca na que ás veces se ten parado a nosa vida; SEÑOR, AVÍVANOS COA TÚA AUGA.
  • Que a auga do bautismo nos axude a non caer na tentación de perder a frescura de traballar en novos proxectos que nos ilusionen; CRISTO,AVÍVANOS COA TÚA AUGA.
  • Que a auga do bautismo non nos deixe camiñar por vieiros de egoísmo, envexa ou violencia; SEÑOR, AVÍVANOS COA TÚA AUGA.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
o   Moitas veces temos a impresión de estar solos e desamparados; de que non temos a ninguén que nos escoite ou nos preste atención; de que somos cáseque invisibles. Pero... é só unha impresión. Aínda que así nos poida parecer a nós, sempre acaba aparecendo unha persoa con corazón verdadeiramente aquecido para facernos a pregunta fundamental que esperabamos: como estás? Si. Sempre hai alguén que nos impide caer polo barranco do sensentido e da desesperación. Un alguén con nome e apelidos, un alguén con rostro, un alguén que nos fai sentir que non todo na nosa sociedade é teatralidade, discurso baleiro e busca de estrelato e interese persoal. Pero os cristiáns sabemos tamén que xunta a ese alguén atópase o Deus en quen confiamos, ao que nos diriximos tantas veces na oración, que nos fai sentir a forza da esperanza e non rendernos por moitas que sexan as dificultades e problemas. Un Deus que ten nome e deixou mensaxe: Xesús de Nazaret. E desde esa mensaxe foi movendo corazóns e persoas a facer o ben, a descubrir valores e actitudes, a superar o materialismo de quen non é capaz de atopar sentido ao que fai máis alá do día a día ou do que alcanzan a ver os seus ollos. Deus sempre fala a través da limpeza dos ollos de quen pon no centro do seu actuar ás persoas e non o éxito ou o poder, sexa do tipo que sexa: relixioso/eclesiástico, político, económico, mediático... Segue a haber no mundo persoas para as que o importante está en conxugar, de moitas maneiras e en moitos tempos verbais, o verbo servír e o seu adxectivo: servizal. Si, inda que pareza que todo está perdido, que cada un vai ao seu, que as cousas son máis importantes que as persoas, que a verdade ou a mentira xa non se diferencian, que todo é elativo... a pesares de todo isto, Deus non deixa de estar ao noso lado e de alentarnos para non decaer na tarefa de vivir facendo posible que outros vivan. A ese Deus nós poñémoslle nome: Xesús de Nazaret. Nel e desde El o amor de Deus faise palabra, asume a condición humana, convértese en solidariedade e fai posible que non se poida calar ante a inxustiza e o desprezo.
o   A festa do bautismo do Señor que hoxe celebramos é unha invitación a que tamén nós dediquemos un tempiño a pensar de que xeito a mensaxe de Xesús, á que nos incorporamos o día do nos bautismo, nos vai facendo persoas abertas, sinxelas, solidarias, xenerosas e enchoupadas da tenrura de Deus. A ver se verdadeiramente a fe que confesamos sempre que rezamos o credo e a mensaxe que Xesús nos legou, están a cambiarnos, a facernos mellores persoas, a deixar atrás o doado, o que fan tod@s, o que sempre se espera que fagamos. Ter a Xesús como guieiro non debera levarnos a pensar que somos previsibles, que simplemente facemos o que se espera de nós. A fe debe facernos persoas arriscadas, ledas, loitadoras pola xustiza e denunciantes de todo comportamento que non faga das persoas o centro e o importante. Desde os ollos e a mirada de Xesús, a corrupción, o abuso, a inxustiza, a violencia, a indiferenza... non poden ser nunca actitudes que nós practiquemos. Como dicía Isaías respecto a Deus, El cóllenos da man, lévanos por vieiros que fan que as persoas gocen por axudarse e quererse, e non por enfrontarse e facerse de menos unhas a outras. Só deste xeito poderá bendicirnos coa paz, a súa paz. Deste xeito, tamén nós seremos, sempre, porque El nin abandona nin esquece, os seus predilectos.

RENOVACIÓN PROMESAS BAUTISMAIS

(Atendendo á festa que hoxe se celebra, no momento da confesión de fe, e lembrando o momento do noso bautismo, renovamos os compromisos que un día outros fixeron por nós, e que agora de xeito persoal e comunitario publicamente manifestamos.)
´ Cres en Deus, Pai de tod@s e Señor do perdón e a misericordia?
o   SI, CREO
´ Cres en Xesús, que pasou polo mundo facendo o ben, e deixounos unha mensaxe de compromiso solidario, xusto e dignificador da dignidade humana?
o    SI, CREO
´  Cres na Igrexa, que camiña no medio do mundo, coa forza e a presenza do Espírito, para ser a voz dos sen voz e a man aberta e acolledora de todo aquel que se sente desprezado e explotado?
o   SI, CREO
´  Cres na resurrección como camiño e sentido de salvación, que fai que a nosa vida non se deixe vencer pola desesperanza e o desánimo?
o    SI, CREO
Este é a nosa fe, que xuntos acabamos de confesar e compartir uníndonos ao Deus que, facéndose coma un de nós, pasou polo mundo facendo o ben. P.X.N.S. Amén.

FRATERNIDADE ORANTE
Compartamos neste momento a nosa ración comunitaria dicindo xunt@s:
QUE A AUGA DO BAUTISMO CURE A SEDE DO NOSO CORAZÓN
          Que como Igrexa que formamos todas as persoas bautizadas, saibamos esforzarnos por ser sementadores de perdón e misericordia e non de crítica e condena; OREMOS.
QUE A AUGA DO BAUTISMO CURE A SEDE DO NOSO CORAZÓN
          Que como membros da comunidade parroquial que se reúne e celebra a mensaxe de Xesús nos esforcemos por levar acougo e paz coa nosa presenza a quen se sente necesitado delas; OREMOS.
QUE A AUGA DO BAUTISMO CURE A SEDE DO NOSO CORAZÓN
          Que no noso actuar de cada día non esquezamos nunca que Ti, Señor, vas poñendo no camiño de cada día a forza e a ilusión que fan posible que a tristura se converta en alegría e a dor en esperanza; OREMOS.
QUE A AUGA DO BAUTISMO CURE A SEDE DO NOSO CORAZÓN
Señor, ao teu carón seguimos camiñando, sabendo que nunca nos deixas solos. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Dámosche grazas, Señor, porque inda que a nós moitas veces cústanos ver o bo co que nos agasallas, Ti segues a confiar en nós.
Grazas por ser compañeiro na viaxe da vida, ás veces fermosa e outras non tanto.
Grazas por estar aí, por escoitarnos, comprendernos e darnos palabras de ánimo.
Grazas, porque te sentimos preto.
Grazas por facernos descubrir os tesouros que estaban gardados no interior de cada un de nós e non eramos capaces de descubrilos.
Grazas porque non deixas de dicirnos que o importante para ser feliz é pasar facendo o ben, e poñendo sempre no centro das nosas decisións ás persoas, ás que nos concediches a graza de ser “imaxe e semellanza túa”.
Grazas, porque nunca te vas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...