Ir al contenido principal

5 Domingo TO A 2107


SE APRENDEMOS A SER SENSIBLES, NUNCA DEIXAREMOS QUE A TRISTURA, A DOR E A DEBILIDADE DOS IRMÁNS PASE ANTE NÓS COA INDIFERENZA DE QUEN PENSA QUE AS PERSOAS SON "SOBRANTES"
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
LECTURAS: Señor Xesús, bendito sexas (Nº 52)
OFERTORIO: Recibe Señor (Nº 31)
COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 64)
ESCOITA ACTIVA
Comezabamos cantando eu sei de quen me fiei. De verdade que sabemos de quen nos fiamos? Mellor, somos quen de fiarnos de Deus? Non será que en non poucas ocasións pechámonos en nós mesmos, e aínda que as palabras digan que nos fiamos de Deus, o corazón, o pensamento e o noso xeito de comportarnos mostran que só nos fiamos de nós mesmos?
Pero para Deus nunca nada está perdido. El segue a darnos oportunidades para poder cambiar; para deixar atrás o que sabemos que non facemos ben; para mirar cara adiante e volver comezar. Si, porque El é o Deus das persoas e para as persoas, non o Deus do medo nin da condenación.
Escoitaremos hoxe na primeira lectura como o profeta Isaías, facendo súa a voz de Deus, invítanos a non pechar os ollos ao que ocorre ao noso redor, senón a abrilos e esforzarnos en recoñecelo a El nos que nos rodean. Un recoñecemento que ha ser activo, facendo do noso actuar alegría compartida, esperanza vivida e acompañamento solidario.
E que mellor que poñer en marcha este proxecto de Deus dispondo o noso corazón a facer da nosa celebración un momento de agradecemento, petición e sentido comunitario. Con El e xunt@s, as dificultades, que ninguén nolas vai quitar, serán máis doadas. Comecemos, logo, poñéndonos na súa man.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
*      Porque moitas veces endurecemos o corazón ata facernos insensibles ao dano que lle provocamos aos demais; SEÑOR, PERDÓN POR ESQUECERNOS DAS PERSOAS.
*      Porque nos sentimos máis cómodos nunha fe de conservación que non cuestiona a nosa vida, que cunha fe que nos fai mirar ao Evanxeo e pensar no ben que podemos facer; CRISTO, PERDÓN POR ESQUECERNOS DAS PERSOAS.
*      Por non ter querido ser luz para os demais, acompañándoos nas súas dores e dificultades; SEÑOR, PERDÓN POR ESQUECERNOS DAS PERSOAS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·      Definitivamente, nos guste ou non escoitalo, a fe en Xesús, o credo cristián adquire toda a súa fondura e sentido, hoxe e sempre, na medida en que os cristiáns nos deamos conta de que non son os ritos, os costumes ou as tradicións, por moi espectaculares ou seculares que sexan, as que expresan e dan sentido pleno á nosa presenza no mundo de hoxe. Onte, hoxe, e, moitos u poucos, tamén mañá, os crentes ou seremos persoas con sensibilidade para cos pobres, os marxinados e os excluídos..., ou non seremos; é dicir, desapareceremos totalmente da realidade social. E se houbo un tempo no que a Igrexa era sinal de poder, caciquismo ou influencia, hoxe, e desde hoxe en diante sempre, só poderá ser realidade de servizo e solidariedade para cos pobres e débiles. Unha Igrexa dos pobres e cos pobres, como constantemente nos lembra Francisco. E cando falamos da Igrexa non nos referimos só aos bispos, curas ou papa. Non. Entendámolo ou non, Igrexa somos todos os bautizados que queiramos selo. Isto non se impón por rito nin decisións de terceiros, senón que é froito dunha decisión persoal: do si quero pasamos ao si creo. E a isto responde a primeira lectura do libro de Isaías que acabamos de escoitar. A fe, inda que moitos así o vivan, e outros o pensen, non é unha milonga, unha experiencia de manipulación das conciencias nin tampouco unha realidade desaborida e baleira na vida das persoas. Todo o contrario. A fe é compromiso, vida, acción, concreción real e histórica de solidariedade, escoita, diálogo, acompañamento... e sempre desde a perspectiva da plenitude que nos ofrece a esperanza en Xesús e que nos leva a abrirnos ao misterio do Deus que, logo do noso paso comprometido polo mundo, nos acolle no seu final e nos di: entra. Por iso todo canto signifique optar polos últimos, polos que están nas periferias –na exclusión: económica, cultural, persoal...-, polos sobrantes, será sinal do seu sentido e da súa necesaria presenza na vida das persoas. Unha presenza que nos fai sensibles aos demais, e con capacidade de trascender o puramente material que só busca resultado, ganancia ou éxito. A plenitude de Deus pasa, necesariamente, pola capacidade das persoas para mirarnos, recoñecernos e camiñar xunt@s superando calquera intento de manipularnos ou facernos de menos.
·      Desde esta visión da fe que se nutre da Palabra de Deus, seremos capaces de superar a tebra para chegar á luz; e faremos das experiencias de dor, tebra e abuso por parte dos máis fortes, unha experiencia de resilencia: aprender a sacar das experiencias negativas o que poidan ter de positivo, evitando afundirnos no sensentido dunha soidade que nos exclúe e nos leva á indiferenza. Esa experiencia de resilencia é a que fai que nas tebras poida brillar unha luz, a pesares das dificultades, incomprensións ou inxustizas. E iso é así porque cremos na esperanza. E quen o sabe non se deixa levar pola premura do que nos vai ocorrendo, senón que vai descubrindo un sentido último que nos achega a Deus,e dá sentido á semente de divindade que foi poñendo en cada un de nós, para diferenciarnos de todo o demais, e para evitar que sexamos cousas coas que se pode xogar. Sendo importantes os demais seres vivos, non debemos confundir nin mesturar onde estamos cada un de nós. Respecto para todo, pero compromiso sempre coas persoas: imaxe e semellanza de Deus.
·      O que nos iguala a todos, o que afasta a tentación de crernos mellores e superiores aos demais, o que nos une na loita porque outro mundo, e outra maneira de relacionarnos dentro del, é posible. Inda que ás veces non o pareza. Por iso é tan importante non deixarnos levar das primeiras impresións, senón que debemos facer o esforzo por ir ás causas das cousas, superando a tentación da credulidade de quen non é capaz de introducir no que ve e fai a necesaria reflexión que clarifica, axusta e nos dá razóns para as nosas opcións e decisións. Paulo explícao na primeira das frases da carta aos Corintios que lemos hoxe, cando afirma que chegou a esta comunidade con sinxeleza e humildade, buscando ser, que non servirse. Porque a súa referencia -tamén debera ser a nosa-, é Cristo. Non o efémero dun mundo que vai moi de présa e leva por diante ás persoas, sen pararse no camiño, coma o samaritano, para prestarlles atención. O que nos leva a ter que ser luz e sal no medio dun mundo tantas veces ás escuras e case sempre desaborido. E se somos luz, tense que notar: a mirada que teñamos do mundo ha ser unha mirada que capte, transmita e traslade esa luz que recibimos do seguimento de Xesús. Non estamos no mundo para ser cristiáns de nome; cristiáns sociolóxicos e inertes –tampouco a luz se acende para escondela- senón que levar con dignidade solidaria o nome de cristiáns esíxenos ter actitudes que unan, fomenten a colaboración e non fagan nunca por poñer tristeza, abuso, violencia ou maltrato -e este pode ser físico, psicolóxico e verbal: que facemos senón cando inventamos o que non é verdade respecto dunha persoa?- polo noso actuar no corazón e na vida dos demais. Porque, queiramos ou non entendelo, o que facemos, para ben u para mal, sempre ten consecuencias para as persoas. Esforcémonos logo por ser luz, nun mundo no que moitas veces hai demasiada tebra.
FRATERNIDADE ORANTE
Compartamos este momento de oración comunitaria facendo nosas as dores e as espranzas dos homes e mulleres do noso tempo, a quen nos unimos dicindo xunt@s:
SEÑOR, QUE NOS ESFORCEMOS POR SER LUZ PARA OS DEMAIS
Para que os que conformamos a Igrexa non deixemos que a rutina, o que fan tod@s ou as costumes, apaguen en nós a ansia por vivir o Evanxeo servindo aos débiles e necesitados, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS ESFORCEMOS POR SER LUZ PARA OS DEMAIS
Para que nas nosas parroquias nos esforcemos por ser sementadores do que une, e non do que divide e desparrama, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS ESFORCEMOS POR SER LUZ PARA OS DEMAIS
Para que na nosa maneira de facer as cousas cada día, saibamos transmitir alegría, esperanza e ilusión, de xeito que mova e dispoña o corazón de cantos nos miran a achegarse ao Evanxeo, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS ESFORCEMOS POR SER LUZ PARA OS DEMAIS
Señor Xesús, que nos esforcemos por facer as cousas ben, poñéndolle a alegría que ti nos mostraches, o cariño co que ti te achegaches aos "sobrantes" do teu tempo, e a constancia que non nos deixe abandonar a quen se sente so e esquecido. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Puxéchesnos, Señor, nesta terra, como luz, como fogueira abrasadora, a nós que apenas mantemos acendida a fe das nosas lámpadas. Deixáchesnos, Señor, coma testemuñas, como anuncio brillante entre a xente, a nós, o teu pobo vacilante, aos teus seguidores de lingua temblorosa. Non te oirán si nós calamos, si as túas fillas e os teus fillos te apartan dos seus beizos. Non verán a forza da túa presenza, se os teus fieis te ocultan coas súas sombras. Enfortece, Señor, a nosa fraqueza. Que anunciemos a túa Palabra; que resoe a túa voz na nosa boca; que a túa Luz resplandeza na nosas vidas; que teu lume sexa sempre chama viva nos nosos corazóns. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...

5 Pascua 2024

Só sabendo rectificar seremos quen de superar os nosos prexuízos CANTOS * ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5) * LECTURAS: Escoita ti a palabra de Deus (Nº26 ) * OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36) * COMUÑÓN: Acharte presente na vida (Nº 51) ALENTANDO O CORAZÓN   Dinos a lectura dos Feitos dos Apóstolos que imos proclamar hoxe, que os discípulos de Xerusalén non se fiaban de Saulo, tíñanlle medo, por iso non acababan de crer a súa conversión fose verdadeira. Como lle custaba fiarse daquel que os perseguira e polo que moitos deles acabaron no cárcere! Algo así tamén nos pode pasar hoxe a nós cando facemos da desconfianza a maneira de achegarnos ás demais persoas; cando non nos fiamos do que nos din ou do que fan aqueles que noutro tempo non eran dos nosos. Pero os Apóstolos foron quen de esforzarse por superar os seus prexuízos, e acabaron acollendo e aceptando a Saulo entro os do seu grupo. Que tamén nós saibamos vencer os nosos prexuízos e volver confia...