Ir al contenido principal

2 Coresma 2017 A


Abandonemos a nosa zona de conforto e traballemos por unha evanxelización creativa, renovada e sempre evanxélica
SINAL DE CORESMA
Seguimos cubrindo o corazón con outra peza do crebacabezas. 

Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Seguirei os teus pasos (nº 103)
o   LECTURAS: As túas palabras
o   OFERTORIO: Eiquí están, Señor (Nº 32)
o   COMUÑÓN: No noite escura (Nº 104)
ESCOITA ACTIVA
            "Sae de túa terra". Así comeza a primeira lectura que temos lido hoxe do libro da Xénese. Saír, poñerse en camiño, non deixarse levar da rutina, apostar por superar a inercia que tantas veces nos inhibe de facer cousas novas e verdadeiramente estimulantes para nós e para a nosa nosa vida. As palabras que hoxe imos escoitar do libro da Xénese son toda unha chamada, tamén unha invitación, a espabilar, a non deixar que o de sempre, o sempre se fixo así, o isto vén de moitos anos... acaben por esmorecernos, facendo que morra en nós todo intento de saír da comodidade dos nosos grupos, as nosas celebracións ou as nosas acomodacións da vida de fe. Non deixemos que a frescura do Evanxeo desapareza pola nosa falta de ilusión. Prestemos atención aos sinais dos tempos, a canto pasa ao noso redor, para saber descubrir no medio deles o rostro de Cristo e a súa chamada a actuar.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Porque a nosa acomodación e rutina empobrecen a frescura e a ilusión que nos ofrece a fe; SEÑOR, QUE A MEDIOCRIDADE NON ANIÑE EN NÓS.
·      Porque nos custa despendernos de comportamentos que nos entristecen e afastan do Evanxeo; CRISTO, QUE A MEDIOCRIDADE NON ANIÑE EN NÓS.
·      Porque nos conformamos con ritos, pero non apostamos por comportamentos renovadores, esperanzados e capaces de conmovernos no noso actuar cos demais; SEÑOR, QUE A MEDIOCRIDADE NON ANIÑE EN NÓS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
O tempo de coresma é un tempo que nos invita a esforzarnos a saír de nós; a deixar a comodidade na que nos imos metendo e que nos fai insensibles ao que pasa ao noso redor, entrando entón nunha zona de conforto persoal onde deixamos que o tempo pase; pero sen esforzarnos por romper a inercia dos costumes. Neste senso este tempo litúrxico pode ser un bo momento que nos axude a romper, a non conformarnos co de sempre, a vencer a inercia do desalento. Só así seremos capaces de poñernos en camiño, de deixar atrás canto nos leva a mirar sen ver e a escoitar sen oír. É a coresma un tempo de renovación e cambio, para que desde a pedagoxía de Deus, que nos leva da súa man, vaiamos botando fóra o que sabemos que nin nos convén nin nos fai felices. E para iso hai que poñerse en camiño, saír de nós, non ter medo e aprender a vivir desde a esperanza que nunca se pecha no presente, senón que desde el nos vai abrindo camiños de futuro, de cambio e conversión. E do mesmo xeito que o Señor lle dicía a Abram, tamén nolo di a nós: a súa bendición vai ser o pulo que nos alente, que non nos deixe caer no desencanto, que non nos converta en corazóns empedrados aos que xa é imposible cambiar.
Nesta travesía, que moitas veces se nos fai longa, agradecemos a compaña de quen nos chama a poñernos en camiño, por iso diciamos, como rezabamos no salmo responsorial: "veña a nós a túa misericordia”. Porque se non fose así, se El non fose un Deus de misericordia, que sentido tería crer nel? Pero non, El é tenrura e misericordia, e sabe poñer o seu corazón en nós, os necesitados, os pequenos, os que tantas veces nos sentimos desasistidos e necesitados da súa compaña. Acaso non é isto o que esperamos? En Cristo descubrimos este rostro achegado e sempre presente de Deus. Un rostro que sendo presenza non prescinde da nosa humanidade (o contrario sería converternos en monicreques ao seu servizo): dor, tristura, enfermidade... pero nunca solos. Compañeiro neste camiño, ás veces duro e as veces doado, vai dando mostras do seu amor a través das persoas que pon ao noso lado para que nos fagan e lles fagamos da vida verdadeira experiencia de humanidade. Non permitamos que ninguén nos solte da súa man. Tampouco o fagamos nós!
Sabernos acompañados por El fai que descubramos que a vida é moito máis que a nosa propia experiencia, que nela tamén hai sitio para o encontro cos demais, para a alegría da amizade, para a solidariedade compartida e enriquecedora que nos fai iguais e nunca indiferentes. E do mesmo xeito que lles pasou a aqueles discípulos no monte, debemos deixarnos estremecer por El. Un estremecemento que fai posible o encontro cos demais, que nos obriga a ver canto pasa ao noso redor, a non deixarnos levar da tentación do abandono e de pecharnos en nós mesmos. A vida desde a experiencia de Xesús é sempre encontro e manifestación de que as cousas poden e deben cambiar, de que o engano e a mentira non van triunfar inda que o pareza; de que sempre vai ser posible un novo xeito de facer as cousas e de construír o mundo. E inda que nos veña a tentación de darlle as costas aos problemas, como a tiveron aqueles que xa querían quedar no monte para sempre, temos que vencela respondendo ao que Xesús quere de nós, como quixo de Pedro, Santiago e Xoán. Pr iso, coma a eles, tamén nos di a nós: erguédevos e non teñades medo! Ese medo que as veces nos avergoña. Ese medo que ás veces nos fai calar ante o comportamento inxusto. Ese medo que nos fai cómodos pensando que o que lle pasa aos demais nunca nos vai pasar a nós. Venzamos logo ese medo e sumemos, solidaria e esperanzadamente, uníndonos a toda iniciativa que loite contra o que oprime, explota ou invisibiliza ás persoas. E que mellor que este tempo de coresma para romper co vello e comezar a construír o novo coa mirada de Xesús.
FRATERNIDADE ORANTE
Deus mándanos baixar das nubes onde ás veces escapamos para non afrontar os problemas cos que nos imos atopando.Respondendo a esta misión que nos encomenda digamos xunt@s:
QUE NON TEÑAMOS MEDO A ANUNCIAR O EVANXEO COA NOSA VIDA
Para que a Igrexa asuma que ha ser unha Igrexa sempre cos pés no chan e o corazón no Evanxeo, para deste xeito poder servir ás persoas; a tódalas persoas, OREMOS.
QUE NON TEÑAMOS MEDO A ANUNCIAR O EVANXEO COA NOSA VIDA
Para que nos esforcemos por entendernos uns veciños cos outros, superando a tentación de destruír e separar, porque sendo o máis fácil, non é o que quere Xesús de nós, OREMOS.
QUE NON TEÑAMOS MEDO A ANUNCIAR O EVANXEO COA NOSA VIDA
Para que a nosa vida, neste tempo de coresma e sempre, sexa un esforzo por converternos á invitación de Xesús de non pechar os ollos ás dores do noso mundo, e na medida que poidamos vaiamos aprendendo a tender a nosa man para colaborar nas causas que buscan facer o ben aos demais, OREMOS.
QUE NON TEÑAMOS MEDO A ANUNCIAR O EVANXEO COA NOSA VIDA
Pedímoscho a Ti, Señor, baixo cuxo amparo e protección sentimos a túa tenrura e  agarimo. PXNS. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Transfigúrame, Señor, transfigúrame.
Quero ser a túa vidreira,
a túa alta vidreira azul, morada e amarela.
Quero ser a miña figura, si, a miña historia;
pero de ti na túa gloria traspasado.
Mais non a min só,
purifica tamén a todos os fillos do teu Pai
que che rezan comigo ou che rezaron,
ou mesmo nin unha nai tiveron
que os ensinara o bísbese do Noso Pai.
Se por acaso non te saben, ou de ti dubidan,
ou desde Ti blasfeman,
límpalles o rostro como fixo contigo a Verónica;
descórrelles as cataratas dos seus ollos,
que te vexan,Señor, como te vexo eu.
Que todos poidan, na mesma nube que a ti te envolve,
espirse do mal e revestirse da súa figura vella e en ti transfigurada.
E a min, con todos eles, transfigúrame. Amén
( Gerardo Diego. Do libro de Caritas para Coresma e Pascua.)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...