Ir al contenido principal

4 Domingo Coresma 2017 A


Porque Deus non olla coma os homes, senón desde o corazón, avancemos na conversión do noso corazón de pedra en corazón de carne
SINAL DE CORESMA
Colocamos o cuarto elemento do quebracabezas sobre o corazón que temos no taboleiro situado diante do altar.

Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (nº 11)
o   LECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
o   OFERTORIO: Eiquí están, Señor (Nº 32)
o   COMUÑÓN: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
ESCOITA ACTIVA
         Nun mundo no que estamos permanentemente expostos, e no que parece que a privacidade comeza a ser un ben cada vez máis escaso, o profeta Samuel lémbranos que o ollar de Deus non queda na simple exposición, no superficial, no previsible que todos esperan, senón que vai ao profundo: ao corazón. E nas nosas comunidades ao longo desta coresma estamos tentando substituír a dureza do corazón de pedra no que ás veces caemos pola quentura do corazón de carne. Esforcémonos para que a ollada de Deus poida ser tamén a nosa ollada, vencendo a tentación de fixarnos só no de fóra, no superficial, para afondar no que nos descobre coma iguais e irmáns.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Para que o noso ollar sexa profundo e non superficial; SEÑOR, ACOLLE A NOSA ORACIÓN.
·      Para que non caiamos na tentación de xulgar aos demais; CRISTO, ACOLLE A NOSA ORACIÓN.
·      Para que aprendamos a falar despois de pensar, e non arroutadamente; SEÑOR, ACOLLE A NOSA ORACIÓN.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
“Non te fixes no seu bo ver, nin na súa estatura. Ese está excluído, pois Deus non olla coma os homes. Os homes ven as aparencias, pero Deus ve o corazón". As palabras de Samuel apuntan cara unha experiencia de Deus que está moi lonxe da nosa vida. Fálasenos do Deus que mira o profundo, que non queda no superficial que se mostra para o aplauso fácil, o sorriso benevolente ou a falsa amizade. Así é o noso ollar; pero este xeito de achegarnos e relacionarnos uns cos outros está moi lonxe do ollar de Deus. O seu é o ollar de quen escoita, acompaña, alenta, faise presente inda que custe e doia. O actuar de Deus é o actuar de quen verdadeiramente quere e se sente amigo... por riba de recoñecementos, intereses ou poder. El móstrasenos na sinxeleza do amigo. Pero non só iso, senón que nos chama e invita a que tamén nos mostremos nós así con aqueles cos que nos relacionamos. A amizade é un don que hai que construír desde actitudes de confianza e fidelidade, non desde a busca do beneficio nin a ganancia. Que nos pide senón a coresma cando nos invita ao cambio do corazón?
“Guíame por vereas rectas,por mor do seu nome. Se tiver de pasar por vagoadas sombrizas, ningún mal temería, pois ti vas comigo”. E porque isto non é un sopro de xenialidade, senón un proceso no que hai que ir implicándose, ao longo de todo el non imos solos. El vainos facendo de guía. O guía da tenrura, da entrega xenerosa, do compromiso cos máis pobres, na nosa presenza evanxelizadora nos lugares onde xa se foron todos porque, desde o punto de vista do sistema de ganancia e beneficios, xa nada se pode, xa nada se vai sacar. Pois cando parece que non hai xa ninguén, e non queda máis que o abandono; alí está Deus. El é o Pastor que vive por e para as súas ovellas. E a pesares das dificultades, os fracasos, as incomprensións, as inxustizas... todo o contrapunto dun vivir humano, alí está El connosco, o que fai que perdamos o medo e arrisquemos por todo canto paga a pena.
“Ti naciches todo metido en pecados ¿e vasnos ensinar a nós?” El está no silencio e no barullo, na incomprensión e na ledicia. Pero non está para estigmatizarnos, para sinalarnos ou xulgarnos. Para iso xa nos valemos nós solos; e como ben sabemos, somos campións. Non. El está non para pedir contas: os prexuízos tíñannos os que estaban alí, non Xesús, por iso na súa soberbia, coidan que ninguén sabe máis ca eles:”Vasnos ensinar ti a nós?”. Verdade que esa frase témola pronunciado nós moitas veces cando nos consideramos mellores, máis listos ou sabios ca os demais? Pois ese non é o xeito de mirar de Deus. A súa mirada non pestanexa, non se pon nerviosa cando tamén outros o miran a El, non disimula aparentando o que non é. El para, escoita e acolle. Non xulga. E o que sae dos seus beizos sempre é un alento, un empurrón cara adiante, unha palabra de ánimo: vai. É dicir, non te quedes, non te pares, non te deixes levar polo que oes. Sé ti mesmo. Aí atoparás a felicidade, e comezarás a entender por que é necesario cambiar o corazón. Que non cansemos nunca de dicir: Señor, que vexa!!!
FRATERNIDADE ORANTE
Na man do Señor, pastor sempre preocupado, poñemos agora a nosa oración e dicimos:
GUÍANOS POLAS VEREAS RECTAS
Para que a Igrexa traballe pola paz, o entendemento e a xustiza; OREMOS.
GUÍANOS POLAS VEREAS RECTAS
Para que nas nosas parroquias non renunciemos á fe que nos une, nos reúne e nos chama a preocuparnos uns dos outros; OREMOS.
GUÍANOS POLAS VEREAS RECTAS
Para que nós nos esforcemos para facer deste tempo de coresma un tempo de verdadeira renovación ,interior e exterior, aprendendo da mirada de Deus; OREMOS.
GUÍANOS POLAS VEREAS RECTAS
Grazas, Señor, por espertar en nós a sensibilidade a mirar o mundo con ollos de humanidade e non de destrución. PXNS. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Señor, que aprendamos a mirar coa profundidade dos teus ollos:
·      Un ver desde dentro, sentíndonos dispostos a tender a man para axudar.
·      Un ver desde a solidariedade: con corazón capaz de cambiarnos e facer posible que outros cambien .
·      Un ver desde a perspectiva evanxélica dos pobres e insignificantes. Ter ollos para o pequeno e o humilde.
·      Un ver con sentido crítico, buscando sempre a razón das cousas, o que é xusto, o que fai ben.
·      Ver en profundidade, intentando chegar ás actitudes éticas e espirituais das que temos a Xesús como camiño, verdade e vida.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...