Ir al contenido principal

5 Coresma 2017 A


MARTA CREU….E TAMÉN RESUCITOU
SINAL DE CORESMA
Colocamos a quinta e derradeira peza do quebracabezas sobre o corazón que temos no taboleiro situado diante do altar.

CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Arrepentido (nº 13)
o   LECTURAS: Na noite escura (Nº 104)
o   OFERTORIO: Canta o sol, canta o mar (Nº 22)
o   COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
ESCOITA ACTIVA
         A vida de cada un de nós é unha experiencia chea de contrastes. Ao lado das nosas pobrezas: afán de protagonismo, envexas, egoísmo, inxustizas... están tamén a solidariedade, o amor, o servizo aos demais, o compartir... Estas actitudes, positivas e negativas, van facendo que vaiamos configurando a nosas personalidade, o noso xeito de ver e de facer as cousas.
            E neste proceso de cambio que é a Coresma no que queremos ir pasando de situacións de morte a situacións de vida, dun corazón de pedra a un corazón de carne, son moi importantes os principios, valores e criterios que imos asumindo e desde os que queremos actuar á hora de tomar decisións sobre as cousas nas que nos vemos implicados.
         Hoxe, a celebración, invítanos a reflexionar sobre esta necesidade de ir morrendo a actitudes negativas para así, fieis á mensaxe de Xesús e ben enraizados na nosa fe, poder contemplar a gloria dun Deus que se fai compañeiro de camiño.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Ti sentiches a dor da morte do teu amigo Lázaro. Porque o noso corazón en moitos casos é un corazón de pedra, incapaz de doerse diante da traxedia de tantos e tantos irmáns e irmás nosos que teñen que deixar atrás o seu país, a súa cultura, a súa familia... para buscar un futuro mellor; SEÑOR, QUE ANDEMOS NUNHA VIDA NOVA
·      Ti buscaches consolo en Marta e María. Porque en demasiadas ocasións a nosa autosuficiencia e a nosa soberbia impiden que compartamos os nosos problemas e preocupacións coa nosa familia, cos amigos, coa xente que nos quere; CRISTO, QUE ANDEMOS NUNHA VIDA NOVA.
·      Ti disnos “Eu son a resurrección e a vida”. Polas veces nas que o noso pesimismo nos impide descubrir tantos e tantos sinais de vida que pos a mans cheas ao noso redor; SEÑOR, QUE ANDEMOS NUNHA VIDA NOVA
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
A experiencia vital de cada un de nós está chea de contrastes: somos capaces de sentir mágoa por alguén ao que queremos, pero permanecemos insensibles cando ese alguén non ten rostro cercano, cando non nos chega de perto; somos capaces de ser moi solidarios na loita contra a paz a moitos kilómetros das nosas casas; pero incapaces de poñernos a ben co veciño a quen levamos anos sen falarlle; somos... que nos pasa? Por que esa dobre maneira de actuar? Non nos dicimos seguidores do que soubo amar aos que tramaban actuar contra del?... que a Palabra nos cuestione.
Nas portas da Paixón e da Pascua do Señor, a memoria de Xesús que chama por Lázaro (“ven fóra”) e pola súa irmá María (“O mestre está aquí e chama por ti”), convértese nunha chamada á vida en plenitude, a participar desde agora na resurrección. Se a chamada fose para ter a mesma vida que xa estaba a vivir, de pouco serviría. Sería prolongar aínda máis as dores e sufrimentos desta vida e forzar ao pobre Lázaro a ter que atravesar dúas veces as terribles portas da morte. Pero Xesús sabe que moitas veces somos como mortos en vida, que temos morta a ilusión, a esperanza, a solidariedade, a ledicia de vivir, a capacidade de loitar para que rompa o día dunha vida nova, para cada quen de nós e para a xente toda.
Por iso hoxe o Señor chámanos a cada un e cada unha de nós, coma a Lázaro, para que saiamos das nosas sepulturas:
Da sepultura da rutina na que vivimos mergullad@s, demasiado afeitos aos nosos ritos relixiosos, demasiado ben estruturados, demasiado esquematizados…. Deixémonos sorprender!.
Da sepultura da desesperanza. Vivimos no desencanto, sen lugar para as utopías. Atrevámonos a soñar!.
Da sepultura do medo e da incapacidade. Parécenos que xa non podemos, que xa non servimos, que non conectamos… Recuperemos a ilusión e a fe en nós mesmos… e nos demais!.
Da sepultura das nosas tristuras e dos nosos illamentos, que nos fan mediocres e infelices. O Señor é unha festa interminable, descubrámolo!.
ð Da sepultura do egoísmo, respirando o aire fresco da multiculturalidade, da alteridade. Contamínate c@s irmáns!.
Desde que Xesús nos dixo “Eu son a resurrección e a vida”, todo ten un novo sentido, todo se pode esperar, todo se pode soñar… mesmo o imposible. Iso foi o que lle aconteceu a Marta na pasaxe evanxélica que vimos de proclamar. Ela estaba morrendo de pena e de dúbidas, e por iso “sae ao encontro de Xesús”. E Marta resucitou… porque confesou e creu…. Non só sabía servir, senón tamén escoitar a Palabra…. E non só creu, senón que soubo comunicarlle a súa fe e a súa esperanza á súa irmá. Se queremos vivir a resurrección en plenitude, hai que remexer a casa para saber que é o que cheira mal (como cando hai un rato morto detrás dun armario ou algo podre no frigorífico). A cadaquén de nós e á nosa Igrexa como comunidade correspóndenos escoitar a chamada de Xesús e abrir portas e fiestras para que entre o aire do Espírito.
Estamos dispost@s a saír das nosas sepulturas para resucitar?.
FRATERNIDADE ORANTE
Cando a amizade é un valor, un valor fundamental na nosa apertura aos outros, é capaz de superar  a meirande das dificultades e de perdoar o maior dos erros. Xesús, hoxe móstranos como ten que ser este camiñar na amizade, poñamos nel a nosa forza e digamos:
SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA
Grazas Señor polo don da Coresma, que nos invita a reflexionar sobre os sinais de morte que hai na vida da Igrexa, e na de cada un de nós para que resucitemos a unha vida nova; OREMOS.
SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA
Moitas veces as nosas comunidades caen na rutina, a mediocridade e o desalento; para que como Marta e María, saibamos buscar medios que nos axuden a endereitar o noso rumbo; OREMOS.
SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA
Grazas Señor porque camiñan connosco persoas que entregan a súa vida a prol dos máis febles, dando así testemuña túa e creando ó noso redor ámbitos da túa presenza; OREMOS.
SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA
Grazas, Señor, por chamarnos a unha vida nova de plenitude e felicidade. PXNS. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Nos momentos duros, míranos con misericordia.
Cando somos tentados e fraqueamos, míranos con misericordia.
Cando estamos cegos e ofuscados, míranos con misericordia.
Cando somos capaces do peor, míranos con misericordia.
Cando tropezamos e caemos, míranos con misericordia.
Cando non recoñecemos os nosos erros, míranos con misericordia.
Cando facemos sufrir ao irmán ou á irmá, míranos con misericordia.
Cando nos facemos sufrir a nós mesmos, míranos con misericordia.
E cando pasamos pola noite, axúdanos coa túa misericordia.
Cando entramos no deserto, axúdanos coa túa misericordia.
Cando buscamos sedentos, axúdanos coa túa misericordia.
Cando subimos ao monte, axúdanos coa túa misericordia.
Cando nos pesa a cruz, axúdanos coa túa misericordia.
Cando nos pesa o irmán ou a irmá, axúdanos coa túa misericordia.
Cando nos morde a crítica ou un bico traizoeiro, axúdanos coa túa misericordia.
Cando xa non podemos máis, axúdanos coa túa misericordia.

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...