ESQUEMA
1)LITURXIA DA PALABRA
2)
FRATERNIDADE ORANTE
3)
ADORACIÓN DA CRUZ
4)
COMUÑÓN
CANTOS
Comuñón: Na noite escura (Nº 104)
Descarga o ficheiro
ante as chagas dos ninguén, Ti dásnos, Señor, un corazón para superar o
sufrimento e compartir a esperanza
XESTO DE
COMEZO: Igrexa en silencio e sen prender as
luces. Quen preside comeza camiñando en silencio desde o fondo da Igrexa,
traendo nas súas mans o cartel que nos axudou a prepararnos ao longo da
coresma: CAMBIAREI O TEU CORAZÓN DE
PEDRA EN CORAZÓN DE CARNE. Ao chegar ao monumento déixao alí.
Unha cruz de anverso e reverso
Hoxe é día de Venres Santo, e na celebración o
centro ao que temos que dirixir a nosa mirada é ao sagrario baleiro e á cruz
que se nos mostrará coma árbore na que van cravadas as chagas do noso mundo. Unhas
chagas que fan sufrir e ignorar moitas veces que somos persoas, que somos
iguais, que somos dignidade; e que o somos todos e todas, sen distinción de
xénero, raza, relixión ou cultura. Ante a cruz do Deus que se dá en sufrimento,
non hai distinción: tod@s somos iguais.
Pero esta cruz tamén ten o seu reverso, un reverso
que nos mostra que é posible seguir camiñando, e que ao final do camiño a morte
vai ser vencida. Que os de sempre non van gañar. Que o abuso, a mentira, a
corrupción, o engano, o maltrato... están, si; pero non van quedar para sempre,
porque a cruz dinos que, se acollemos a salvación, venceremos.
(Desde a
sé faise a oración sen dicir oremos)
DESDE O ECO DA TÚA VOZ
Lembra,
Señor, que a túa tenrura e a túa misericordia son eternas. Santifica aos teus
fillos e ás túas fillas e protéxeos sempre, pois Xesucristo, o teu Fillo, no
noso favor instituíu por medio do seu sangue o misterio pascual. P.X.N.S. Amén.
Palabra que dÁ vida
PROCLAMACIÓN
DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Velaí: o Excelso, o
Sublime, o Altísimo daralle éxito ao seu Servo. A grande multitude quedará
abraiada ante el, pois o seu aspecto non parecía o dun home.
Non tiña beleza nin
esplendor; vímolo, e o seu aspecto non era atraente. Desprezado, o máis
rexeitado dos homes, varón de sufrimentos, familiarizado coa dor. Coma alguén
de quen se esconde a cara, desprezado, non lle tivemos aprezo.
El cargou coas nosas
dores, el soportou os nosos sufrimentos. Nós considerámolo ferido. Pero foi
ferido por causa das nosas rebeldías, foi esmagado polas nosas iniquidades.
Todos nós coma rabaño
andabamos perdidos, cada un polo seu camiño. Pero o Señor puxo nel a iniquidade
de todos nós. Foi oprimido, foi aflixido; pero el non abriu a súa boca. Ninguén
se preocupou da súa vida.
El foi arrincado do
mundo dos vivos, para o noso ben foi ferido pola rebeldía do seu pobo. Pero el
verá descendencia, alongará os seus días e por medio del cumprirase a salvación
do Señor.
Polos traballos da súa
vida verá a luz, alcanzará a sabedoría. O Xusto volverá xusto o seu Servo para
o ben de moitos.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN
DA PAIXÓN DO NOSO SEÑOR
XESÚS CRISTO SEGUNDO XOÁN
C.- Saíu Xesús cos seus discípulos para a outra banda
do regueiro Cedrón, onde había unha horta, na que entrou el e mailos seus
discípulos. Tamén Xudas, o que o había entregar, coñecía aquela horta, pois en
moitas ocasións estivera alí Xesús cos seus discípulos. Xudas levaba a patrulla
e a garda dos sumos pontífices e dos fariseos, chegou alí con farois, fachos e
armas. Entón Xesús, sabendo todo o que lle viña enriba, adiantouse e
preguntoulles:
+ ‑¿A quen buscades?
C.- Respondéronlle:
S.‑ A Xesús de Nazaret.
C.- Díxolles El:
+. ‑ Eu son.
C.- Estaba tamén con eles Xudas, o que o entregaba.
Cando lles dixo Eu son, botáronse para atrás e caeron ó chan. Entón,
preguntoulles outra vez:
+. ‑ A quen buscades?
C.- Eles contestaron:
S.‑ A Xesús de Nazaret.
C.- Xesús respondeulles:
+ .‑ Díxenvos que "son eu": así que, se me
buscades a min, deixade marchar a estes.
C.- Así cumpriuse a palabra que dixera: "non
perdín ningún dos que me deches".
C.- Entón Simón Pedro, que tiña unha espada,
desenvaiñouna e feriu ó garda do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita.
O nome do garda era Malco. Pero Xesús díxolle a Pedro:
+ ‑ Mete a espada na vaíña; e, logo, non hei bebe-lo
cáliz que me deu o Pai?
C.- Entón a patrulla, o tribuno e mailos gardas dos
xudeus, agarraron a Xesús e prendérono. Levárono primeiro onda Anás, que era
sogro de Caifás, o Sumo Sacerdote daquel ano. (Era Caifás aquel que lles dera
ós xudeus o consello: "Convén que un home morra polo pobo").
Seguían a Xesús Simón Pedro e mais outro discípulo.
Este discípulo, por ser coñecido do Sumo Sacerdote, entrou con Xesús no adro do
palacio do Sumo Sacerdote. Pedro estaba fóra, na porta. Entón saíu o outro
discípulo ‑o coñecido do Sumo Sacerdote‑, falou coa porteira, e fixo entrar a
Pedro. A porteira preguntoulle a Pedro:
S.- Non es tamén ti dos discípulos dese home?
C.- El contestou:
S.- Non son.
C.- Estaban os
criados e os gardas facendo unha fogueira, porque facía frío, e aquecíanse.
Estaba tamén Pedro con eles, de pé, aquecéndose. Entón o Sumo Sacerdote
interrogou a Xesús acerca dos seus discípulos e da súa doutrina. Xesús
respondeulle:
+ .‑ Eu falei á vista do mundo, publicamente; eu
sempre ensinei na sinagoga e no templo, onde se xuntan tódolos xudeus, e non
falei nada ás agachadas. Por que me preguntas a min? Pregúntalles ós que me
oíron de que lles falei: eles saben ben o que dixen.
C.- Ao dicir isto, un dos gardas alí presentes,
deulle unha labazada a Xesús, dicindo:
S.- Así lle respondes ó Sumo Sacerdote?
C.- Xesús replicoulle:
+ .‑ Se falei mal, demóstrame en que; e se falei
ben, por que me pegas?
C.- Entón Anás mandouno amarrado onda Caifás, o Sumo
Sacerdote. Estaba Simón Pedro de pé, quentándose, e preguntáronlle:
S.- Non es tamén ti dos seus discípulos?
C.- El negouno, dicindo:
S.- Non son.
C.- Un dos criados do Sumo Sacerdote, parente daquel
a quen Pedro lle cortara a orella, replicoulle:
S.- E logo non te vin eu na horta con el?
C.- Pedro negou outra vez; e naquel intre empezou a
cantar un galo. Levaron entón a Xesús de onda Caifás ó Pretorio. Era a
amañecida. Eles non entraron no Pretorio para non se contaminaren e así poderen
come-la Pascua. Saíu entón fóra Pilato, onda eles, e preguntou:
S.- Que acusación traedes contra este home?
C.- Eles responderon:
S.- Se este non fose un malfeitor, non cho
entregabamos.
C.- Díxolles entón Pilato:
S.- Collédeo vós e xulgádeo segundo a vosa Lei.
C.- Os xudeus contestáronlle:
S.- Non nos é lícito matar a ninguén.
C.- Así se cumpriu a palabra de Xesús, sinalando con
que morte había morrer.Entón entrou Pilato outra vez no Pretorio, chamou por
Xesús e preguntoulle:
S.- Es ti o Rei dos Xudeus?
C.- Xesús respondeu:
+. – Dis iso ti pola túa conta ou dixéroncho outros
de min?
C.- Pilato replicou:
S.- E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes
entregáronte a min: que fixeches?
C.- Xesús contestoulle:
+ .‑ O meu reino non é deste mundo; se deste mundo
fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase ós xudeus; pero
o meu reino non é de aquí.
C.- Díxolle entón Pilato:
S.- Logo ti es Rei?
C.- Xesús respondeu:
+. ‑ Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso
nacín e para iso vin ó mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está
aberto á verdade, escoita a miña voz.
C.- Pilato preguntoulle:
S.- Que é a verdade?
C.- E, dito isto, saíu onda os xudeus e díxolles:
S.- Eu non atopo nel culpa ningunha. Hai entre vós o
costume de que eu vos solte alguén pola Pascua. Queredes, logo, que vos solte ó
Rei dos Xudeus?.
C.- Berraron entón outra vez, dicindo:
S.- Non. A ese non; a Barrabás.
C.- (O tal Barrabás era un bandido). Entón Pilato
colleu a Xesús e mandouno azoutar. Os soldados, tecendo unha coroa con espiños,
puxéronlla na cabeza, vestíronlle un manto de púrpura, e, inclinándose diante
del, dicíanlle: "Salve, Rei dos Xudeus!". E dábanlle labazadas.
C.- Pilato saíu outra vez fóra e díxolles:
S.- Mirade, tráiovolo fóra, para que vos decatedes de
que non atopo nel culpa ningunha.
C.- Entón saíu fóra Xesús, levando a coroa de espiños
e o manto de púrpura. Pilato díxolles:
S.- Ei-lo home.
C.- Cando o viron, os sumos sacerdotes e os gardas
berraron:
S.- Crucifícao, crucifícao!
C.- Pilato respondeulles:
S.- Collédeo vós e crucificádeo, que eu non atopo
culpa nel.
C.- Os xudeus replicaron:
S.- Nós temos unha Lei, e conforme a Lei debe morrer,
por se facer Fillo de Deus.
C.- Cando Pilato oíu estas palabras, colleu moito
medo, entrou outra vez no Pretorio e preguntoulle a Xesús:
S.- De onde es ti?
C.- Pero Xesús non lle deu unha fala. Entón Pilato
insistiu:
S.- Comigo non falas? Non sabes que teño poder para
soltarte e poder para crucificarte?
C.- Xesús respondeulle:
+. ‑ Non terías ningún poder sobre min, se non cho
desen de arriba. Por iso, o que me entregou a ti ten maior pecado.
C.- Despois disto Pilato procuraba liberalo. Pero os
xudeus berraban:
S.- Se soltas a ese, non es amigo do César: todo o
que se fai rei, oponse ó César.
C.- Pilato, oídas estas palabras, levou para fóra a
Xesús e sentouno no tribunal, no sitio nomeado "O enlousado", en
hebreo "gábaza". (Era o día da Preparación da Pascua, alá contra as
doce do día). Díxolles aos xudeus:
S.- Velaquí o voso rei.
C.- Pero eles berraban:
S.- Fóra, fóra!. Crucifícao!
C.- Pilato preguntoulles:
S.- Pero , como vou crucifica-lo voso rei?
C.- Os sumos sacerdotes insistiron:
S.- Non temos máis rei có César.
C.- Daquela, entregóullelo para que o crucificasen.
Entón colleron a Xesús. Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado
da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. Alí o crucificaron, xunto con outros
dous, un a cada lado, e Xesús no medio. Escribiu Pilato un título e púxoo na
cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o
Rei dos Xudeus. Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde
Xesús foi crucificado estaba cerca da vila, e estaba escrito en hebreo, latín e
grego. Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato:
S.- Non escribas "O Rei dos Xudeus", senón
que el dixo "Son Rei dos Xudeus".
C.- Pilato respondeu:
S.- O escrito, escrito está.
C.- Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús,
colleron a roupa del ‑e fixeron catro partes, unha parte para cada soldado‑, e
maila túnica. Era a túnica sen costura, tecida dunha peza de arriba abaixo. E
falaron entre eles:
S.- Non a rachemos: sorteémola a ver a quen lle toca.
C.- Así cumpriuse a Escritura, que di: Repartiron
entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica. Tal fixeron os soldados.
Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de
súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai
e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
+. ‑ Muller, velaí o teu fillo.
C.- Despois díxolle ó discípulo:
+.‑ Velaí a túa nai.
C.- Desde
aquela hora o discípulo acolleuna con el. Despois disto, sabendo Xesús que xa
todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo:
+ ._
"Teño sede".
C.- Había alí
un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha
cana de hisopo, achegáronlla á boca. Cando probou Xesús o vinagre dixo: Está
cumprido. E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.
Entón os xudeus, como era o Día da Preparación,
para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado ‑pois era grande
aquel día de sábado‑, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os
retirasen.
Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlles as
pernas ao primeiro e mais ao outro que crucificaran con el. Pero ao chegaren
onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos
soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.
Quen o viu, dá testemuño e o seu testemuño é
verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. Porque isto
aconteceu para que se cumprise a Escritura: "Non lle crebarán óso
ningún". E noutro lugar di: Han mirar para quen traspasaron.
Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo
de Xesús – inda que ás agachadas, por medo aos xudeus‑, rogoulle a Pilato que
lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pilato accedeu. Foi e retirou o corpo.
Foi tamén Nicodemo ‑aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite‑,
levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras.
Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume
sepultar entre os xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. No sitio onde
crucificaran a Xesús había un xardín, e no xardín un sepulcro novo, que aínda
non usara ninguén. Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois
o sepulcro estaba cerca.
PALABRA DO
SEÑOR
As túas palabras, Señor, son espírito e vida
(Facemos unha breve reflexión
que axude a entender a celebración e a situar, no día a día, os textos que acabamos
de proclamar)
·
Desde esta palabra que temos proclamado hoxe, pensemos de que xeito
deixamos que a nosa vida se guíe polos carreiros que nos invita a seguir Xesús.
Non son uns carreiros de morte, inda que a morte estea presente. Non a podemos
obviar: o sufrimento, a dor, a enfermidade... están no noso mundo, na nosa
parroquia, na nosa familia, tamén en nós. Pero a forza desta Palabra dinos que,
sabendo que iso é así, que aí hai dor e morte; tamén, se nós queremos, podemos
atopar, desde o sufrimento vida e esperanza. A resilencia –capacidade de darlle
a volta ao mal para comezar a construír o ben– ha ser unha actitude posible en
nós. Unha actitude que non nos cega ante a realidade, senón que nos motiva a
superala, a non deixarnos arrastrar pola negatividade que tantas veces
aprezamos nela.
·
Nesta tarde, ao abeiro da palabra proclamada e querendo facer tamén este
camiño con Xesús, xuntámonos para deixarnos aquecer polo Deus que, camiñando ao
noso lado, non cansa de dicir que outra maneira de ver a vida e de facer as
cousas é posible. Comecemos a dar pasos neste senso, e deixemos a mística do
malo, para poder ser místicos da solidariedade que tende pontes, derruba muros
e fai que as persoas esteamos unhas máis preto das outras.
·
Deus hoxe móstranos, co seu silencio, o mundo que somos capaces de
construír se nos deixamos levar de intereses, poder e violencia. Pero ao lado
do seu silencio tamén pon persoas que non se resignan a que iso sexa así.
Unámonos nesta ola de colaboración e xenerosidade que pon no centro sempre ás
persoas.
Unha oración desde o contrapunto do
mundo aparente
Porque sabemos que a cruz é morte e vida; luz e tebra; fracaso e triúnfo,
rezamos agora xunt@s a oración universal pedindo por un mundo no que ledicia e
tristura van alternando nas vidas de cantos o conformamos. Dicimos xunt@s:
SEÑOR, QUE DESDE A CRUZ RENOVEMOS A ESPERANZA
1) Pola Igrexa, para que saiba
acompañar as cruces do noso tempo, OREMOS:
SEÑOR, QUE DESDE A CRUZ RENOVEMOS A ESPERANZA
2)
Polo Papa Francisco, para que o seu ministerio siga a ser luz de Evanxeo
nunha Igrexa que non ha ser rito, senón experiencia viva de acompañamento,
escoita e servizo a quen chame na súa porta, OREMOS:
SEÑOR, QUE DESDE A CRUZ RENOVEMOS A ESPERANZA
3) Polas persoas que ao longo do
tempo de Pascua van recibir o bautismo, para que atopen na Igrexa unha nai que
os sabe acoller no seu berce de amor e tenrura, OREMOS.
SEÑOR, QUE DESDE A CRUZ RENOVEMOS A ESPERANZA
4)
Por todos os cristiáns, hoxe separados e moitas veces enfrontados, para
que nos esforcemos por tender pontes que unan e derrubar muros que separan, OREMOS.
SEÑOR, QUE DESDE A CRUZ RENOVEMOS A ESPERANZA
5) Polas comunidades xudías, pobo
ao que pertenceu Xesús, para que camiñemos xuntos buscando canto nos une,
deixando atrás o que nos diferenza, OREMOS.
SEÑOR, QUE DESDE A CRUZ RENOVEMOS A ESPERANZA
6) No noso mundo plural e
diverso, queremos pedir tamén por aquelas persoas que na súa liberdade renuncian
a crer en Cristo como Salvador e Mestre ao que seguir, OREMOS.
SEÑOR, QUE DESDE A CRUZ RENOVEMOS A ESPERANZA
7)
Polas persoas que consideran que a súa vida é mellor e máis feliz sen
ter a Deus como referente e guieiro no seu camiñar cotián,
OREMOS.
SEÑOR, QUE DESDE A CRUZ RENOVEMOS A ESPERANZA
8) Nun mundo permanente conectado
dun cabo ao outro, pedimos agora polos gobernantes de todos os países, para que na súas decisións
fagan primar o sentido común e a busca do ben de todos sobre os seus propios
intereses, OREMOS.
SEÑOR, QUE DESDE A CRUZ RENOVEMOS A ESPERANZA
9) Por todas as persoas que viven
nas dificultade, na angustia no noso mundo, un mundo que vai tan ás présas que
esquece ás persoas, abandonándoas na dureza da soidade, OREMOS.
SEÑOR, QUE DESDE A CRUZ RENOVEMOS A ESPERANZA
Fai, Señor, da nosa oración tarefa permanente a manter os
ollos sempre abertos e o corazón disposto a acoller e acompañar. P.X.N.S. Amén.
ADORACIÓN DA CRUZ
Unha cruz que non só vai ao
peito, senón que se fai presente no corazón
Mostramos a cruz como sinal de
que máis alá da aparencia e dos focos que a todos e todo deslumbran, segue a
haber situacións de cruz e dor preto de nós; situacións que a cruz de Cristo
quere ver, acoller e transformar en esperanza.
Comeza agora o momento da
adoración da cruz. Desde o fondo da igrexa imos subindo con ela tapada,
avanzamos ao longo do corredor, á vez que imos destapando cada un dos brazos e
cantando –facémolo tres veces- xunt@s:
Desde o fondo da Igrexa, tres persoas
con velas traen a cruz
Mirade a árbore da cruz, na que estivo cravada a salvación do
mundo
Vinde adorala
Unha
vez chegado quen preside/dirixe a celebración, diante do presbiterio,
mostrámoslle á asemblea a cruz e invitamos a cantos participan na celebración a
achegarse para adorala individualmente. Namentres dura a adoración soa música
clásica. Non cantamos para favorecer o clima de silencio e recollemento que o
momento suxire.
COMUÑÓN
Comezamos a última parte da celebración de hoxe
dirixíndonos ao lugar onde temos colocado o Pan consagrado na celebración do
Xoves. Levámolo ao altar.
NOSO
PAI
Año
de Deus
Distribución
da comuñón
Oración
Deus Pai, amor e misericordia, que nos renovaches
coa gloriosa morte e resurrección de Xesucristo, non deixes da túa man a obra
que comezaches en nós, para que a nosa vida, pola comuñón neste misterio, se
entregue con verdade ao teu servizo. P. X. N. S. PXNS. Amén.
BENDICIÓN
Que a túa bendición, Señor, descenda con
abundancia sobre esta comunidade, que ten celebrado a morte do teu Fillo coa
esperanza da súa santa resurrección; veña sobre ela o teu perdón, concédelle o
teu consolo, acrecenta a súa fe, e consolida nela a redención eterna. P.X.N.S. Amén.
Comentarios