Ir al contenido principal

Celebración Penitencial Coresma 2017

Quen estea sen pecado que tire a primeira pedra

Descarga o ficheiro
SINAL: Poñemos un cesto ao pé do altar e entregámoslle unha pedra a cada un dos asistentes á celebración. As pedras queren significar que queremos deixar atrás o corazón de pedra –sinal ao longo da coresma– porque xa estamos no camiño de cambialo por un corazón de carne. Logo de ter recibido a absolución, deixamos a pedra dentro do cesto que puxemos diante do altar.
CANTO: Camiñarei
PÓRTICO
    Chegou o momento de expresar publicamente que o tempo de coresma foi un tempo ben aproveitado por cada un e cada unha de nós. Que estes corenta días que vimos de pasar acadaron o obxectivo que buscabamos: cambiar o noso corazón de pedra, duro, indiferente e insensible, nun corazón de carne capaz e disposto a acoller, escoitar e facer da nosa vida unha experiencia de gozo e non de amargura. Hoxe queremos demostrar este cambio por medio da participación na celebración penitencial, na que Deus, a través da palabra eficaz de perdón da absolución, nos acolle e alenta a facer deste corazón de carne guieiro do noso actuar. Participemos con gozo desta experiencia de perdón e misericordia á que nos convoca o Señor.

LECTURAS
Lectura do Libro de Ezequiel (Ez 36, 23)
Así fala o meu Señor, Iavé:
  • Casa de Israel, non por vós vou eu actuar, senón por mor do meu santo Nome, que vós profanastes entre as nacións onde fostes.
Pois vou facer que se recoñeza a santidade do meu grande Nome, profanado entre as nacións nas que vós o profanastes.
Entón recoñecerán estas nacións que eu son o Señor -é o meu Señor, Iavé, quen fala-, cando eu vos faga recoñecer a miña santidade na súa presenza.
Pois recollereivos das nacións, xuntareivos de todos os países e traereivos á vosa terra.
Asperxerei sobre vós auga purificadora e quedaredes puros; de todas as vosas impurezas e de todas as vosas idolatrías heivos purificar.
Dareivos un corazón novo e poñerei nas vosas entrañas un espírito novo; sacarei da vosa carne o corazón de pedra e poreivos un corazón de carne.

Palabra do Señor
Grazas a Deus
SALMO RESP: Sal 125
O Señor fai connosco cousas grandes, estamos cheos de alegría
  1. Cando vire o Señor a sorte de Sión, estaremos coma en soños. Terémo-la boca chea de risos e a lingua de cantares. Os pagáns dirán entón: -"O Señor fai con eles cousas grandes".
O Señor fai connosco cousas grandes, estamos cheos de alegría
  1. Vira, Señor, a nosa sorte, coma os regatos no deserto. Os que entre bágoas sementan, entre cantares recollen. Cando van, van chorando os que levan a semente. Ao viren, veñen cantando os que traen os monllos.
O Señor fai connosco cousas grandes, estamos cheos de alegría

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN (Xn 8, 1-11)
Xesús saíu para o Monte das Oliveiras. Pero á alborada, presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el. El sentou e empezou a ensinar. Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no medio e medio e preguntáronlle:
  • Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. Moisés, na Lei, mandounos apedrar a esta xente. ¿Ti que dis?
Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:
  • Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra.
E, abaixándose outra vez, escribía na terra. Pero eles, ó que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio. Ergueuse entón e preguntoulle:
  • Muller ¿onde van? ¿Ninguén te condenou?
Ela respondeulle:
  • Ninguén, Señor.
Díxolle Xesús:
  • Tampouco eu non te condeno: vaite e desde agora non peques máis.
CANTO: As túas palabras, Señor, son espírito e vida
REFLEXIÓN/EXAME DE CONCIENCIA
  • A coresma foi un tempo ao longo do que temos sido invitados a mirar ao noso interior para detectar todo canto vai, no noso día a día, endurecendo o corazón. De tal xeito que o que comezou sendo de carne e latexando na ledicia de servir, foise convertendo en pedra dura e fría que nos fai indiferentes ante o sufrimento dos demais; un sufrimento que nós lle provocamos e o que outras moitas situacións tamén lle traen. É logo tempo de actuar sobre este corazón endurecido. E que mellor que facelo achegándonos á mesa do encontro e a misericordia que nos deixou Xesús: o sacramento da reconciliación.
  • Reconciliar, recompoñer, reunir... son experiencias que nos indican que sempre é tempo de volver comezar, que desde os ollos de Deus, nada é para sempre, porque o rancor é o contrapunto dun Deus amor e tenrura. Desde a palabra que temos proclamado esta tarde, queremos, como nos di Ezequiel, deixar atrás todo canto fixo que o corazón empedrado pesara tanto que deixara de latexar. Poñámoslle rostro e accións a todas as situacións que recoñecemos que nos levaron a afastarnos do proxecto de Deus, e da vivencia da fraternidade coas persoas que temos ao lado. Porque só así poderemos sentir, como o fixo o pobo de Israel, a ledicia de acoller as cousas grandes que Deus vai facendo con nós, e gozar da ledicia que esta acollida nos ofrece.
  • E como non queremos enganarnos a nós mesmos, non estamos dispostos a converter este xesto tan fermoso de perdón e misericordia nun rito –outros dirán nun paripé-, senón que queremos que sexa expresión dese paso adiante que imos dando para que non sexa a pedra, senón o latexo aquecido do corazón que pon sorriso e acollida na achega aos demais o que nos mostre que Deus endexamais nos esquece. Non tiramos a pedra contra ninguén, senón que ela sérvenos de sinal para poñer de manifesto que non son os outros, somos nós os que temos que cambiar. Que xulgar máis alá de nós mesmos non conduce a nada más ca ao engano.Que necesitamos mirar dentro de nós e deixar a un lado a pedra que fire, para comezar, por nós mesmos, a curar as feridas que o noso pecado, o noso xeito de facer as cousas nos foi provocando. Con esta sinxeleza, pero tamén coa mesma sinceridade, revisémonos e dispoñámonos asentir a ledicia do Deus que sempre perdoa.
DECÁLOGO DA REVISIÓN INTERIOR
Revisemos a nosa insensibilidade cando:
  1. Ferimos coas palabras
  2. Abusamos da boa fe dos demais
  3. Burlámonos da honestidade e a coherencia de quen fai ben as cousas
  4. Enganamos coas nosas medias verdades e falta de sinceridade
  5. Esquecemos que Ti, es un Deus que camiña ao noso lado
  6. Considerámonos mellores máis perfectos e superiores aos demais
  7. Indiferentes ás persoas que viven con nós na casa
  8. Non nos esforzamos por buscar solución a problemas e diferenzas, senón que buscamos conflito e enfrontamento
  9. Facemos da amizade interese para o que nos convén, desprezando e esquecendo aos demais cando consideremos que non nos son necesarios.
  10. Non facemos do Evanxeo guieiro que nos leve por camiños que nos fan máis felices e mellores persoas.
Silencio
PERDÓN
Eu confeso...
  • Porque a túa misericordia nos leva a deixarnos trasplantar o corazón de pedra, que fire e insensibiliza, por un corazón de carne que ama e acolle; GRAZAS, SEÑOR DA RECONCILIACIÓN.
  • Porque a túa misericordia nos axuda a ter sempre os pés no chan para que sexamos conscientes da nosa capacidade para facer as cousas mal; GRAZAS, CRISTO DA RECONCILIACIÓN.
  • Porque a túa misericordia fainos ver sempre a capacidade que temos de ferir coas nosas palabras e feitos, especialmente aos máis vulnerables e necesitados; GRAZAS, SEÑOR DA RECONCILIACIÓN.
ABSOLUCIÓN (soa música moi tenue de fondo que non apague a forza das palabras da absolución: palabra eficaz de perdón e misericordia)
CANTO: Gracias, Señor, graciñas.
NOSO PAI (podemos cantar o Noso Pai no Camiño do amor)
PAZ (Namentres nos damos a paz, cantamos Eu soñei)
ACCIÓN DE GRAZAS
Grazas, Señor:
Por esta nova oportunidade que nos das de ser felices;
por axudarnos a deixar atrás o corazón de pedra que nos fai indiferentes e insensibles ante os demais e ante Ti;
porque nos ofreces a posibilidade de poñerlle outra mirada ao mundo e a canto nel ocorre;
porque nos tomas en serio e non xogas con nós como se foramos monicreques ao teu servizo;
porque apesares das nosas teimosías, non deixas de dicirnos o que un fillo más agradece dos seus pais: Quérovos!
Grazas, Señor, por querernos!

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...