Ir al contenido principal

2 domingo pascua 2017


NON IMPORTA TANTO O VER COMA O CRER, CONFIAR, COMPARTIR, ESCOITAR... PARA ASÍ DESCUBRIR A PRESENZA DO RESUCITADO
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)
ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 124)
GLORIA: Gloria a Deus, gloria a Deus...(Nº 14)
LECTURAS: Xesús é Señor (Nº 16)
OFERTORIO. Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
PAZ: Que veña a paz á nosa terra (Nº 45)
COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
ESCOITA ACTIVA
A recuperación da liberdade e o pluralismo da nosa sociedade favorecen o cuestionamento de moitas das nosas crenzas, indiscutidas durante moitos anos. Ás veces laiámonos de que se cuestionen os nosos dogmas e as nosas seguridades, e mesmo nos sorprenden cambios na Igrexa, que aceptamos resignadamente e con receo como síntomas de inseguridade, debilidade e claudicación.
Por iso necesitamos resucitar, redescubrir a Xesús presente entre nós, alentando e acompañando o noso camiñar. Necesitamos que El nos dea o seu Espírito para poder ler os sinais dos tempos, para sentir o recendo da esperanza, da paz, da solidariedade e da xustiza.
Que na celebración que agora comezamos nos deixemos impactar polo anuncio da resurrección: nada está perdido, hai camiños novos, saiamos das nosas zonas de conforto e descubrámolos!.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
*      Renuncias a todo aquilo que te enfronta cos veciños, cos amigos, coa familia.... e te leva a camiñar na insolidariedade e no egoísmo?. SI, RENUNCIO.
*      Renuncias ao derrotismo e ao pesimismo como contrarios á Boa Nova de Xesús, pois impiden camiñar na esperanza?. SI, RENUNCIO.
*      Renuncias a seguir vivindo con medo e na rutina a fe, pechándote a recoñecer e descubrir o presente como tempo de salvación?. SI, RENUNCIO.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·      Perseverantes en escoita-la ensinanza dos apóstolos, na comuñón da vida, no rito de partiren o pan e nas oracións“ (Feitos).
Ao longo de todo o tempo da coresma e na vixilia pascual fomos invitad@s a deixar atrás o corazón de pedra, insensible, e a deixarnos enchoupar do alento de Deus, que converte a pedra en carne. Ao longo de todas as semanas de Pascua, iremos proclamando na lectura fragmentos do libro dos Feitos dos Apóstolos, nos que se nos mostrarán as actitudes dos primeir@s cristiáns: esperanza, alegría, confianza, perda do medo. Unhas actitudes que se nos invitan a levar á nosa vida, para deixar atrás, dunha vez por todas, esa idea de que a fe cristiá é un narcótico ou un anestésico... De feito, nós sabemos que iso non é así, e non só polos testemuños dos primeiros cristiáns, senón pola vida entregada e doada de tantas persoas, no pasado e no presente, da historia da Igrexa. Se el@s foron capaces de superar a tentación de reducir a fe a unha simple proclama, por que non imos nós ser capaces tamén de seguir o camiño que nos foron abrindo?. Dous mil anos de historia son tempo suficiente para que nos deamos conta de que, se queremos, é posible vivir a alegría da resurrección na nosa vida. Só temos que intentalo. E onde imos atopar a forza para ilo facendo e para non recuar?. Pois aínda que nos poida parecer estraño, temos que dicir que será nas nosas comunidades. No medio daqueles e daquelas que pensan, cren, viven e celebran o mesmo ca nós: a mensaxe de Xesús. Por iso temos que tomar en serio a Palabra e aprender a querernos, axudarnos, preocuparnos... pensar en nós desde os outr@s.
·      E nos fixo renacer a unha vida que se nos dá en esperanza” (Pedro)
Coma Pedro, tamén nós temos que sentirnos ledos de poder ter ao noso redor persoas que nos queiran, que se preocupen por nós, que queren vivir os mesmos valores e cos que temos un proxecto baseado non na violencia ou no enfrontamento, senón na misericordia, na capacidade de acollida, na entrega aos outr@s, no estar dispost@s a arriscarnos para poder levar a moitos corazóns (corazóns que sofren, están solos, son incomprendidos ou séntense incapaces de mirar cara adiante), unha palabra de esperanza, unha man chea de forza e agarimo, unha palabra que acompaña e non se deixa esmorecer polas dificultades. Coma Pedro, tamén nós estamos chamad@s, desde o empuxe e a forza das nosas comunidades, a renacer para mellorar, para cambiar, para superar as nosas canseiras e os nosos desánimos.
·      Benia os que creron sen veren!” (Tomé)
Entón, e só entón, si que será posible entender as palabras do Evanxeo de hoxe nas que se nos di que non importa tanto o ver senón o crer, confiar, compartir, buscar consello, escoitar... para así descubrir a presenza do Resucitado. Cómo nos falta fe!. Como nos falta entusiasmo!. Como nos falta convicción!. Non será que a nosa fe, os nosos rezos, as nosas... non son máis que palabras baleiras de contido e necesitadas de verdadeira dispoñibilidade cara os demais?. Si os demais, aqueles nos que nos di Xesús que temos que aprender a descubrir, ver, recoñecer, non significan nada para nós; se pasamos ao seu lado e somos incapaces de achegarnos e dicirlle como estás, que che pasa, por que choras... é que o noso corazón segue a ser de pedra e a Pascua aínda non chegou a nós. Felices os que sen veren, traballan, arriscan, loitan e se esforzan por facer familias, parroquias, barrios, países, mundo onde se busque o que une e non o que enfronta; se busque o amar e non dogmatizar; se busque propor e non impor. Benia os que cren sen veren!
FRATERNIDADE ORANTE
Señor, coa túa presenza es alento e estímulo no noso camiñar, por iso che dicimos xunt@s:
QUE VIVAMOS NA ESPERANZA
·      Pola Igrexa,  para que neste tempo de ledicia que é a Pascua, sexa quen de levar a todas as persoas, fundamentalmente ás afastadas e ás que están máis precisadas dela, a Boa Nova da resurrección, OREMOS.
QUE VIVAMOS NA ESPERANZA
·      Polas nosas comunidades, para que nunca esteamos coas portas pechadas, senón que pola contra sempre sexan fogares de celebración, encontro e compartir plural e respectuoso da fe, OREMOS.
QUE VIVAMOS NA ESPERANZA
·      Por cada un e cada unha de nós, para que a túa resurrección nos dea azos para botar fóra os nosos medos e así comprometernos na dignidade de todas as persoas, tan ameazada no noso tempo polos que enganan, escravizan e pisotean sen escrúpulo ningún, OREMOS.
QUE VIVAMOS NA ESPERANZA
Grazas, Señor, porque nos invitas a facer da nosa fe non un conxunto de doutrinas e crenzas, senón unha vivencia expresada no amor. PXNS. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Cremos no Resucitado,
no Señor da Vida, en Xesús de Nazaré,
carpinteiro sinxelo, home do pobo,
predicador itinerante, compañeiro de camiño.
Cremos no Resucitado,
o fillo de María,
quen fixo vida as súas palabras do Magnificat,
porque levou a Boa Nova aos pobres e aos excluídos.
Cremos no Resucitado,
Señor da comunidade,
quen para ensinar o amor de Deus
chamou a discípulos para compartir a súa vida.
Cremos no Resucitado,
no que camiñou polas vilas de Palestina,
no que andou polas ribeiras do lago,
no que se mesturou coa xente do pobo
para mostrar coa súa vida
que Deus non se esquece das persoas,
senón que coñece o sufrimento
e quere a liberación e a xustiza.
Cremos no Resucitado,
no que se ocupou dos que sofren,
no que se compadeceu dos enfermos,
no que se achegou aos marxinados,
para ensinarnos que o Deus da Vida
nace entre os pobres deste mundo.
Cremos no Resucitado,
no que se animou a presentar a un Deus Vivo,
no que denunciou os ritos baleiros e as leis hipócritas,
no que falou con palabras sinxelas
para ensinarnos que o importante é vivir o que Deus nos propón.
Cremos no Resucitado,
no que entregou a vida,
no que cargou coa cruz,
no que viviu o conflito, a incomprensión
e a persecución por ser fiel,
no que nos ensinou que a Deus
coñecémolo se facemos a súa vontade.
Cremos en Xesús,
no que viviu como Deus quere que vivamos todas as persoas.
Cremos no Resucitado,
que nos chama a seguir os seus pasos
para facer da nosa vida
unha Pascua para os demais,
un paso do Señor para todas as persoas,
un signo de que a vida é sempre máis forte
que toda a morte que a nosa sociedade xera.
Cremos en Xesús
porque queremos vivir coma El.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...