Ir al contenido principal

3 Domingo Pascua 2017


EL TAMÉN ESTÁ NO PAN ENDURECIDO POLA DOR, O ESQUECEMENTO, A EXCLUSIÓN OU A INDIFERENZA. ABRAMOS BEN OS OLLOS PARA SABER RECOÑECELO!

CANTO GOZOSO
ENTRADA: Bendito Ti, Xesús resucitado (Nº 111)
LECTURAS: Ergo os meus ollos (Nº 112)
OFERTORIO: Velaquí (Nº 37)
COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)
ESCOITA ACTIVA
Os dous de Emaús fixeron un treito do camiño na compaña de Xesús; pero non foron quen de recoñecelo. Falaron uns e Outro; pero nin así. So despois de porfiaren con El para que quedara, ao bendicir o pan foron capaces de recoñecelo.
Tamén a nós nos pasa o mesmo. Atopámonos cada día co rostro de Xesús ao cruzarnos con moitas persoas; pero non somos capaces de recoñecelo. Pásanos coma aos de Emaús. Por que será? Porque coma eles, tampouco nós cremos o testemuño dos que si saben descubrilo e percibilo ao seu lado? Porque, a diferenza dos sinxelos e pequenos, pensamos que o imos recoñecer en templos maxestosos ou en celebracións con moito fume e boato? Porque, si, é verdade: El está no pan da Eucaristía; pero ese pan é o que temos que recoñecer cando nos achegamos a un veciño que non está ben, a un enfermo que está solo ou a unha persoa que despois de tentalo moitas veces, volve fracasar de novo. Aí, ao redor da mesa da vida, a mesa que non ten nin porta nin tellado, que non ten retablos valiosos nin imaxes catalogadas. Nas persoas, é onde temos que recoñecer a Xesús. Partamos con El, con eles o pan.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
*      Porque necesitamos acougar en Ti, e non o facemos; SEÑOR, NON DEIXES DE CAMIÑAR CONNOSCO.
*      Porque precisamos abrir os ollos para descubrirte en quen está necesitado; CRISTO, NON DEIXES DE CAMIÑAR CONNOSCO.
*      Porque miramos moito; pero non somos capaces de ver as cousas que deben cambiar en nós; SEÑOR, NON DEIXES DE CAMIÑAR CONNOSCO.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Tempo de escoitar: Xa o dicía Pedro naqueles primeiros tempos da vida da Igrexa: é tempo de escoitar, de limpar os oídos para oír e de abrir os ollos para ver; de prestar atención ás voces que van compoñendo a poliédrica sinfonía do mundo de hoxe. E mira que nos custa! Estamos atentos ás voces que identificamos; pero cando chega o novo, o inesperado, o que nos resulta descoñecido... non somos capaces –ou non queremos– identificar a voz que nos fala. E se o mundo é unha sinfonía de voces, tamén os nosos oídos deberan ser unha sinfonía en disposición para escoitar, entender e actuar, pois so así a forza do Espírito entrará en nós, e desde ela seremos capaces de anunciar que a resurrección non é unha palabra gastada nin tampouco un conto, senón a experiencia fundante da nosa vida de fe. Como o foi para Xesús, como o foi para os apóstolos, como o foi para tantas persoas que escoitaron, acolleron e viviron que algo novo nace cada día en nós froito da acción, a presenza e a tenrura de Deus. Seremos capaces de non prestarlle atención? Ser testemuñas é o que ten, non podemos calar polo convencidos que estamos.

Porque El fala, e non cansa de facelo, a súa presenza non ha pasar desapercibida nin ha ser estéril. É necesario esforzarse por descubrila, porque onde menos pensamos –El non xulga nin fai diferenzas– alí o atopamos. Ou acaso non ten sido así moitas veces? Cantas veces xa tiñamos feito o xuízo sobre isto ou aquilo, e logo, ante a realidade dos feitos, tivemos que cambialo? Cantas veces os prexuízos nos levaron por vieiros equivocados, e moitas veces dolorosos para todos? Cantas veces a nosa falta de valentía, ilusión, gañas... nos levou a confundir o importante co anecdótico? Pois a pesares de todo isto, El segue querendo resucitar en cada un e en cada unha de nós. Non cansa, non se aburre, non se deixa levar –a diferenza de nós– polo desánimo e o pesimismo. E namentres nós dicimos non sei,non vallo, non sirvo... El insiste, unha e outra vez: es importante, quérote, sei como es e quérote así. Que lección de amor máis fonda!
Por iso a Eucaristía non é rito, costume ou teatralidade, senón experiencia viva da súa presenza. Unha experiencia que, como lles pasou aos de Emaús, nos faga aquecer os corazóns; unha experiencia que nos faga sentir que non estamos solos, que El está con nós, que a súa presenza nos acompaña sempre, e que tamén vai con aqueles que, inda que hoxe non están aquí, si nos imos atopar con eles polas rúas, nos barrios, na nosa casa, no noso traballo... e aos que non debemos mandar baleiros, porque se fai tarde, e a ninguén lle gusta andar só, sen rumbo ou quedando ao pairo. Acollamos, desde a presenza viva de Xesús entre nós, aos irmáns que necesitan un banco onde sentar, un tempo que compartir ou unha mirada de respecto e recoñecemento que achegar. Que mellor refuxio que o que El ofrece por medio da nosa xenerosidade!
FRATERNIDADE ORANTE
Na alegría pascual, acheguemos a nosa oración comunitaria para poñela ao abeiro de Deus dicindo:
EN TI POÑEMOS A NOSA ESPERANZA
·      Pola Igrexa, para que non se deixe levar nin de modas nin de presións,e sexa unha Igrexa evanxélica e sempre acolledora, OREMOS.
EN TI POÑEMOS A NOSA ESPERANZA
·      Polas nosas comunidades cristiás, para que abandonemos a tentación de converter a fe nunha ideoloxía ou nunha costume que se afastan do Evanxeo, e nos centremos en ser servidores de quen se sente necesitado e moitas veces esquecido, OREMOS.
EN TI POÑEMOS A NOSA ESPERANZA
·      Por nós, para que cada día da nosa vida sexa unha tarefa alegre, ilusionante e fraterna que nos leve a estar ao lado de quen necesite de ser escoitado, visitado, acollido e acompañado, OREMOS.
EN TI POÑEMOS A NOSA ESPERANZA
Acolle, Señor, a oración que acabamos de compartir como comunidade reunida no teu nome. PXNS. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Señor, damos grazas porque non es indiferente ante as nosas esperanzas. Ti sempre te fas presente, como cos de Emaús, no camiño para explicarnos as escrituras e axudarnos a entender que si o Evanxeo é boa nova, nós temos que ser os seus embaixadores.
Señor, grazas porque segues a agasallarnos coa Eucaristía, acción de grazas de amor e tenrura e encontro fraterno de comunidade reunida, que sente a forza da túa presenza para compartila con quen aínda non te coñece.
Señor, grazas porque queres que sexamos os que desde o amor, o servizo e a sinxeleza xenerosa, abramos ventás nas institucións da Igrexa para que entre aire novo que as renove e poña o seu centro nas persoas, e non nas imposicións.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...