Ir al contenido principal

32 domingo TO A 2107


SABIOS CON "PEDRIGRÍ" OU SERVIDORES DO TRABALLO ESFORZADO E MADURADO NO TEMPO?
Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
  • LECTURAS: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
  • OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
  • COMUÑÓN: Acharte presente (Nº 51)

ESCOITA ACTIVA

Nun mundo no que a sabedoría se mide pola cantidade de títulos universitarios, mestrados ou doutorados, a primeira lectura volve poñer o acento sobre o importante, invitándonos a deixar nas beiras o anecdótico ou accidental. Só quen ama a aprendizaxe é capaz de descubrir e valorar o que significan esforzo, traballo, experiencia... madurez da vida. A isto nos invita constantemente a fe que proclamamos e compartimos cada domingo. Esforcémonos entón por ser sabios de canto vai enriquecendo a nosa mirada e a capacidade de descubrir as moitas posibilidades que todos temos de aprender uns dos outros.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*        Por non deixar que a verdadeira sabedoría, a que aprendemos na experiencia, aniñe no noso corazón; SEÑOR, QUE NUNCA NOS CREAMOS SUPERIORES.
*        Por non valorar e aprender do moito que nos ensinan os demais; CRISTO, QUE NUNCA NOS CREAMOS SUPERIORES.
*        Por non prestar atención a quen nos fala desde a experiencia, para que non repitamos os mesmos erros; SEÑOR, QUE NUNCA NOS CREAMOS SUPERIORES.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

Como raiola de luz que vai aquecendo o corazón e iluminando cada un dos pasos que imos dando na vida, a sabedoría móstranos como é posible superar o prexuízo de valorar ás persoas só polas moitas posibilidades que tiveron de formarse de xeito reglado ao longo do seu proceso formativo, ou dos moitos títulos que adornan as paredes das súas casas. Sen este prexuízo herdado dos que pensan que as persoas só somos importantes polo aprendido nos libros e non na vida, conseguiremos achegarnos e entender que o proxecto do Deus cristián é un proxecto que acolle, unifica e valora ás persoas por riba do que teñen ou do número de títulos acumulados ao longo da vida. Amar aos demais, sabérmonos iguais, respectar a pluralidade e aceptar que non todos habemos pensar ou facer o mesmo é o maior dos comportamentos sabios. E a el é ao que nos chama hoxe a palabra de Deus. Respondamos logo con sabedoría a esta fermosa e permanente tarefa á que Deus nos invita nun mundo tecnolóxico que esquece moitas veces, o fundamental e sabio: que as cousas son para as persoas e non as persoas para as cousas. Seremos capaces de entendelo e aplicalo?

E que máis e mellor sede que a de aprender camiñando cada día un pouco compartindo cada pegada con quen temos ao lado? Aprender non en soidade, senón solidariamente, poñendo en común o que un sabe e recollendo o que os demais nos aportan. Facendo da vida a mellor e máis importante das escolas, unha escola onde ninguén se considera máis, senón que escoita, ofrece e integra na relación de enriquecemento persoal e comunitario. E deste xeito a nosa sede de coñecer e saber, irase superando coa alegría de quen non vive na superioridade senón no complementario. É nesta tarefa onde imos descubrindo a esperanza cristiá como camiño cara á plenitude que nos fai estar xunt@s e ledos por compartir que é posible vivir solidariamente e descubrir que non imos solos nin facemos da desesperanza e da tristura actitudes que nos atrapen e nos fagan perder a forza da presenza do Deus que non quere deixarnos ao pairo.



E para este momento final e pleno ao lado de Deus debémonos ir preparando día a día; o que nos ten que levar a ser sabios na previsión, audaces na realización e maduros na colaboración. A diferenza das mozas atoladas, a sabedoría de Deus chámanos a non deixar escapar oportunidades; a non morrer de éxito polos nosos logros, como se foramos únicos; e a non agoniarnos nas dificultades. A fe é comunidade, e a comunidade lévanos á comuñón do compartir, escoitar, acompañar e construír un proxecto que non se esgota nos logros adquiridos, senón na plenitude final en Deus. Loitemos por realizalo sen desesperar ante as dificultades! Manteñamos o candil sempre aceso.

FRATERNIDADE ORANTE

Coa sabedoría dos nosos maiores, facemos agora memoria agradecida por ser comunidade que comparte a oración, buscando nela a forza que nos axude a non deixarnos abater pola tristura, e dicimos:
QUE A ESPERANZA GUÍE E ILUMINE A NOSA VIDA
Para que a Igrexa traballe con sabedoría, e non con medo, buscando comprender e dialogar canto pasa no mundo, para deste xeito poder seguir anunciando a Xesucristo, OREMOS.
QUE A ESPERANZA GUÍE E ILUMINE A NOSA VIDA
Para que nas nosas comunidades non nos deixemos abater pola desesperanza na que se mergulla tanta xente que foi cambiando a fe en Xesús pola fe nos cartos, o poder ou o dominio sobre os demais; OREMOS.
QUE A ESPERANZA GUÍE E ILUMINE A NOSA VIDA
Para que nós resistamos a tentación de converter a mensaxe cristiá nunha simple realización de prácticas de piedade desconectadas da vida: o que nos preocupa, doe ou entristece, que nos afastan de Xesús e nos achegan ao baleiro que non pode encher xamais o corazón; OREMOS.
QUE A ESPERANZA GUÍE E ILUMINE A NOSA VIDA
Señor, acolle, alenta e dános azos para vivir na auténtica e verdadeira sabedoría, facendo da fe non durmideira, senón estímulo. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA
Señor, no silencio deste día que nace,
veño pedirte paz, sabedoría e forza.
Hoxe quero mirar ao mundo con ollos cheos de amor.
Ser paciente, comprensivo, humilde, suave e bo.
Ver aos teus fillos e ás túas fillas detrás das aparencias,
como Ti mesmo os ves,
para así poder aprezar a bondade de cadaquén.
Cerra os meus oídos a toda murmuración.
Garda a miña lingua de toda maledicencia.
Que só os pensamentos que bendigan permanezan en min.
Quero ser tan ben intencionado e bo
que todos os que se acheguen a min sintan a túa presenza.
Revísteme da túa bondade Señor
e fai que neste día eu poida agradarche en todo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...