Ir al contenido principal

33 Domingo TO A 2017 (Día Mundial das Persoas Pobres)


NON AMEMOS DE PALABRA, SENÓN CON OBRAS
(I XORNADA MUNDIAL DAS PERSOAS POBRES) Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
ENTRADA: Unha xuntanza de amor (Nº 7)
LECTURAS: Escoita ti (Nº 26)
OFERTORIO: Déixate querer (Nº 61)
COMUÑÓN: Benaventurados (Nº 119)

ESCOITA ACTIVA
Celebramos hoxe por vez primeira a Xornada Mundial das Persoas Pobres, que o papa Francisco estableceu que se celebre todos os anos e en toda a Igrexa o derradeiro domingo do tempo ordinario, previo á festa de Cristo Rei.
Trátase dunha Xornada verdadeiramente significativa por estar centrada nas persoas pobres, destinatarias preferenciais das palabras e xestos salvadores de Xesús e chamadas a ser, tamén hoxe, “sen dúbidas nin explicacións que debiliten esta mensaxe tan clara”, destinatarias privilexiadas da vocación e da misión da Igrexa, referentes dos seus proxectos e plans pastorais. Trátase de cambiar o xeito de mirar, adoptar o ángulo de Deus, que mira desde os últimos para poder ver, pensar e actuar desde as vítimas. Non podemos, non debemos e non queremos esquecer que no camiño da nosa Redención atopamos as pegadas desta pobreza: María, unha manxadoira, dous pichóns, traballo manual... Ninguén dentro da Igrexa pode sentirse exceptuado da preocupación polas persoas pobres e pola xustiza social. A Xornada úrxenos a converter as palabras en xestos concretos, tomando a iniciativa e saíndo dos nosos lugares de conforto. Non fagamos oídos xordos.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
*      Porque en demasiadas ocasións miramos por riba do ombreiro ás persoas pobres, créndonos superiores a elas; SEÑOR, ÉNCHENOS CO TEU AMOR.
*      Porque en demasiadas ocasións os nosos medos, complexos e inseguridades converten a experiencia de fe nun mero fanatismo ou fundamentalismo, que só se adica a conservar e non a recrear, CRISTO, ÉNCHENOS CO TEU AMOR.
*      Porque en demasiadas ocasións confundimos solidariedade e asistencialísimo; SEÑOR, ÉNCHENOS CO TEU AMOR.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Nuns momentos nos que constantemente a creatividade das propostas do papa Francisco é posta en tea de xuízo, cómpre que tomemos nota do recadiño que nos manda Xesús en forma de parábola. Ninguén se atrevería hoxe a facer unha crítica tan radical ao conservadurismo cristián coma a que fai El coa parábola dos talentos que vimos de proclamar. Non podemos esquecer que o terceiro servo é condenado non porque cometera ningunha maldade, senón por terse limitado a conservar esterilmente o recibido, sen facelo frutificar.
A mensaxe de Xesús está, polo tanto, moi clariña:
  • non ao conservadurismo; si á creatividade
  • non a unha vida estéril; si á resposta activa a Deus
  • non á obsesión pola seguridade; si ao esforzo arriscado por transformar o mundo
  • non á fe enterrada baixo o conformismo; si ao seguimento comprometido que leva a ler os sinais dos tempos.
Porque é moi tentador vivir sempre evitando problemas e buscando tranquilidade: non comprometernos en nada que nos poida complicar a vida, defender o noso pequeno benestar. De certo que non hai mellor xeito de vivir unha vida estéril, pequena e sen horizonte. O noso maior risco non é saír dos esquemas de sempre e caer en innovacións esaxeradas, senón conxelar a nosa fe e matar a frescura do evanxeo. Temos que preguntarnos que estamos a sementar na sociedade, a quen contaxiamos esperanza, onde aliviamos sufrimento.... Velaí onde temos que poñer o acento e a intensidade, e non en banalidades coma axeonllarse na consagración, rezar en latín, levar vestidura talar ou botar unha chea de tempo diante do Santísimo.
Pero sería un grave erro presentarnos diante do Señor coa actitude do terceiro servo: “Aquí tes o teu. Aquí está o teu evanxeo, o proxecto do teu Reino, a túa mensaxe de amor cara aos que sofren. Conservámola fielmente. Non serviu para transformar a nosa vida nin para introducir o teu reino no mundo. Non quixemos correr riscos e vivimos na mediocridade e no “sempre se fixo así”; pero aquí está intacto”. En realidade estas persoas non se senten identificadas co Señor nin cos seus intereses. En ningún momento actúan movidas polo amor, senón polo medo. E é precisamente o medo o que as leva a actuar buscando a súa propia seguridade.
Por iso, que ben nos acae este Evanxeo no día no que celebramos a Xornada Mundial das Persoas Pobres. En primeiro lugar, ha ser estímulo na nosa loita contra a cultura do descarte e do derroche, facendo nosa a cultura do encontro. En segundo lugar, é unha chamada a compartir coas persoas pobres, irmás nosas, coas que estamos en débeda, xa que Deus creou o ceo e a terra para todos os seres humanos e somos nós, as persoas, as que levantamos muros e fronteiras, traizoando o don orixinal, destinado á humanidade enteira. Compartir coas persoas pobres permítenos entender o Evanxeo na súa verdade máis fonda. As persoas pobres non son un problema, senón un recurso ao que temos que acudir para acoller e vivir a esencia do Evanxeo. A fe non é unha pesada canga sobre os nosos ombreiros, senón un camiño de liberación e felicidade plena, un camiño que pasa por sermos samaritanos e samaritanas do amor de Cristo, axudando a tanta xente que, nunha sociedade pensada só para as persoas fortes, triunfadoras e poderosas, queda ferida de morte no camiño da vida e que espera unha man que lles axude a erguerse e a camiñar. Desde esa óptica agradecemos e entendemos o por que desta Xornada.
FRATERNIDADE ORANTE
Compartimos agora a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s:
BENAVENTURADAS AS PERSOAS POBRES PORQUE DELAS É O REINO DOS CEOS
Pola Igrexa, para que nunca esquezamos que o noso é poñernos aos pés de tanta xente crucificada polas desgrazas e inxustizas da vida, manter fixos os nosos ollos no Señor e, desde a diversidade, sermos un para que o mundo crea, OREMOS.
BENAVENTURADAS AS PERSOAS POBRES PORQUE DELAS É O REINO DOS CEOS
Para que as nosas comunidades sexan verdadeiramente solidarias, sempre dispostas a evanxelizar e a deixarse evanxelizar polas persoas pobres; OREMOS.
BENAVENTURADAS AS PERSOAS POBRES PORQUE DELAS É O REINO DOS CEOS
Por cada un e cada unha de nós, para que adoptemos o ángulo de visión de Deus e así sexamos capaces de identificar de xeito claro os múltiples rostros da pobreza, que diariamente nos desafían e nos interpelan, OREMOS.
BENAVENTURADAS AS PERSOAS POBRES PORQUE DELAS É O REINO DOS CEOS
Señor de misericordia, escoita a oración das persoas que temos posta a nosa confianza en Ti e fainos persoas xenerosas. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DIFERENCIADA
 Coñecemos a grande dificultade que xorde no mundo contemporáneo para identificar de xeito claro a pobreza. Porén, ela desafíanos todos os días coas súas múltiples caras (...) A pobreza ten o rostro de mulleres, homes e nenos explotados por viles intereses, pisoteados pola lóxica perversa do poder e dos cartos. Hoxe en día, desafortunadamente, mentres emerxe cada vez máis a riqueza descarada que se acumula nas mans duns poucos privilexiados, con frecuencia acompañada da ilegalidade e a explotación ofensiva da dignidade humana, escandaliza a propagación da pobreza en grandes sectores da sociedade enteira. Diante deste escenario, non podemos permanecer inactivos, nin tampouco resignados. Debemos responder á pobreza cunha nova visión da vida e da sociedade.
Todas as persoas pobres pertencen á Igrexa por dereito evanxélico e obrigan á opción fundamental por elas. Benditas as mans que se abren para acoller ás persoas pobres e axudalas: son mans que traen esperanza. Benditas as mans que vencen as barreiras da cultura, a relixión e a nacionalidade, derramando o aceite do consolo nas chagas da humanidade. Benditas as mans que se abren sen pedir nada a cambio, sen “peros” nin “condicións”: son mans que fan descender sobre os irmáns e as irmás a bendición de Deus”.

Francisco
(Mensaxe para a I Xornada Mundial das Persoas Pobres, 5)
Señor, no silencio deste día que nace,
veño pedirte paz, sabedoría e forza.
Hoxe quero mirar ao mundo con ollos cheos de amor.
Ser paciente, comprensivo, humilde, suave e bo.
Ver aos teus fillos e ás túas fillas detrás das aparencias,
como Ti mesmo os ves,
para así poder aprezar a bondade de cadaquén.
Cerra os meus oídos a toda murmuración.
Garda a miña lingua de toda maledicencia.
Que só os pensamentos que bendigan permanezan en min.
Quero ser tan ben intencionado e bo
que todos os que se acheguen a min sintan a túa presenza.
Revísteme da túa bondade Señor
e fai que neste día eu poida agradarche en todo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...