TRABALLEMOS PARA CAMBIAR O MUNDO; SÓ ASÍ
SEREMOS CAPACES DE SEMENTAR COLABORACIÓN E NON IMPOSICIÓN
PALABRA
QUE ALEDA
ENTRADA: Eu soñei (Nº 58)
LECTURAS: Quédate, Señor,
connosco (Nº 63)
OFERTORIO: Eiquí están Señor
(Nº 32)
COMUÑÓN: Acharte presente
(Nº 51)
PALABRA
QUE ACHEGA
Comezamos
cantando Eu soñei que algunha vez. Que ben responde esta oración musicada ao
que tantas veces sentimos! Quen non ten soñado unha, dúas, tres ... as veces
que foran e fagan falta cun mundo mellor, máis xusto, máis fraterno, menos
violento? E cantas desas veces nas que temos soñado con el fomos capaces de
preguntarnos: que estou a facer eu para que este mundo sexa así? Porque aquí
está a clave de todo: do que soñamos, do que nos entristece, do que nos achega
aos demais, do que separa, do que nos une, do que nos divide, do que... na
actitude de cada un/a de nós ante todas esas cousas que sentimos, e mesmo
moitas veces nos pasan.
Neste día do DOMUND, fagamos da celebración, na que tamén queremos
lembrarnos das persoas que fan do seu traballo nos países máis empobrecidos do
mundo, concreción da invitación de Xesús de “ir e anunciar“ un momento
reflexión e participación para que poidamos saír de aquí co corazón sandado
pola esperanza da unión desta comunidade que se reúne no nome do Señor.
PALABRA
QUE TRANSFORMA
Polas
veces nas que nos miramos con receo e desconfianza; SEÑOR, QUE A NOSA MIRADA SEXA LIMPA.
Polas
veces nas que nos miramos buscando enfrontamento e división; CRISTO, QUE A NOSA MIRADA SEXA LIMPA.
Polas
veces nas que que lle damos as costas ás persoas con problemas que nos buscan e
necesitan; SEÑOR, QUE A NOSA MIRADA SEXA
LIMPA.
PALABRA
QUE REBULE
Xustiza e servizo son dúas palabras que non
deberiamos separar nunca. Quen serve e ten unha actitude de ver na outra persoa
a alguén igual, que me enriquece e á que eu podo tamén enriquecer co meu
servizo e dispoñibilidade, vai entrando no camiño de Deus, o Deus que non está
lonxe nin é algo, senón que fai do amor razón de ser da súa existencia. E este
ir paseniñamente acadándoo vai facendo que agrome en nós a confianza, á vez que
descubrimos que deixamos atrás calquera intento de desconfianza cara quen está
ao noso lado e mesmo para con Deus. Desde a confianza vaise crecendo e
madurando en cada un dos pasos da vida, á vez que consegue facer posible que a
mirada coa que nos achegamos ás persoas e ás súas situacións, plurais e
distintas, sexa unha mirada que nin asusta nin se asusta, senón que descobre,
integra e actúa ao lado do outro/a. Unha mirada entón que achega e non afasta,
unha mirada de amor e non de odio. É está a nosa mirada? Facemos o esforzo para
que sexa así? Pensémolo entón para que Deus, a fe, a oración... teñan sentido
para nós e enchan Del a nosa vida.
Por que entón nos empeñamos en poñer miradas
que separar, dividen, enfrontan ou illan? Por que moitas veces as nosas miradas
lévannos a prescindir uns dos outros e a incomunicarnos? Por que, chamándonos
crentes no Deus da relacionalidade amorosa, seguimos a facer as cousas sen
contar cos outros? Preguntémonos de que maneira o proxecto de Deus é acollido
ou rexeitado co noso xeito de actuar e comportarnos. Ser cos demais, fainos
tamén ser coa creación, co proxecto de Deus para que vivamos na casa común de
todos e todas; a casa na que, tendo moitas habitacións, cabemos sen ter que
botar fóra a ninguén; a casa na que non se prima a uns sobre as outras, senón
que se nos trata coma iguais. Este é o proxecto de Deus para esta casa común.
Tamén é o noso?
“Pero
entre vós non poder ser así”. Estas palabras de Xesús teñen fondura e
viveza na nosa vida cada día. E téñena porque a tentación que sempre temos -porque
é xa lugar común na nosa sociedade- é a de mandar, impoñer, querer ser máis
importantes, ricos, poderosos... famosos. Inda que para isto haxa que levar por
diante o que sexa, mesmo o respecto a un mesmo e a dignidade de tod@s. A
tentación de mandar por mandar e controlar é sempre excluínte, por iso hai
persoas que se senten máis cómodas mandando sobre os demais que preguntándose
por que o fan, ou se o están a facer ben. Porque o malo non está en mandar,
senón nas intencións de quen manda. De aí que Xesús chame
a saber facelo. E para iso fai a súa proposta –invitándonos a pensar sobre ela
e a seguila-: no canto de excluír e botar fóra aos que pensamos que non son “dos
nosos” ou non nos “interesan”, acoller; no canto de gañar por riba do que sexa,
sempre en todas a situacións, colaborar e decidir entre tod@s; no canto de
buscar o éxito facendo un/ha so/a as cousas, aprender a repartir
responsabilidades e traballar en común... unha proposta suxestiva que temos que
pasar polo corazón e pola reflexión para que chegue fresca e ilusionada ao día
a día de cada un/ha de nós. A proposta de Xesús ten tantos anos coma a presenza
do ser humano no mundo. E a pesares disto, non acabamos de superar esta fenda.
Seguimos facendo grupos e exclusións: dos nosos e dos outros. Porén, Xesús, non
deixa, unha e outra vez, de insistir no contrario: tratádevos con igualdade,
respectádevos, non pensedes que sodes únicos... e, como nos custa entendelo, e
polo tanto vivilo! Pero nunca é tarde. O seu proxecto está sempre a xirar para
que poidamos subir en calquera momento á súa roda. Fagamos entón o posible para
facelo a próxima vez que pase diante de nós. Todos temos luscos e fuscos,
ningún de nós é perfecto, por iso, Deus, como nos acaba de dicir Xesús, segue a
darnos oportunidades.
PALABRA
QUE SE ENCONTRA
No nome de Deus reunímonos cada domingo para compartir,
celebrar e agradecer, de xeito comunitario a fe. Fagamos agora memoria
agradecida da vida e digamos xunt@s:
GRAZAS POR INVITARNOS A SER SERVICIAIS
Para que a
Igrexa sexa verdadeiramente servidora e non se perda en palabras baleiras;
OREMOS.
GRAZAS POR INVITARNOS A SER SERVICIAIS
Para que nas
nosas parroquias non teñamos medo a facer do servizo ao veciño e da axuda
desinteresada temóns da nosa vida; OREMOS
GRAZAS POR INVITARNOS A SER SERVICIAIS
Para que nós
non caiamos na tentación de botarlle a culpa aos demais do que simplemente é
desleixo e falta de convencemento pola nosa parte; OREMOS.
GRAZAS POR
INVITARNOS A SER SERVICIAIS
Polas
misioneiras e misioneiros que dan o mellor de si traballando por facer presente
a mensaxe de Xesús na súa loita pola xustiza e a igualdade, para que nunca se
deixen contaminar pola opulencia do noso primeiro mundo que lle da as costas
aos empobrecid@s; OREMOS.
GRAZAS POR
INVITARNOS A SER SERVICIAIS
Señor, no
Evanxeo chámasnos a abrir os ollos e a poñer os oídos atentos para que as nosas
mans sexan verdadeiramente serviciais. Non deixes nunca de lembrárnolo. P.X.N.S.
PALABRA
QUE ACHEGA
Moitas veces os grandes do mundo divídennos
coas súas argalladas.
Gústalles vernos enfrontados,
porque saben que estando nós desunidos
nada podemos contra as súas maldades.
Pero Xesús quérenos unidos.
A vontade de Deus é a unión.
Moitas veces tamén nós mesmos nos
dividimos:
na familia, na veciñanza, na parroquia, no
pobo.
Gústanos encirrar a uns contra outros.
No canto de menda-lo pano rachado,
tiramos del para que a rachuma se faga
máis fonda.
Pero Xesús quérenos unidos
A vontade de Deus é a unión.
A unión é a defensa do débil.
A unión é a alegría do aflixido.
A unión é a esperanza dos pobres.
A unión é a salvación dos labregos.
A unión é o futuro do obreiro…
Por iso Xesús quérenos unidos.
Por iso a vontade de Deus é a unión.
Onde hai unión, alí está Deus!
(Manolo Regal, Un
caxato…)
Comentarios