Ir al contenido principal

22 Domingo TO C 2019

Libres, xenerosos e sen medo. Como corresponde a que non se deixa vencer nin superar pola tentación do inmobilismo
Cantos
  • Entrada.- Vinda axiña (Nº 10)
  • Lecturas.- As túas palabras, Señor, son espírito e vida (Nº 113 )
  • Ofertorio.- Eu soñei (Nº 58)
  • Comuñón.- No colo de miña nai ( Nº 49)

OLLOS ABERTOS

    Abrimos os ollos no comezo da celebración para mirar dentro de nós, si; pero tamén ao noso redor. Porque na vida non imos sos e só na busca do noso interese, senón que tamén descubrimos que ao noso redor hai persoas ás que necesitamos e que nos necesitan. Persoas que son agasallo, pero que tamén buscan e agradecen ser agasalladas. E para que estes pasos non se perdan no camiño, Xesús vainos acompañando e alentándonos de xeito que nin o desacougo nin o desánimo se convertan en guieiros de tristeza e de desesperanza para nós. 

    Fagamos, logo, da celebración encontro, festa, participación e experiencia solidaria a trasladar ás nosas familias, cos noso veciños e sabéndonos sempre agarimos pola tenrura do deus que todo o fai por amor.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Que non deixemos que a xenerosidade abandoe o noso corazón; SEÑOR, QUE SEXAMOS CHUVIA FINA DE SERVICIALIDADE.
  • Que non permitamos que o interese persoal destrúa o servizo ao ben común; CRISTO, QUE SEXAMOS CHUVIA FINA DE SERVICIALIDADE.
  • Que non deamos as costas á túa invitación de non deixarnos superar polo desacougo e a insensibilidade ante a dor dos demais; SEÑOR, QUE SEXAMOS CHUVIA FINA DE SERVICIALIDADE.

PALABRA REMOÍDA

  • O proxecto de vida dos cristiáns xermola desde a súa raíz cun compromiso irrenunciable de traballo e dignificación das persoas empobrecidas. Non é esta unha afirmación retórica para apuntarse ao socialmente correcto, senón unha esixencia de identidade que marca o sentido da esperanza e da plenitude da vida das persoas. Contra o que puidera parecer, a esixencia de ser e estar cos pobres non colle a deriva da beneficencia, senón que se vai desenvolvendo desde a clave da dignificación. O traballo, cos e entre os empobrecidos, supón darse en totalidade, non entregar o que sobra ou o que tranquiliza as nosas conciencias. É, nunha palabra, descubrir e poñer permanentemente a mirada nos empobrecidos, sen caer na tentación de pechar os ollos e converterse en esmoleiros do noso sobrante. E todo isto suponnos a nós un permanente esforzo por vence-la tentación de crernos bos dando esmola ou sentírmonos  acougados por participar nun proxecto sendo soci@s dunha ong. A opción á que se nos chama é de vida, o que supón que a forza non pode estar na nosa carteira, senón nas decisións e actitudes que imos tomando cada día, e que engloba a capacidade de vivir de xeito austero sen que iso nos ensoberbeza por crernos mellores que aqueles que non o fan e a dispoñibilidade de facer do noso tempo e da nosa palabra recoñecemento da dignidade que compartimos e do respecto que tódalas persoas, máis alá da situación laboral, cultural ou económica na que nos atopemos, nos merecen. Como di a primeira lectura, a nosa ha ser unha permanente pedagoxía de facernos pequenos diante das grandezas, aparentes, que relumbran e endurecen os nosos corazóns, o que supón esforzarnos por formar parte da mellor escola de sabedoría!


  • Esforzarnos porque sexa este o noso camiño pide permanente e constantemente de nós unha actitude de facer da xenerosidade escola, e da superación de calquera tipo de prexuízos de clase método permanente do noso actuar. Entendémolo así? Somos capaces de poñerlle a esta palabra, que non deixa de invitarnos a esponxa-lo noso corazón: esforzo, constancia, ollos e concreción desde o noso actuar? Porque se a palabra non vai sendo chuvia xenerosa capaz de fertilizar o corazón para que dea froito de boas obras, non deixa de ser palabra de secano, incapaz de xermolar e recoñecer que somos as persoas, non outro tipo de intereses, as que han recibir a chuvia xenerosa que fortaleza as nosas accións e faga agromar toda a nosa humanidade.

  • E isto, Xesús, ademais de entendelo , esforzouse por transmitilo coa súa palabra e os seus feitos, de xeito que non se puidera reducir a ideoloxía  pechada e inamovible a súa mensaxe. Isto convertía a súa proposta en compromiso e esixencia para os que, logo de escoitala, querían poñela en práctica. Por iso os seus seguidores non somos espectadores do “gran teatro do mundo”, como se outros o deseñasen para ser visto, senón protagonistas con capacidade de cambialo e facelo mellor. O que nos esixe  tomar conciencia de que as cousas só cambian cando nos comprometemos e as tomamos en serio, sen deixalas pasar por diante dos nosos ollos como se non fosen con nós. E fronte aos que se limitan a sentenciar e crerse por riba dos demais, como tamén pasaba no tempo de Xesús, saibamos esforzarnos por superar a tentación de figurar, como se estiveramos no escenario para unha representación teatral, e deamos o paso cara a adiante para ser protagonistas da palabra que non ten medo a denunciar a utilización e abuso das persoas por parte dos poderosos. E estes hainos en tódolos sitios, non só nas poltronas dos que mandan e deciden. Poñamos logo tempo, superemos os nosos propios prexuízos/medos/inseguridades e fagamos da nosa vida un canto agradecido de pensar nas persoas como persoas, como iguais, e non como cousas, datos estatísticos ou noticias de medios de comunicación. De xeito que, a través da nosa actitude activa, sexamos capaces de translucir, en toda a súa visibilidade, que a proposta de Xesús non son palabras, senón que a estas van sempre unidas as accións e os compromisos. Non somos, os cristiáns, crentes de salón e pantalla plana, senón activistas da xenerosidade e do servizo solidario desde a conciencia de pertencer á casa común. 

ORACIÓN COMPARTIDA

    Na xenerosidade que ha de agromar sempre nos nosos corazóns, compartimos a oración comunitaria dicindo xunt@s: GRAZAS, SEÑOR, POR POÑER A XENEROSIDADE NA NOSA VIDA.


  • Para que non renunciemos nunca a ser unha Igrexa que pon a súa mirada, o seu corazón e as súas mans aos servizo dos empobrecid@s e necesitad@s. Oremos. Grazas, Señor, por poñer a xenerosidade na nosa vida.

  • Para que non caiamos na tentación de falar moito e facer pouco, de ter discursos, pero non accións humanizadoras que dignifiquen ás persoas;  Oremos. Grazas, Señor, por poñer a xenerosidade na nosa vida.

  • Para que non nos contentemos cunha fe que entretén, pero que non transforma nin o noso corazón nin a mirada que temos das persoas e do mundo;  Oremos. Grazas, Señor, por poñer a xenerosidade na nosa vida.

    Grazas, Señor, por non cansar de abrirnos os ollos a unha realidade que necesita permanentemente ser transformada e renovada. Por Cristo o noso señor. Amén.

COMPROMISO ACTIVO

    A Igrexa «en saída» é unha Igrexa coas portas abertas. Saír cara os demais para chegar ás periferias humanas non implica correr cara ao mundo sen rumbo e sen sentido. Moitas veces é mellor deter o paso, deixar de lado a ansiedade para mirar aos ollos e escoitar, ou renunciar ás urxencias para acompañar a quen quedou nas beiras do camiño. Ás veces é coma o pai do fillo pródigo, que deixa as portas abertas para que, cando volva, poida entrar sen dificultade… A Igrexa está chamada a ser sempre a casa aberta do Pai. Un dos sinais concretos desa apertura é ter templos coas portas abertas en todas partes. Dese modo, se alguén quere seguir unha moción do Espírito e se achega buscando a Deus, non se atopará coa friaxe dunhas portas pechadas... Todos poden participar dalgunha maneira na vida eclesial, todos poden integrar a comunidade, e tampouco as portas dos sacramentos deberían pecharse por unha razón calquera . ( E.G. 46-47)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...