Ir al contenido principal

25 Domingo TO C 2019

Non só se trata de migrantes... medos, caridade, persoa, humanidade, non exclusión, acollida. Porque os últimos serán os primeiros.

Cantos
Entrada.- Camiñarei na presenza do Señor ( 12 )
Lecturas.- Ide e pregoade ( 55 )
Ofertorio.- Con tódalas criaturas ( 22 )
Comuñón.- Non vou so ( 60 )

Oídos atentos
Celebra hoxe toda a Igrexa, e en tódalas igrexas, a Xornada Mundial do Migrante e Refuxiado. O lema que propuxo Francisco para esta xornada de 2019 é: “Non se trata só de migrantes”. Con el quérenos facer reflexionar sobre o feito de que que estamos a falar de persoas non en abstracto, senón no concreto e duro do día a día da vida. Persoas que teñen familia, país, cultura, lingua, relixión, amizades, estudos e experiencia laboral... coma calquera de nós...pero que teñen que saír porque alí non poden vivir. E como comunidade que tanto ten migrado, sabemos o difícil que é saír e deixar; o difícil que é saír e non saber se volverás; o difícil que é saír a vivir coa morriña permanente de quen e que quedou atrás. Esforcémonos entón por ser persoas máis reflexivas e menos intolerantes cando falamos de xente migrante e refuxiada, porque hoxe son eles. Pero quizais mañá ... poderiamos ser nós.
Corazón misericordioso
    Ti, que sufriches o rexeitamento e a exclusión. SEÑOR, QUE NON XULGUEMOS AOS DEMAIS.
    Ti, que cos teus pais coñeciches a persecución e o exilio. CRISTO, QUE NON XULGUEMOS AOS DEMAIS.
    Ti, que dixeches “vinde a min os que estrades cansos e agoniados, que eu vos aliviarei”, SEÑOR, QUE NON XULGUEMOS AOS DEMAIS.
    Palabras que remoen o corazón e orientan o noso actuar
    As lecturas de hoxe teñen como tema eixo a denuncia, o non calar ante as inxustizas que imos vendo e sufrindo, nós ou outras persoas. Unha denuncia que lles saca as cores aos que se senten e cren mellores ca os demais, superiores, máis listos... con superioridade moral sobre todo e todos, aos que sempre miran desde arriba. Unha actitude que esconde inseguridade, medo e necesidade de remarcarse e exhibirse fronte aos demais, cando non son máis que maquillador@s de si mesm@s; das súas propias incapacidades e feblezas. Por esta mentira que queren presentar como verdade maquillada ao seu estilo é pola que se indigna o profeta Amós, denunciando a hipocrisía daqueles que tiñan e non só non compartían, senón que o seu ter marcaba a diferenza e a exclusión. Verdade que a foto, inda que pasaron xa moitos anos, non ten cambiado moito? Verdade que seguen a ser os prexuízos os que lastran a nosa achega ao evanxeo e impiden unha lectura real, lineal, verdadeira e transformadora da nosa vida e actitudes?
    Paulo, que acompañara a Timoteo no seu proceso de discernimento e crecemento persoal no coñecemento do evanxeo, pídelle a aquel –vemos a conexión co texto de Amós– que sexa persoa de ben, con ollos abertos e corazón de carne que o mova a traballar –desde os seus comportamentos cotiáns– pola xustiza, a piedade –que non é devocionismo baleiro nin ritualista– a paciencia e a mansedume. Todo un proxecto no que tamén nós necesitamos camiñar sempre... pero principalmente neste momento de tanta présa e tanta mentira. Tempo no que hai que estar moi atento ao que se di e quen o di; e inda así, sempre corremos o risco de que quen nos fala o faga para enganarnos. Por iso é tan importante non deixarnos engaiolar polo primeiro que escoitamos, inda que nos soe ben ao oído, pois debemos esforzarnos por discernir facendo o esforzo por reflexionar, contrastar e valorar desde exemplos que poidamos coñecer. Porque as palabras saen rápido da boca, pero os feitos son os que quedan e mostran a verdade ou non do manifestado. En tempos de tanta falsidade, e tantos creadores de medo aparente, as actitudes nas que Paulo invita a camiñar a Timoteo, sérvennos tamén para nós para non desprezar a quen non coñecemos, a quen vén de fóra, a quen ten que saír do seu país buscando poder vivir xunto cos seus sen sufrir ameazas nin violencia que pon en perigo as súas vidas. A defensa da vida non está só en dicir non ao aborto ou a eutanasia, senón en defender a dignidade das persoas sempre e en tódalas circunstancias.

    E Xesús, cunha linguaxe clara e sen buscar quedar ben, mostra que cando a riqueza non se pon ao servizo do ben das persoas –ben común desde a pertenza á casa común– o que acaba traendo é pobreza e desamparo. Cando a riqueza só xera indiferenza e rexeitamento de quen non a ten, o que conforma é sufrimento e dominio, non coidado e fraternidade; cando a riqueza non move a compartir con quen non ten, o que xera é indiferenza e baleiro. E algo disto, sexamos tamén nós claros, é o que lle está a pasar hoxe a moita xente, que tendo moito sente o baleiro interior máis absoluto e a indiferenza máis fría diante de que quen vén e chama para que @ deixen entrar. Coma o rico de evanxeo, tamén hoxe moita xente coas súas actitudes, elixiron o inferno –ausencia de presenza de Deus e de humanidade no corazón e na mirada e no actuar– no canto da fraternidade. Se dicimos tantas veces que somos irmáns, xa vai chegando o tempo de que a esta afirmación lle poñamos feitos que así o corroboren, ou non? Esforcémonos logo para non deixar que a indiferenza aniñe en nós ante o drama de tantas persoas que se ven excluídas e expulsadas. Xa son moitos os muros, cada vez máis, e van escaseando os “hospitais de campaña”.
    Confianza desde onde compartir
    Rompamos a indiferenza que cada vez ocupa máis oco no noso corazón, e recemos comunitariamante a Deus polas persoas que teñen que fuxir para salvar a súa vida e non ver esmagada a súa dignidade, e digamos : Que non fagamos do desprezo maneira de mirar aos demais.
    • Para que a Igrexa saiba dar aos seus bens un destino pastoral e social. Oremos. Que non fagamos do desprezo maneira de mirar aos demais.
    • Para que os economistas e a clase política, non miren tanto por eles e os seus beneficios, senón polas persoas necesitadas ás que lles faltan medios para vivir con dignidade. Oremos Que non fagamos do desprezo maneira de mirar aos demais.
    • Para que as persoas enriquecidas da nosa sociedade opulenta e que tanto estraga, non miren para outro lado ante tantos Lázaros empobrecid@s que están á porta dos seus banquetes e fastos. Oremos. Que non fagamos do desprezo maneira de mirar aos demais.
    Señor, acolle cando poñemos baixo o teu amparo para que nos deas azos en traballar por unha sociedade máis xusta e igualitaria. PXNS. Amen.

    Remoendo as nosas seguridades


    Se a nota dixera “ unha nota non fai melodía”, non habería sintonía.
    Se a palabra dixera “ unha palabra non pode facer unha páxina”, non habería libro.
    Se a pedra dixera “ unha pedra non pode erguer unha parede”, non habería casa.
    Se a gota de auga dixera “ unha gota de auga non pode formar un río”, non habería océano.
    Se o gran de trigo dixera “ un gran de trigo non pode sementar un campo”, non habería colleita.
    Se a persoa dixera “ un xesto de amor non pode salvar á humanidade”, endexamais habería xustiza, nin dignidade, nin paz, nin felicidade sobre a terra das persoas.
    Se María dixera ” unha muller pobre e virxe non pode ser Nai de Deus”, non habería salvación.
    A sinfonía necesita cada nota, o libro cada palabra, a casa cada pedra, o océano cada gota de auga, a colleita cada gran... a humanidade necesita de ti, alí onde estás. Porque es único e irremplazable .
    (Michel Quoisit)

    Comentarios

    Entradas populares de este blog

    Corpus 2024 B

    ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

    Santos 2024

      Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

    4 advento 2024

        HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...