Ir al contenido principal

23 Domingo TO C 2019

POR QUE SEGUIMOS CONSTRUINDO TORRES?

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar (Nº 2)
  • LECTURAS: Escoita ao Señor, pois El contigo está (Nº 15)
  • OFERTORIO: Recibe Señor (Nº 31)
  • COMUÑÓN: Todos xuntos (Nº 56)

ESCOITA ACTIVA

Que mundo estamos a construír? Temos teléfonos, tablets, ordenadores... que nos comunican con persoas que están a miles de quilómetros e nos manteñen en contacto, non físico, senón virtual, con moita xente. Pero somos cada vez máis indiferentes ao que lle pasa a quen temos ao lado, preto. É este xeito de facer as cousas o que lle queremos deixar ás xeracións que veñen tras de nós? Endurécesenos xa tanto o corazón que non nos queda nada de humanidade para botar unha parrafada, facer unha visita, provocar un sorriso ou achegarnos a que vive preto de nós , e sabemos que está sol@? A rapidez coa que vivimos, a superficialidade coa que tratamos ás cuestións fundamentais da vida do ser humano estannos a levar a esta calella na que cada vez as persoas se senten máis solas e desatendidas. 
Recemos xuntos esta mañá e pidámoslle ao Señor que non endurezamos o corazón, senón que saibamos ser tenrura e agarimo de Deus para os irmáns.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Por todas as veces nas que non quixemos unir o que rezamos e o que vivimos, SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR
  • Por todas as veces nas que renunciamos a vivir a fraternidade, empeñándonos en buscar o enfrontamento, CRISTO, AXÚDANOS A CAMBIAR
  • Por todas as veces nas que somos teóricos do Reino, vendedores de fume, sen comprometer a nosa vida no teu seguimento, SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR 

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

  • Pouco a pouco, o avance da ciencia e da técnica vannos facendo crer que as persoas podémolo todo, que elas respostan a todas as nosas preguntas e non hai ningún interrogante que se lle resista. Dun xeito equivocado, cremos que Deus é alguén de quen podemos prescindir, pois somos persoas autónomas, maduras e libres que non precisan de Deus na súa vida. Pero paradoxalmente a isto, atopámonos que nesta sociedade tan científica, cada vez son máis as persoas que recorren a magos, adiviños, astrólogos... buscando respostas no medio dunha sociedade tan avanzada como triste. Porque si hai dúas características que definan a nosa sociedade son: crispación e tristura. Desgrazadamente, o progreso técnico non sementou igualdade, xustiza, respecto... senón que, pola contra, cada día medran máis o desamor e a desconfianza diante de todo e de todos. Poderemos entón prescindir daquel que se presenta como sentido, paz, acollida, misericordia.... AMOR?.
  • Pois só sabendo vivir a vida como experiencia de fraternidade, poderemos entender a mensaxe dun Deus que en Cristo nos fai irmáns e irmás, o que esixe de nós saír da indeferenza e do egoísmo que nos levan a preocuparnos e mirar só para o noso embigo para abrírmonos á ocuparnos e preocuparnos polo que lle pasa a quen comparte con nós o camiño da vida. Que ben o entendeu Paulo e que ben llo transmite a Filemón cando lle pide unha segunda oportunidade para o seu escravo Onésimo, facéndolle ver que o tempo dos prexuízos é algo pasado, que temos que acoller a todos, que temos que servir a todos; pois “por riba das nosas distancias hai unha fe que nos une e que nos invita a non esquecer que todos temos a mesma dignidade.
  • Porque tal le como nos lembra Xesús no evanxeo que vimos de proclamar, ser discípulo conleva unha vida chea de riscos. Por iso antes de dar un si que vai cambiar e orientar a nosa vida, cómpre examinar paseniñamente os pros e as contras e decidir en consecuencia. Calcular os gastos é un elemento de todas as invitacións a entrar no Reino. Non podemos actuar por arroutadas, senón que temos que reflexionar, ponderar, examinar a nosa realidade persoal. Non se constrúe como é debido nin se traballa con posibilidades de éxito se non se coñecen os efectivos. O seguimento de Xesús non pode, entón, depender dun impulso fácil, dunha necesidade de seguridade, dunha herdanza e moito menos dunha rutina. Non é un xogo. Tampouco un conxunto de verdades nin unha colección de dogmas. É unha decisión que non se pode facer á lixeira. É unha resposta persoal, situada no aquí e agora concreto.. por iso é tamén unha resposta realista, que ten en conta as nosas limitacións e as nosas capacidades. El invítanos a escoller o mellor; pero, a diferenza de nós, non obriga, só ofrece e invita. E con claridade fala dos custos... Oxalá teñamos oídos e corazón abertos para escoitar a súa chamada e, desde unha opción persoal, responder con coherencia... e coa vida.


FRATERNIDADE ORANTE 

Abrámonos á fraternidade do Deus amigo que nos invita a vivila desde o esforzo de ir cambiando o corazón humano, e digamos:

QUE SEXAMOS CONSTRUTORES DE FRATERNIDADE

  • Para que na Igrexa saibamos facer do diálogo, a escoita e o traballo en común o camiño que nos achegue á invitación de Xesús de ser testemuñas no medio dun mundo plural e necesitado de entendemento, OREMOS.

  • Para que desde as nosas comunidades cristiás nos esforcemos por superar a teoría das palabras baleiras, para camiñar na vivencia dos feitos que nos levan a vivir na igualdade, a liberdade e a fraternidade de Xesús, OREMOS.

  • ara que nós, facendo neste momento memoria agradecida da vida, lembremos ás persoas que teñen pasado pola nosa vida, vivas ou xa non, e que foron deixando pegada de colaboración, preocupación polos demais e esforzo por facer cousas para o ben común, OREMOS.

Señor, dános azos, para superar a tentación de ser consumidores de palabras, e poder vivir desde as actitudes que nos achegan a Ti e aos irmáns. P.X.N.S. Amén.


MIRADA DE ESPERANZA

As comunidades cristiás non poden pechar os ollos diante do fenómeno nefasto dos nenos e das mulleres que gañan a vida ou viven nas estradas ou na rúa. É importante involucrar ás diferentes expresións da comunidade cristiá presentes en varios países, co fin de eliminar as causas que obrigan a un neno ou a unha muller a vivir na rúa ou a gañar a vida na rúa. Non podemos evitar levar a bondade e a tenrura de Deus Pai Misericordioso a todos, especialmente aos máis vulnerables e desfavorecidos; porque a misericordia é un acto supremo mediante o cal Deus sae ao noso encontro. Ela é o camiño que abre o corazón á esperanza.

(CEE, Ao servizo da caridade. Xubileu da Misericordia 21)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...