Ir al contenido principal

2 domingo Advento 2019 A

Fagamos do Advento unha escaleira de igualdade
SINAL DE ADVENTO
Nesta segunda semana colocamos a segunda lenda da nosa escaleira: Deixemos atrás o chanzo da falta de respecto a outras opinións:
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Volve Señor (Nº 90)
LECTURAS: Vén axiña visitarnos (Nº 86)
OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)COMUÑÓN: Coa nosa naiciña do ceo (Nº 69)
ESPERTANDO Á RENOVACIÓN
Seguimos subindo, neste tempo de Advento, a nosa escaleira da igualdade. Hoxe, no día no que celebramos o segundo domingo de Advento e a Inmaculada Concepción de María, invítasenos a deixar atrás a nosa prepotencia e o noso orgullo que, tantas veces, nos impiden aprender dos irmáns e das irmás. Si. Hoxe a nosa escaleira invítanos deixar atrás o chanzo da falta de respecto cara outras opinións; mais como nos custa!!!!!!!

Porén, nun mundo poliédrico, temos que aprender a respectar e a dialogar. Este é o único camiño válido: un diálogo construtivo, sen caer no relativismo, sen renunciar ás nosas conviccións nin á nosa identidade cristiá; pero abertas e abertos a comprender á outra persoa para enriquecernos mutuamente.

Como María, apostemos pola cultura do encontro, unha cultura que inicia a revolución da tenrura, que nos fai sentirnos responsables uns doutros.
ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA
  • Para que nos esforcemos por ser persoas dialogantes: SEÑOR, QUE OS CHANZOS SEXAN DE CONVERSIÓN.
  • Para que nos esforcemos por escoitar sen prexuízos a quen pide o noso tempo; CRISTO, QUE OS CHANZOS SEXAN DE CONVERSIÓN.
  • Para que a voz das mulleres sexa escoitada e tida en conta; SEÑOR, QUE OS CHANZOS SEXAN DE CONVERSIÓN.
NA ESCOITA DA PALABRA
Escoitabamos na primeira lectura unha frase que nos dá unha clave fundamental neste camiño de conversión que é o Advento. Dicíasenos: “Non xulgará conforme á aparencia dos seus ollos, nin sentenciará conforme ás faladorías dos seus oídos”. Canto temos que aprender! Canta atención lle debemos prestar á Palabra de Deus que proclamamos nas celebracións!. Verdade que nos sona a todos iso de xulgar pola aparencia e falar de oídas?. Por iso é fundamental pensar as cousas antes de dicilas, evitar deixarnos levar polo primeiro comentario que sobre alguén escoitamos, e non facer xuízos sobre ninguén. Verdade que non nos gusta cando eses comentarios, miradas, xuízos... se refiren a nós? Apliquemos, xa que logo, o mesmo criterio para darnos conta que, do mesmo xeito que nos sentimos mal cando nolo fan; outros tamén se sentirán mal cando llo facemos. En xustiza e reciprocidade, aquilo que non nos gusta para nós, non o poñamos en práctica cos demais. Esta é a primeira idea que nos ofrece a Palabra de Deus neste segundo domingo de Advento. Se somos capaces de interiorizala ben e ila poñendo en práctica, estamos no camiño axeitado que nos leva a subir a nosa escaleira..

Pero, aproveitando que este segundo domingo do Advento coincide coa festa da Inmaculada, queremos dar un paso máis cara adiante. E así queremos recoñecer que moitas veces cando a persoa que é obxecto das nosas burlas ou comentarios é unha muller, estes comentarios son moito máis violentos, despiadados e se cadra, humillantes. Si, en pleno século XXI, as mulleres seguimos tendo que esforzarnos o duplo ou o triplo que os varóns para que a nosa voz sexa escoitada, a nosa opinión respectada e o noso traballo recoñecido. Seguimos relegadas a un segundo plano, a ser simples espectadoras do que os varóns pensan e deciden.

Sempe se fixo así! Esa é a razón na que queremos soster a inmobilidade do papel da muller. E non é unha razón válida, porque o mundo muda, porque a historia avanza e non é de recibo que non avance do mesmo xeito para homes e mulleres. É evidente que se queremos construír sociedades xustas, un dos alicerces sobre os que debemos fundamentalas é a igualdade, entendida coma a situación na que todas as persoas teñen os mesmos dereitos. Isto implica necesariamente un proceso no que sexamos capaces de desenmascarar e corrixir situacións de desigualdade coas que nos atopamos cada día na nosa vida cotiá.
COMPARTINDO O QUE NOS UNE
Desde a escaleira da vida que neste tempo de Advento estamos a subir, dicimos
GRAZAS POR ALENTARNOS A SUBIR A ESCALEIRA
  • Para que tod@s traballemos por construír unha Igrexa inclusiva e igualitaria que fai do diálogo e do respecto camiño de evanxelización, Oremos
  • Para que nas nosas parroquias saibamos escoitar coa oídos e co corazón, e facelo sempre sen xulgar, Oremos.
  • Por cada un e cada unha de nós, para que sempre traballemos por unha sociedade máis igualitaria, xusta e inclusiva, onde as diferenzas veñan dadas pola capacidade ou incapacidade de facer as cousas ben, e non polo xénero ao que pertencemos, Oremos.
Grazas, Señor, pola oportunidade que nos dás de seguir subindo chanzos que nos axudan a cambiar a dureza do noso corazón. P.X.N.S. Amén.
AGRADECENDO O DON DA FE
Saudámoste, María,
porque o Señor está contigo,
na túa casa, na túa rúa, no teu pobo,
na túa aperta, no teu seo.

Saudámoste, María,
porque te turbaches
-quen non o faría diante desa noticia?-
pero deseguida recobraches paz e ánimo
e criches a un enviado calquera.

Saudámoste, María,
porque preguntaches o que non entendías
-aínda que fose mensaxe divina-,
e non deches un si inxenuo nin un si cego,
senón que tiveches diálogo e palabra propios.

Saudámoste, María,
porque concibiches e pariches
un fillo, Xesús, a vida;
e ensináchesnos canta vida
hai que xestar e coidar

se queremos facer presente.

Saudámoste, María,
porque te deixaches guiar polo Espírito
e permaneciches á súa sombra,
tanto en treboada como en tempos bos,
deixando a Deus ser Deus
e non renunciando a ser ti mesma.

Saudámoste, María,
porque lle abriches horizontes novos ás nosas vidas,
fuches coidar á túa curmá,
compartiches a boa nova,
e non te fixeches antolladiza.

Saudámoste, María,
irmá peregrina dos pobres de Iavé.

Camiña con nós,
lévanos onda as outras persoas
e mantén a nosa fe.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...