Ir al contenido principal

3 advento 2019 ciclo A


Non hai nada máis consolador que saber que o noso corpo resucitará; que a morte e a conseguinte separación das persoas ás que amamos non é a última palabra. ( Carlo Mª Martini)
Fagamos do Advento unha escaleira de igualdade
SINAL DE ADVENTO
Nesta terceira semana colocamos a terceira lenda da nosa escaleira: Deixemos atrás o chanzo da ansia de dominio
CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Volve Señor (Nº 90)
o   LECTURAS: Vén, vén Señor non tardes (Nº 37)
o   OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 36)
o   COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)
ESPERTANDO Á RENOVACIÓN
         Non cansa de dicir o papa Francisco que o Evanxeo, en todas e cada unha das súas poliédricas vertentes, é sempre alegría: alegría para vivilo e para compartilo. Neste terceiro domingo de Advento, a alegría quere ser o guieiro que nos vai acompañar no camiño de facelo presente na vida. Porque a tristeza, o desencanto, o pesimismo... nada axudan a preparar a acollida de Xesús. Que saibamos reverter a terra reseca dos desacougos que nos van chegando, en auga fresca que leve a reverdecer a esperanza no noso corazón.
ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA
·      Polas veces nas que a tristura pesou máis que a alegría no noso corazón, SEÑOR, QUE ATOPEMOS AZOS DE RENOVACIÓN.
·      Porque somos de fácil cansar e de difícil esperanzar, CRISTO, QUE ATOPEMOS AZOS DE RENOVACIÓN.
·      Para que non nos deixemos vencer por canto non nos deixa sentir o gusto por saber perdoar e acoller, SEÑOR, QUE ATOPEMOS AZOS DE RENOVACIÓN.
NA ESCOITA DA PALABRA
Moitas veces antes de empezar calquera tarefa xa nos damos por vencidos, pensando que non vai saír ben. Peor aínda, que vai saír rematadamente mal por moito que nos esforcemos. Contra este pesimismo existencial e defensivo, que só nos serve para xustificar a actitude que xa previamente tiñamos tomado de non querer comprometernos, é contra o que a palabra de Deus hoxe nos chama a loitar. Se non poñemos alegría nas cousas que comezamos, en cada unha das accións que queremos desenvolver, malamente seremos capaces de facelas ben, ou mesmo de facelas. O pesimismo, a desgana, o derrotismo ao que tantas veces lle damos entrada na nosa vida son actitudes de miradas das que debemos fuxir para non deixarnos envolver por elas. A isto chámanos o Advento como tempo de revisión e cambio. Preguntémonos logo cales son os medios que poñemos para que non aniñen en nós. E se xa o fixeron, sigamos preguntándonos canto esforzo somos capaces de poñer para que vaian saíndo de nós.
E cantos máis días pasan, menos queda para saír á porta e recibir, outra vez, e cantas máis fagan falta, a Aquel que se quixo facer non só un coma nós, senón un dos nosos. El volve, como dicimos ao cantar, porque nos “trae a paz”, o que nos urxe a que poñernos a nós en camiño da liberdade, da superación das nosas escravitudes, e tendendo a man para axudar a superar tamén as escravitudes e violencias dos demais. A vida cristiá, non só o Advento, é tempo e experiencia de liberdade. É un proceso continuo, non fixado só neste tempo de Advento/Nadal, de loita pola liberdade. E como é un proceso está sempre en movemento, non para, asume o pasado pero non se queda nel, renóvao mirando sempre cara adiante. Non somos nostálxicos do que xa foi, senón persoas de esperanza para o que vai vir. Que sempre será o mellor. Non son logo as présas, e si as paciencias as que nos van axudando neste proceso.
Tomemos entón a decisión de ir tamén e anunciar, sen medo e sen vergoña, que estamos nunha nova xeira. Non a xeira de converter todo en pecado e condena, senón a xeira que valora o pequeno, que acompaña o sinxelo, que se aleda con cada paso dado cara adiante, sen facer chaga/escarnio nos que fomos retrocedendo. A fe, como seguimento da persoa e da proposta de Xesús, é sempre un andar no mundo con ollos abertos e coas mans ofrecidas. Todo o contrario ao brazo musculado e sempre disposto a converter esa forza en dominio, violencia ou demostración de superioridade. Xesús chega coa sinxeleza humilde de quen non impón senón que só, e sempre ofrece. Xoán Bautista abriu o camiño. Xesús non repetiu o xa comezado, senón que continuou avanzando sen caer na tentación de mirar atrás cando xa non era tempo. Non deixemos logo que ninguén nos queira volver ao pasado impoñendo o que xa foi, pero agora non é. Impoñendo o tempo de Xoán Bautista, cando xa comezou, e hai moito, o tempo de Xesús.
COMPARTINDO O QUE NOS UNE
Na alegría do Deus que nos chama a encontrarnos, superando a tentación de illarnos, dicimos:
GRAZAS POR FACERNOS O CAMIÑO ALEGRE
Para que que sexamos unha Igrexa de Xesús e non de Xoán Bautista, unha Igrexa de renovación, de compromiso por un mundo coidado e compartido; unha Igrexa liberadora e de liberación; OREMOS.
Para que nas nosas comunidades non renunciemos nunca á alegría que nos esperanza e anima; á alegría que nos achega ás persoas e non deixa que nos quedemos en formas baleiras e ritos que xa non responden á frescura á que nos chamas a vivir facendo da vida servizo e escoita; OREMOS.
Para que non nos deixemos dominar polo medo que aínda moitos nos queren inculcar no teu nome, e saibamos actuar coa liberdade de movernos e ir alí onde a túa Palabra liberadora segue a alentarnos, animarnos e ilusionarnos nos nosos proxectos e na nosa colaboración solidaria; OREMOS.
Grazas, Señor, por lembrarnos que só desde a alegría seremos capaces de descubrir que o Advento é tempo de espera e cambio. P.X.N.S. Amén.
AGRADECENDO O DON DA FE
Abride camiños de esperanza as persoas que pasades por este mundo sen atopar sentido á vida. 
Porque El virá.
Virá e encherá de esperanza á xente que perdeu.
Virá na noite para ser luz.
Virá para acompañar a quen cansou,
Xa pode cantar vitoria quen se cría no esquecemento.
Virá o Señor, non tardará.
E rebordará todo co seu amor.
(Fco. Cerro Chaves)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...