Ir al contenido principal

3 Domingo Advento Ciclo A

A IDENTIDADE DE XESÚS

Até a prisión de Maqueronte, onde está encerrado por Antipas, chéganlle ao Bautista noticias de Xesús. O que está a ouvir déixao desconcertado. Non responde ás súas expectativas. El espera un Mesías que se impoña coa forza terríbel do xuízo de Deus, salvando aos que acolleron o seu bautismo e condenando a quen o rexeitaron. Quen é Xesús?
Para saír de dúbidas, encarga a dous discípulos que lle pregunten a Xesús sobre a súa verdadeira identidade: «Es ti o que ha vir ou temos de esperar a outro?». A pregunta era decisiva nos primeiros momentos do cristianismo.
A resposta de Xesús non é teórica, senón moi concreta e precisa: comunicádelle a Xoán «o que estades a ver e a ouvir».
Pregúntanlle pola súa identidade, e Xesús respóndelles coa súa actuación curadora ao servizo dos enfermos, dos pobres e desgraciados que atopa polas aldeas de Galilea, sen recursos nin esperanza para unha vida mellor: «Os cegos ven e os inválidos andan; os leprosos fican limpos e os xordos ouven; os mortos resucitan e aos pobres anúnciaselles a Boa Nova».
Para coñecer a Xesús, o mellor é ver a quen se achega e a que se dedica. Para captar ben a súa identidade non abonda con confesar teoricamente que é o Mesías, Fillo de Deus. É necesario sintonizar co seu modo de ser Mesías, que non é outro senón o de aliviar o sufrimento, curar a vida e abrir un horizonte de esperanza aos pobres.
Xesús sabe que a súa resposta pode decepcionar aos que soñan cun Mesías poderoso. Por iso engade: «Ditoso o que non se senta defraudado por min». Que ninguén espere outro Mesías que realice outro tipo de «obras»; que ninguén invente outro Cristo máis ao seu gusto, pois o Fillo foi enviado para facer a vida máis digna e ditosa para todos, até alcanzar a súa plenitude na festa final do Pai.
A que Mesías seguimos hoxe os cristiáns? Dedicámonos a facer as obras» que facía Xesús? E se non as facemos, que estamos a facer no medio do mundo? Que están «a ver e ouvir» a xente na Igrexa de Xesús? Que ve nas nosas vidas? Que escoita nas nosas palabras?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire

Consulta a nosa proposta de celebración de anos anteriores

Nos moitos desastres do noso tempo, a Voz de quen trae a esperanza segue a clamar sen cansar

SINAL DE ADVENTO

Colocamos a terceira folla na nosa árbore.

3 Advento 2013 Ciclo A

SER PACIENTES LÉVANOS A DESCUBRIR QUE AS COUSAS IMPORTANTES SEMPRE NECESITAN TEMPO PARA CALLAR.

CAMIÑEMOS CON PACIENCIA AO LONGO DESTE TEMPO DE ADVENTO!

SIGNO: Penduramos da árbore un terceiro corazón, co que simbolizamos que estamos dispost@s a abrir o candado que deixe escapar canto non nos fai felices, para que entre a forza da palabra que renova e nos chama a cambiar as nosas actitudes. Neste terceiro domingo, a frase que escollemos é: “Tede paciencia, irmáns e irmás, deica a volta do Señor”.

3 Domingo Advento 2010 Ciclo A

En tempo de crise, Advento é Amor
Signo:
Colocamos o terceiro dos pétalos en forma de corazón do logotipo de Cáritas.

3º Advento 2007 Preparemos Camiños

TEMPO DE ADVENTO: UN NOVO AGASALLO DE DEUS PARA DERROTAR O PESIMISMO E FACER XERMOLAR A ESPERANZA
SIGNO: Ofrecemos o terceiro cacto

TIREMOS MUROS, ABRAMOS PONTES: PREPAREMOS CAMIÑOS

PÓRTICO

Son moitos os desertos desde os que imos crecendo na sociedade actual. Parece que o temos todo, que estam@s che@s, que non nos falta nada… e paradoxalmente nunca estivemos tan orf@s, tan baleir@s, tan falt@s de vivencia interior. É verdade: temos bens materiais, comodidades, e mesmo luxos e cousas innecesarias; pero imos descubrindo que con iso non nos chega, que nos falta algo que encha de sentido e de razón a nosa vida.
Por iso precisamos máis que nunca precursores, profetas, pioneir@s que abran novos camiños, que preñen a sociedade de esperanza, que leven a ledicia de sabérmonos querid@s e salvad@s por Deus a un mundo falto de motivacións e de boas novas.
Que a celebración deste terceiro domingo do Advento nos axude a camiñar xunt@s, ilusionad@s e ilusionando aos que camiñan con nós.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...