Ir al contenido principal

3 Advento 2010

En tempo de crise, Advento é Amor

Signo:
Colocamos o terceiro dos pétalos en forma de corazón do logotipo de Cáritas.

PÓRTICO

Inxenuidade ou confianza as que nos propoñen os textos da celebración de hoxe?. Cremos de verdade, nesta linguaxe poética de Isaías e no realismo da carta de Santiago, que poderemos chegar a percibir como os cegos verán, os mudos falarán e os coxos poderán dar saltos?. Seremos capaces, como nos di Santiago, de camiñar na paciencia para ir descubrindo as presenzas de Deus na nosa vida e concienciarnos de que cando dicimos que Deus é amor, estamos manifestando que del nos fiamos e con El estamos dispostos a darlle a volta ás cousas para que o mal nin o resentimento nin a utilización das persoas triúnfe?. Si de verdade Deus é sentido, forza e compañía na vida de cada un e de cada unha de nós, entón si que estamos a poñer os cimentos sobre rocha firme para evitar que a casa da fe e das nosas conviccións non se derrube. Aprendamos a ver máis alá do que os nosos sentidos perciben, entremos no interior e profundo das cousas, tamén da nosa vida, conviccións e sentido, e deixémonos levar pola forza da esperanza.

O PERDÓN

  • Por non acabar de darlle a volta a vida para facer vivir e celebrar con gozo a fe. SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á CONVERSIÓN.
  • Polas veces nas que non queremos pararnos a reflexionar e a contemplar os sinais de esperanza que hai ao noso redor, preferindo vivir nun laio permanente, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á CONVERSIÓN.
  • Polas veces nas que cando non vai a auga polo noso rego nos apartamos do mundo, sen querer pousar nel a esperanza que vén de Deus, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á CONVERSIÓN.

REMUÍÑO

A nós pásanos tamén como a Xoán. Como non acabamos de fiarnos de verdade do que supón ter fe, andamos moitas veces perdidos buscando fóra o que xa temos nesta nosa casa que é a comunidade dos cristiáns, a Igrexa. E namentres que da nosa boca saen expresións respecto dos curas, bispos ou xente que colabora na Igrexa (que si cobran, que si andan con non sei quen, que si a Igrexa é un negocio, que si xa non paga a pena crer en nada porque os que din que cren non viven o que din…), todo se nos vai en criticar o que fan os outros, pero somos incapaces de mirar para dentro de cada un de nós e ver en que fallamos, de que maneira deixamos que Deus enchoupe a nosa vida, de que xeito permitimos que El nos acompañe; ou mesmo somos incapaces de decatarnos de que mentres criticamos si os curas cobran ou non, ou fan ou non fan, nós gasto, e moito en velas pretendidamente sandadoras, traemos a non sei quen para que nos bendiga a casa –dimos limpar-, imos onda quen nos vai sacar cartos, e non poucos, para dicirnos o que xa sabemos e nos gusta escoitar ou o que antes, sen que nos deramos conta, nós lle contáramos. Dámonos conta que non acabamos nin de crer en Deus nin en descubrilo como Aquel que, sen quitarnos as dificultades que todos imos tendo na vida, vai camiñando ao noso lado dándonos forza e poñendo neste noso camiño persoas e situacións que nos tenden a man, e nós non acabamos de ver?.

Por iso, como lle pasaba a Xoán, inda que o teñamos diante, inda que foron moitas as veces que, sen que nos deramos conta, soubo estar con nós, seguimos preguntando: es ti o que vai vir ou esperamos a outro?. Pois claro que é El!. Pero xa ten vido unha e outra vez, incontables e incansables veces, mais nós seguimos sen darnos conta. Ata cando?. Non vemos que as persoas sorrín, os amigos quérense, a solidariedade agroma, e moitas persoas, sen buscar que lle paguen ou que lle poñan medallas no pescozo, seguen a tender as súas mans, o seu tempo, a súa alegría ou o seu perdón para que a esperanza siga viva, o amor quente corazóns e a xustiza poida ir dignificando ás persoas. Si, isto pasa, e son moitas as persoas que o cren e o viven!. Xa vai sendo hora de que deixemos de ver a vida como se fose a edición do telexornal ou a televisión lixo. Máis alá do que aparece na televisión hai vida e persoas dispostas a vivila compartíndoa con quen as necesite. Por que sempre lle damos máis importancia a algo que vemos a través dun aparato e que pode ser manipulado, e non somos capaces de descubrir que Deus segue a falar de xeito sinxelo a través de persoas que non están lonxe de nós, pero ás que non lle prestamos atención pois consideramos que non son importantes por non ser famosas?. Non cremos en Xesús, pero si no que nos dixo non sei quen que escoitamos en tal ou cal programa; non cremos na esperanza que nos aporta a fe, pero logo non nos importa ir ata onde sexa e pagarlle canto nos pida tal señora ou tal señor para que me digan como vai o meu futuro ou como podo botar fóra o meigallo –a teoría de agarrarse a un cravo ardendo é moi vella pero non da resultados- … non cremos, non cremos, non cremos… e logo porque non somos coherentes e dicimos: se en Deus non creo, como é que non digo o mesmo respecto de todo o outro?. Se Deus é misterio insondable desde o que vou estando e situándome, con El ao meu lado, no mundo, por que a El lle negamos todo cando, segundo nós, non actúa como un tendeiro ao que puideramos comprar a mercancía da seguridade e da esperanza, do éxito e do triunfo por quilos ou cuartillos?.

A pesares da nosa dureza de corazón, da nosa insistencia en convertelo en obxecto da nosa propia satisfacción, Deus segue saíndo ao noso encontro –quere ser presenza persoal e experiencia de crecemento e madurez interior e exterior para cada un de nós- ofrecéndonos a súa man, coma o mensaxeiro que nos prepara o camiño e nos anuncia a gran noticia: Deus chega e non quere que quedes fóra: acólleo!.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Porque o amor é a mellor das respostas coas que podemos prepararnos para acollerte, dicímosche xuntos:

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

  • Para que a Igrexa saiba descubrir e valorar a esperanza que xermola en tantos corazóns que poñen a súa vida ao servizo das causas máis difíciles e arriscadas do mundo, OREMOS.

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

  • Porque nas nosas comunidades seguimos querendo o imposible: poñerlle unha vela Deus e outra ao demo, sen darnos conta de que iso é contraditorio cun Deus que nos ofrece amor e salvación, pero non por iso se supón que nos convertamos en anxos aos que as dificultades e problemas non lle afectan, OREMOS.

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

  • Para que botemos fóra de nós o medo que nos paraliza e nos acomplexa, e teñamos o valor de aceptar a responsabilidade de sermos mensaxeir@s de esperanza e de amor nun mundo en crise e desesperanzado, OREMOS.

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

Señor, que saibamos ir deixando atrás canto nos fai seguir camiñando na escuridade e impedindo poder comezar a descubrir que a luz é esperanza e máis amor. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Xesús,

as cousas que viviches e ensinaches atráennos moito.

Nós queremos colaborar contigo,

coma Xoán Bautista, coma María, como Pedro e André,

coma a Magdalena e Susana.

Pouco sabemos, pouco valemos,

pero no que saibamos e valamos,

conta con nós.

Para andar as terras da nosa parroquia

á túa sombra e no teu nome,

conta con nós.

Para sermos pequenas testemuñas túas

e das túas cousas que sandan á xente ferida pola vida,

conta con nós.

Para ser unha persoa máis neste pequeno grupo de irmáns e irmás

que queremos experimentar a felicidade da comunidade,

conta con nós.

Para o que ti queiras,

conta con nós.

Grazas por te fixares en nós e por escollernos.

Agora e sempre, pase o que pase,

conta con nós.

CANTOS

  • ENTRADA: Vén axiña visitarnos
  • LECTURAS: Preparade o camiño ao Señor
  • OFERTORIO: Ti es camiño e verdade
  • COMUÑÓN: Xesús chamado amigo/Maranatá

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...