Ir al contenido principal

NADAL 2010

Sen Ti non somos nós......

e sen ti, tampouco

PÓRTICO

Benvidos e benvidas e BO NADAL para todos e para todas vós. Utilizamos moitas veces a expresión "historia de amor" para referirnos á relación de Deus coas persoas. E é ben certo: Deus, polos séculos, desde Adán, andaba na procura das persoas, que vivían alleas a El, instaladas no seu individualismo e no seu egoísmo. Pois ben, no Neno que vén de nacer de María, Deus e as persoas atópanse definitivamente. Porque o Neno vén:

  • para ensinarnos a descubrir ao irmán e á irmá
  • para dicirnos quen é o irmán e a irmá
  • para capacitarnos a amar ao irmán e á irmá
  • para cargar co irmán e a irmá
  • para facerse irmán noso
  • para identificarse con todos os irmáns e irmás

Non perdamos máis tempo, non poñamos máis escusas, non renunciemos á ledicia e ao amor que nos trae. Abramos o noso corazón e acollámolo, vén para traernos felicidade e vida.

PERDÓN

  • Porque nos chamamos irmáns e irmás e mesmo rezamos o Noso Pai; pero non nos queremos como tales, SEÑOR, PERDOA O NOSO EGOÍSMO.
  • Porque damos voltas para non atoparnos coa vista do irmán ou da irmá que precisa de nós, do noso sorriso, da nosa compaña, da nosa axuda, CRISTO, PERDOA O NOSO EGOÍSMO.
  • Por ter reducido o Nadal a unha festa consumista e despilfarradora, na que só conta a comida e os agasallos, SEÑOR, PERDOA O NOSO EGOÍSMO.

REMUÍÑO

  • O Nadal, principio de fraternidade: Nace o Fillo de Deus para facernos a tod@s fill@s e, polo tanto, irmáns e irmás. Os fillos non se recoñecían, senón que pelexaban: Que tiña que ver un xudeu, escollido de Deus, cun exipcio ou cun asirio?, que ten que ver un cristián devoto cun agnóstico ou mesmo cun ateo?, que ten que ver un home cunha muller, ser inferior?, que ten que ver un ministro ordenado cun simple segrar?..... Pois ben, Deus nace para borrar diferenzas, para dicirnos que tod@s somos irmáns, que temos un Pai común, que é máis o que nos achega que o que nos afasta. Por iso celebramos o Nadal, para concienciarnos da fraternidade. Por iso temos que seguir celebrando o Nadal, para non deixar de sementar sementes de amizade e de solidariedade. Por iso celebramos o Nadal, porque estamos dispost@s a poñer da nosa parte para que a ledicia e a tenrura que hoxe sentimos nos acompañe ao longo de toda a nosa vida. Por iso celebramos o Nadal, porque queremos comprometernos a facer da nosa vida unha busca da xustiza e da defensa da dignidade das persoas, de todas as persoas, as que están máis preto e tamén as que están máis lonxe. Por iso celebramos o Nadal, porque este Neno que vén de nacer quere aloxarse no noso corazón para que sexamos felices.
  • Pero....queda tanto por facer!: Porque a fraternidade é unha tarefa pendente, sobre todo neste mundo que nos toca vivir no que parece que as persoas só son felices se se ocupan e preocupan só delas mesmas. Certo é que a globalización nos achega máis, pero non nos une. Como di Bieito XVI: "a globalización fainos cercanos, pero non nos fai irmáns". Como ti, sendo xudeu, me pides de beber a min que son unha muller samaritana?. Estas palabras evanxélicas parecen hoxe máis reais ca nunca.... Pero, a pesares de todo, somos irmáns e irmás e a semente da fraternidade que Deus pousou nos nosos corazóns ten que ser máis poderosa que calquera outra forza de disgregación e destrución. Temos que seguir crendo nas persoas, e sobre todo temos que seguir crendo no Deus que se fai persoa para salvar ás persoas. Desde Cristo, xudeus e samaritanos danse a man.
  • Porque do mesmo xeito que naquel tempo, tamén hoxe o neno que chega chama na nosa porta. Non fagamos coma os pousadeiros de Belén!. Non lle pechemos as portas. Se somos capaces de abrirlle a nosa casa, a nosa vida, o noso corazón... seguro que comezaremos a ver a luz do día con máis claridade, con outros ollos, con outra actitude. Porque a luz xa chegou, invitémola a pasar, sentémola á nosa mesa, compartamos con ela o noso pan. Porque esa luz móstrasenos cada día nos pobres e pequenos do lugar onde estamos. Porque Xesús xa está aquí, recoñezámolo vivindo a fraternidade. Sen El non somos ninguén, pero sen ti, tampouco!.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Poñámonos na disposición de dicir si a Deus cos nosos labios e o noso corazón e digamos xunt@s:

ABBA, PAI

  • Para que o nacemento de Xesús nos faga ter conciencia de que tod@s nós somos fill@s teus e, polo tanto irmáns e irmás, OREMOS.

ABBA, PAI

  • Para que, polo nacemento do teu Fillo, aumenten os lazos de solidariedade e fraternidade entre os pobos, OREMOS.

ABBA, PAI

  • Para que o irmán non mate ao irmán, non o deixe morrer, non o menosprece e non o descoñeza, OREMOS.

ABBA, PAI

  • Para que ninguén se sinta so, orfo ou desamparado, pois Ti es Pai-Nai de todas as persoas, OREMOS.

ABBA, PAI

  • Para que a Igrexa sexa de verdade a grande familia dos fillos e das fillas de Deus, fundamentada sobre o amor, a fraternidade, a igualdade e o respecto, OREMOS.

ABBA, PAI

  • Para que todos e todas nós, que celebramos o nacemento de Cristo, sexamos sementadores e cultivadores de fraternidade, OREMOS.

ABBA, PAI

Abba, Pai, poñémonos nas túas mans, co desexo de que se cumpra a túa vontade en nós e en todas as persoas, fillas túas e irmás nosas. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

O Neno que nace en Belén:

- achégase aos nenos e ás nenas e agasállaos cunha estrela

- achégase ás persoas que están soas para ser a súa compaña

- achégase ás persoas que ninguén quere para enchelas de bicos

- achégase ás persoas que están caídas para ofrecerlles a súa man

- achégase ás persoas que choran para secar as súas bágoas

- achégase ás persoas enfermas para compartir e calmar os seus sufrimentos

- achégase aos campos de batalla e solta pombas brancas

- achégase ás persoas paradas para invitalas a prepararse e a seguir buscando

- achégase ás persoas que esperan e sela os seus grandes desexos

- achégase ás familias pobres e promételles axudas solidarias

- achégase ás persoas que buscan apaixoadamente para ensinarlles camiños de luz

- achégase ás persoas que morren para cantar con elas a Pascua

- achégase a ti e a min para invitarnos a vivir a fraternidade e a ledicia de sermos irmáns e irmás.

CANTOS

PANXOLIÑAS

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...