Ir al contenido principal

Inmaculada 2010

FESTA DA INMACULADA

MARÍA, UN ADVENTO PREÑADO DE AMOR

Pórtico

Estamos cansos xa da crise, de que o futuro se presente incerto. Xa son moitos os que buscan culpables, que os hai. Pero todos temos parte de culpa, xa que vivimos no espellismo do poder conseguilo todo, no estar ben no presente por riba de todo. E así nos vai agora, con medo, con incerteza. Pero a festa da Inmaculada Concepción que celebramos hoxe, é unha chamada a esperanza, unha chamada ao compromiso e a mirar ao futuro con ilusión. Xa basta de ver todo negro e sen futuro, os cristiáns temos que poñer luz e esperanza, non buscar culpables, senón solucións construtivas e humanizadoras. Como María, que foi luz e esperanza para a nova humanidade que somos tod@s. Non perdamos máis o tempo.

Perdón

  • Porque moitas veces preferimos vivir na mentira, facéndonos ilusións e mostrándolle aos demais unha vida que non existe, SEÑOR, FAINOS LIMPOS DE CORAZÓN.
  • Polas veces en que non somos capaces de perdoar aos demais e non recoñecemos o mal que nós facemos, CRISTO, FAINOS LIMPOS DE CORAZÓN.
  • Porque non somos capaces de compartir o noso tempo e as nosas cualidades, pechándonos en nós mesmos para evitar problemas, SEÑOR, FAINOS LIMPOS DE CORAZÓN.

Remuíño

Celebrar hoxe a festa da nosa nai María, é celebrar a festa daquela que estivo ao carón de Xesús, da discípula que, aos pés do mestre, escoitaba e facía vida a súa mensaxe. E celebrámola sen caer no perigo de endeusala, de caer na conta de que a nosa nai é unha relación, un punto de referencia, un dedo que sinala a meta e á persoa á que verdadeiramente seguimos: Xesús. Por si mesma é coma un vaso baleiro, unha escrava á que descubrimos grazas ao milagre do seu Fillo. E así, María móstranos:

  • Recoñece e acepta a súa pobreza: pertence ao pobres de Iavé. Vive con austeridade na súa vida, sen luxos e sobre todo do traballo compartido con Xosé. É unha pobreza que se interioriza como un xeito de vida e non como algo pasaxeiro froito dunhas circunstancias adversas.
  • É humilde e sufrida: Non é autosuficiente na súa vida. Sinte a dependencia de Deus e tamén do amor dos que ten ao seu carón, cunha actitude de servizo e gratuidade, cunha actitude de empatizar co outro, coas súas alegrías e coas súas penas.
  • Nai compasiva: Soubo chorar cos que choraban, estar preto dos que sofren, xa que ela mesmo tivo que sufrir. Así o descubrimos coa súa prima Sabela, nas vodas de Caná pero sobre todo sufriu na cruz do seu Fillo.
  • Foi e é misericordiosa: Lembraba na súa vida que Deus non abandona ao seu pobo. Esperaba e viu cumpridas as promesas de futuro, acollendo a palabra e a misión de Deus con respecto; pero sobre todo con alegría. E así mostrou a misericordia de Deus coas súas mans, coa súa mirada, cos seus xestos, coas súas palabras.
  • Limpa de corazón: María foi limpa de corazón porque vivía na verdade e non enganaba nin se autoenganaba, vivía na humildade sen deixarse perder polo orgullo e os ser máis cos demais, vivía na pobreza, sen buscar privilexios ni milagres baratos, vivía no amor de Deus, que é capaz de mostrar con toda unha vida entregada.
  • Pacífica: é o resumo de toda a súa vida. Dá paz que dá alegría, confianza, comprensión, respecto, capacidade de perdón, diálogo, tolerancia e amizade, compromiso e urxencia. Unha invitación constante ás persoas a que vivamos construíndo paz, que sexamos persoas de paz que vaiamos máis alá da non violencia, creando xeitos de vida e actitudes que fomenten nos máis pequenos e nos mozos a construción dunha nova sociedade baseada na paz e no respecto de todos.

Celebrar a Festa da Inmaculada Concepción é mirarnos nun espello que nos invita a seguir camiñando neste tempo do Advento. Un Advento no que empezamos e continuamos sementando amor. O amor que a nosa nai deu dabondo na súa vida. Gratuíto, acolledor e sobre todo comprometido coas persoas e coas súas necesidades, aspiracións e ilusións.

Oración da comunidade

Collidos da man da nosa nai María, imos avanzando no camiño do advento. Sentindo nela a túa presenza, dicimos confiados:

QUE MARÍA SEXA ESPELLO DO NOSO COMPROMISO

  • Pola Igrexa, que camiña neste tempo de Advento buscando a estrela que a leve a Belén, para que a atope en tódolos estrelados do noso tempo, xa que neles se manifesta Cristo. OREMOS.

QUE MARÍA SEXA ESPELLO DO NOSO COMPROMISO

  • Polas nosas comunidades, para que descubran na figura da nosa nai María, unha muller do seu tempo, que non destacou por grandes feitos senón dende o compromiso sinxelo e diario, OREMOS:

QUE MARÍA SEXA ESPELLO DO NOSO COMPROMISO

  • Por todos nós, que descubramos, que só dende unha conversión sincera e práctica, seremos quen de ser cristiáns no medio do noso mundo, non dende a imposición e a prepotencia, senón dende a colaboración e a solidariedade. OREMOS:

QUE MARÍA SEXA ESPELLO DO NOSO COMPROMISO

  • Señor, ti quixeches facerte coma nós por medio da nosa Nai María. Fai que nós tamén sexamos portadores da túa vida, da túa alegría e do teu amor a tódalas persoas. PXNS. Amén

Para a reflexión

SIMPLEMENTE PORQUE ESTÁS AÍ, GRAZAS MARÍA

Grazas por saber ser unha muller de pobo,

por non necesitar nin anxos nin criadas

que che amasaran o pan e che fixeran a comida.

Grazas por saber vivir sen milagres nin prodixios.

Grazas por saber que estar chea,

non era estalo de títulos e honores, senón de amor.

Grazas por respectar a vocación do teu Fillo cando foi cara a súa loucura,

por non darlle conselliños prudentes.

Grazas por deixalo medrar e por sentirte orgullosa de que El te superara.

Grazas por quedar no silencio e na sombra durante a súa misión,

pero sostendo de lonxe o grupo de mulleres que seguían ao teu Fillo.

(J. L. Martín Descalzo)

Cantos

  • ENTRADA: Xa nos tes aquí.
  • LECTURAS: Salve raíña
  • OFERTORIO: Sede o sal
  • COMUÑÓN: Magníficat

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...