Ir al contenido principal

4 domingo advento 2010

En tempo de crise, Advento é Amor

Signo: Colocamos o cuarto e derradeiro pétalo en forma de corazón do logotipo de Cáritas.

PÓRTICO

O tempo vaise cumprindo. Xa non queda nada. Case que está ás portas. Notámolo?. Temos avanzado algo desde aquel xa afastado primeiro domingo de Advento?. Ten sido verdadeiramente tempo de amor e apertura a mellorar, a cambiar, a ir deixando atrás canto non nos facía sentírmonos ben con nós mesmos?

Se o ten sido, si que pagou a pena ese camiño de revisión e esforzo por cambiar na nosa vida, pero se estamos onde estabamos, tristemente, unha vez máis, desaproveitamos un marabilloso tempo do que non somos donos, senón só administradores. Por que nos deixamos ir con tanta facilidade?.

O PERDÓN

  • Porque nos temos acostumado tanto a poñer a Deus a proba, pedindo e insistindo na petición, que nos esquecemos de que está en nós a capacidade e a posibilidade de facer ben as cousas, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á CONVERSIÓN.
  • Porque este tempo de Advento non o temos aproveitado suficientemente para acoller canto nos foi manifestando coa súa palabra e os testemuños quen se ten esforzado por cambiar, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á CONVERSIÓN.
  • Porque de novo temos caído no conformismo e na rutina á hora de aproveitar toda a riqueza de posibilidades que fuches poñendo no noso camiño, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á CONVERSIÓN.

REMUÍÑO

  • NON POÑAMOS AO SEÑOR A PROBA: Dinos o profeta Isaías que Acaz non quixo converter a Deus nun señor poderoso, histérico e autoritario, por iso se nega a poñelo a proba esixíndolle como se fose un mercador –tendeiro– ao que lle comprase mercancía e retribuíndolle por ela. Acaz non cae nesta tentación, neste empobrecemento de Deus entendido desde os criterios humanos, buscando dominalo e coaccionalo mandando sobre El. Ben, pois isto que nos está a dicir o profeta nun texto de fai miles de anos, non é o xeito no que tantas veces nós prantexamos a nosa relación con Deus?. Non é entón a nosa unha maneira de querer dominar a Deus esixíndolle, coaccionándoo para que faga o que nós queremos, o que nos gusta ou o que lle pedimos. Cremos en Deus, ou cremos nun deus á nosa medida?. Porque ademais, se as cousas non saen como a nós nos gusta, acabamos cabreándonos con El, e moitas veces negando a súa existencia. Algo así como: "posto que Deus non me ten concedido o que lle pedín, xa non creo nel". Se facemos así teriamos que preguntarnos que entendemos por fe, ou que fe temos; ou mesmo: a fe é para nós luz no camiño e forza na dificultade, ou soamente intercambio do que nos convén, e porque non o temos pedímosllo a Deus?. Estaría ben que revisaramos un chisco cales son os fundamentos desde os que vivimos e asentamos as nosas convicións.
  • GRAZA E PAZ DE PARTE DE DEUS: Inda que nolo teñen dito moitas veces, e mesmo nós temos chegado á mesma conclusión, non está de máis lembrar hoxe, cuarto domingo de Advento no que o protagonista do texto do Evanxeo é Xosé, que a fe é graza, don, dispoñibilidade, esperanza, forza … no camiño de cada un e cada unha de nós .Graza que Deus vai poñendo na vida de xeitos diversos: persoas que nos tenden a man, persoas ás que tendemos a man, posibilidade de poñer a nosa creatividade ao servizo da sociedade, traballo comunitario, amig@s que se van preocupando de nós e polos que nos preocupamos. Si, son moitas as mediacións da graza de Deus que imos recibindo ao longo da vida. O que ocorre é que moitas das veces andamos cos ollos pechados e cos oídos taponados para velas e descubrilas. Non podería ser este domingo de Advento un bo momento para pensar un pouco sobre isto?. Se lle concedemos tempo a cousas menos trascendentais na vida: un partido, unha película, un libro, un cadro… como non nolo imos conceder a nós cando o que está en xogo é a nosa propia felicidade?.
  • CONFIANZA, CAMIÑO DE IDENTIFICACIÓN CON DEUS: E de novo sae Xosé na nosa reflexión de hoxe. Coma el, tamén somos invitados a gañar confianza en nós mesmos e nos demais, para poder logo poñer toda esa confianza, porque estamos dispostos a superar a crise de amor, en Deus. Pero un Deus que non é o ciclope dun só ollo que todo o ve; tampouco é o Deus que nos leva ao inferno se non cumprimos esta ou aqueloutra norma; e moito menos o Deus que nos mete medo e converte a fe, e a súa maneira de expresala, a relixión, nun conxunto de probas,abafantes e escravizadoras, cada vez máis duras e difíciles para que nós suframos e logo poidamos agradecerlle ternos salvado. Non. Ese non é o Deus do Evanxeo, o Deus do amor, o Deus de Xesús. Nunha palabra, o Deus que agora chega e nos invita a que con sinxeleza, agarimo e confianza lle abramos a porta da nosa casa e do noso corazón para que poida entrar. Non quere tirar a porta abaixo, senón que nos pide permiso para poder pasar. Ímosllo negar?. Pois claro que non!. Coma Xosé tamén nós deixamos que entre e acougue na nosa vida.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Porque o amor é a mellor das respostas coas que podemos prepararnos para acollerte, dicímosche xuntos:

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

  • Para que na Igrexa nos abramos cada vez máis, coma Xosé, á forza do Espírito, e poñendo Nel a confianza, deixemos atrás o pragmatismo do que só busca cumprir ritos, pero non abrirse á vivencia do amor, Oremos.

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

  • Porque nas nosas comunidades aínda seguimos vivindo do pasado e na nostalxia, esquecendo que seguir a Xesús esíxenos estar sempre abertos a ver a presenza de Deus nos signos do noso tempo, Oremos.

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

  • Porque moitas veces nós non queremos cambiar costumes baleiras que fan que a fe agonice, sen decatarnos de que ser testemuñas do Evanxeo no mundo de hoxe ha levarnos a vivir o presente como tempo de salvación e comuñón con cantos, crentes ou non, teñen á persoa como centro e dignidade que defender e respectar, Oremos.

QUE NUNCA TEÑAMOS CRISE DE AMOR

Señor, que saibamos ir deixando atrás canto nos fai seguir camiñando na escuridade e impedindo poder comezar a descubrir que a luz é esperanza e máis amor. P.X.N.S.Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Tiñan dous fillos. Era un matrimonio novo. Un venres saíron os seus pais para cear. Deixaron encargado ao fillo máis vello de 12 anos do seu irmán pequeno. A verdade é que lle deu moito traballo o pequeno. Ao final, o fillo máis grande pasoulle unha factura a súa nai, que deixou por riba da mesa, e na que dicía:

  • Porque chorou, cinco euros.
  • Porque tiven que darlle o biberón, cinco euros.
  • Porque lle din de beber, dous euros.
  • Porque non me deixou tranquilo, seis euros.
  • Porque tiven que limpalo, dous euros.
  • Total, vinte euros.

Cando chegaron os pais, a nai, ao ver a factura, colocou os vinte euros e escribiu por detrás:

  • Polos nove meses nos que te levei no meu ventre, un agasallo.
  • Porque me levantei mil veces a coidarte, un agasallo.
  • Porque só vivo para ti, un agasallo.

Cando o neno se levantou pola mañá, ao ver a nota da súa nai non colleu os vinte euros.

Non nos pasará a nós con Deus, moitas veces, coma ao neno coa súa nai?.

CANTOS

  • ENTRADA: Vén axiña visitarnos
  • LECTURAS: Preparade o camiño ao Señor
  • OFERTORIO: Ti es camiño e verdade
  • COMUÑÓN: Xesús chamado amigo/Maranatá

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...