Ir al contenido principal

3 Advento

SER PACIENTES LÉVANOS A DESCUBRIR QUE AS COUSAS IMPORTANTES SEMPRE NECESITAN TEMPO PARA CALLAR.

CAMIÑEMOS CON PACIENCIA AO LONGO DESTE TEMPO DE ADVENTO!

SIGNO: Penduramos da árbore un terceiro corazón, co que simbolizamos que estamos dispost@s a abrir o candado que deixe escapar canto non nos fai felices, para que entre a forza da palabra que renova e nos chama a cambiar as nosas actitudes. Neste terceiro domingo, a frase que escollemos é: “Tede paciencia, irmáns e irmás, deica a volta do Señor”.

PÓRTICO

En tempos de présa, a carta de Santiago lémbranos unha vez máis que é a paciencia a que nos axuda a descubrir onde están os alicerces da vida. As cousas que teñen que deixar pouso en nós, como lle ocorre á boa comida, necesitan tempo para irse facendo e asentando. E para isto as présas son sempre malas compañeiras.

Porque o Señor está a chegar, deixemos que este tempo de Advento vaia asentando en nós de xeito que cando chegue, nos atope preparados para acollelo. Do mesmo xeito que o Nadal, a pesares do que diga o neoliberalismo, non comeza en setembro senón o 25 de decembro, tampouco por moito correr as cousas van saír ben nin ser mellores. Cada cousa ten o seu tempo, e cada tempo é para o que é.

Deixemos que o tempo de Advento vaia preparando o corazón para celebrar un auténtico Nadal cristián.

PERDÓN
û  Porque as présas non traen máis que ansiosa superficialidade, SEÑOR, QUE NON DESACOUGUEMOS COA PRÉSA.
û  Porque nos falta alegría e nos sobra tristura, CRISTO, QUE NON DESACOUGUEMOS COA PRÉSA.
û  Porque nos falta ánimo e nos sobran medos, SEÑOR, QUE NON DESACOUGUEMOS COA PRÉSA.

REMUÍÑO
·         Collede ánimo, non temades. Velaí o voso Deus: Nos tempos que vivimos, cada día é maior o número de persoas que se senten tristes, sen horizonte. Persoas que afirman unha e outra vez que a vida non vale nada, que o que fan non ten sentido, que a rutina as vai engulindo pouco a pouco. Moitas destas persoas din que son crentes, mesmo participan en funerais, enterros, bautizos... ou na celebración do domingo. Que ocorre entón para que, manifestándose homes e mulleres de fe, Deus, e máis en concreto, Xesús e a súa mensaxe, non impacten nin ilusionen a súa vida?. Cómo pode un confesarse con conviccións de fe, se estas non inciden na súa vida de cada día, alentándoa, esperanzándoa ou indicándolle un camiño de sentido?. Non é que Deus se fora e nos deixase ao pairo. Non. El está sempre presente, nin cansa nin desmaia. Somos nós os que cansamos, os que imos con présa, os que non atopamos momentos ao longo do día para dialogar con El, para poñernos na súa man, para compartir desde unha oración viva e agradecida canto nos pasa e vivimos. Sempre é tempo para recomezar. Nunca é tarde para nada aos ollos de Deus. Collamos ánimo e non abandonemos o camiño.

·         Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará: Quen é capaz de avanzar non con temor, senón con confianza, é tamén capaz de aprender a valorar e distinguir o importante do secundario. E algo fundamental, e polo tanto importante para un seguidor de Xesús, é non deixarse arrastrar polos problemas e dificultades. O fácil, o que podemos coller como primeiro recurso é deixarnos ir, abandonarnos diante das dificultades, e converter a nosa vida nun sensentido, como se todo dera igual, a nosa liberdade non existise e estiveramos predestinados de antemán. Se pensamos así, non é que non esteamos preto, senón que estamos moi lonxe daquilo no que, unha e outra vez, insistiu Xesús ao longo de toda a súa vida pública. Por iso, para un cristián as présas nunca son as mellores compañeiras na viaxe da vida; ao contrario, son a antítese –o oposto– do que debe ser o actuar e o vivir dun seguidor daquel que, encarnándose, asumiu a nosa condición humana. Camiñar na paciencia irá facendo de nós homes e mulleres con folgos suficientes  para ir abrindo ocos na dureza do corazón que tantas veces se resiste a deixar atrás a dureza da pedra, para comezar o latexo dun corazón de carne. Que  mellor que este tempo de Advento para ir facendo en nós esta conversión que fará posible acollelo cando chegue!.

·         Mando o meu mensaxeiro diante de ti, para que prepare o teu camiño: Como moi ben nos di Xoán, el é o mensaxeiro que nos lembra constantemente que algo novo está a pasar, algo se está movendo ao noso redor, algo está comezando a xurdir. Tamén nós, coma Xoán, estamos a percibir este movemento que nos invita a cambiar e a abandonar rutinas e desganas?. Estamos desde xa preparando o camiño desta acollida?. Seremos capaces de romper cos costumes que nos impiden tantas veces descubrir que a fe é sempre esperanza e nunca costume; que a fe é convicción e non obriga; que a fe é acollida e liberdade e non imposición e discriminación?. Deixemos que a palabra de Deus nos ilusione sobre o que é importante e fundamental. Abandonemos canto nos fai cristiáns tristes, fanáticos, intolerantes ou resabidos. Aínda temos moito tempo para facer esta viraxe na vida e no corazón, porque só estando en camiño poderemos prepararnos para acoller. Se non queremos poñernos en camiño, todo o que faremos son prácticas externas e rituais, pero pouco dispostas a prepararnos, desde a vida, para acoller ao amigo que chega: o noso Neno.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Deus convócanos para que recemos xunt@s dicindo:

QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO PARA ACOLLERTE, SEÑOR

 

ü  Para que saibamos construír, entre tod@s e sen discriminar a ninguén, unha Igrexa que acolle, escoita e se ilusiona con todo canto fai feliz ao ser humano, OREMOS.
QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO PARA ACOLLERTE, SEÑOR
 

ü  Para que nos esforcemos por ser pacientes coas persoas que tratamos cada día; especialmente a xente da nosa casa, os nosos veciños e os nosos amigos, OREMOS.
QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO PARA ACOLLERTE, SEÑOR

ü  Para que nós nos esforcemos por poñernos no camiño que converte o Advento en tempo de conversión e o Nadal en experiencia de ledicia e esperanza, OREMOS.

QUE NOS POÑAMOS EN CAMIÑO PARA ACOLLERTE, SEÑOR


Grazas, Señor, por invitarnos a rezar xunt@s desde a paciencia, e sabéndonos en camiño de transformación do corazón para acollerte cando chegues. P.XN.S. Amén.

Para a reflexión
Vén, Señor, salvarnos
e fai de nós salvadores.
Abre os ollos do noso corazón
co colirio do teu Espírito
para que sexamos luz do mundo.
Acende o noso corazón
co lume do teu Espírito
para que sexamos sementadores do amor.
Contáxianos a forza do teu Espírito
para que sexamos profetas de liberdade.

Únxenos co óleo do teu Espírito,
para que sexamos a túa medicina e o teu consolo.
Enriquécenos cos dons do teu Espírito,
para que nos deixemos evanxelizar polos pobres.
Dános a paixón do teu Espírito,
para que escoitemos, compasivos, ao irmán. Amén.

                                (Caritas, Advento/Nadal 2013. páx.69)

 

CANTOS

·         ENTRADA: Volve, Señor

·         LECTURAS: Como che cantarei

·         OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá

·         COMUÑÓN: Vén axiña visitarnos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...