Ir al contenido principal

Nadal 2013

PORQUE DEUS SE FIXO UN DE NÓS… TODO PODE CAMBIAR

ESCOITA ACTIVA
Bos días e Bo Nadal para tod@s vós!!!!.Porque o nacemento dun neno non era unha festa para tod@s; porque á meirande parte das persoas a vida resultáballes unha triste e penosa escravitude; porque un poder tiránico asoballaba a liberdade dos pobos impoñendo leis inxustas, unha paz muda e unha cultura uniforme; porque a dignidade da persoas medíase pola forza, a riqueza ou a sorte; porque a humanidade vivía nunha crise desesperanzada e deprimente; porque só Deus podía salvar ás persoas... enviou ao seu Fillo ao mundo.
 
Se Deus se fixo un de nós, todo pode cambiar: novas serán as persoas, nova será a sociedade, nova será a terra. Non perdamos máis tempo, non poñamos máis escusas, non renunciemos á ledicia e ao amor que nos trae. Abramos o noso corazón e acollámolo: vén para traernos felicidade e vida.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Deus enviou ao seu Fillo ao mundo para ensinarnos a vivir na sinxeleza, e nós reducimos o seu nacemento a unha festa puramente consumista, por iso che dicimos: SEÑOR, TOCA O NOSO CORAZÓN.
  • Deus enviou ao seu Fillo ao mundo para que vivísemos a fraternidade; pero nós seguimos dando voltas para non atoparnos con quen precisa de nós, por iso che suplicamos: CRISTO, TOCA O NOSO CORAZÓN.   
  • Deus enviou ao seu Fillo ao mundo para que sementásemos esperanza e ilusión; pero nós seguimos ancorados no pesimismo e no desánimo, por iso che rogamos: SEÑOR, TOCA O NOSO CORAZÓN.

PALABRA ENRAIZADA

Os emperadores rexían o mundo a base de decretos e lexións. Decrétase que Roma ha ser a Cidade, o centro do mundo, e as lexións recorrerán a xeografía para implantar o selo romano. Decrétase que as únicas leis que valerán serán as aprobadas polo Senado Romano ou as que dite o emperador. Decrétase que todos os súbditos do imperio han ter papeis romanos e pagarán impostos con moeda romana.
 
Por un deses decretos, unha parella nova tivo que desprazarse cara á Belén a pesares do embarazo avanzado da muller. Non tiñan a documentación en regra nin tampouco lles sobraban os denarios; pero ela pariría nunha cova a quen ía ser a meirande xustificación e riqueza das persoas. Aquel Neno traía paz, tenrura, xenerosidade… e atopou unha manxadoira, uns cueiros e un par de corazóns acendidos que tremían diante do misterio.
 
Roma e Belén son todo un contraste: Roma é o poder dun home endeusado, Belén, a pequenez dun Deus humanado. Roma é o triunfo da forza; Belén, o triunfo do amor. Roma é un canto de gloria; Belén, un sinal de marxinación. Roma é imposición; Belén, respecto. A Roma conflúen os ríos das finanzas; Belén é fonte de desprendemento. Roma é un resume da inhumanidade; Belén, o comezo dunha nova humanidade.
 
Descubrimos a presenza de Deus en tres sinais do evanxeo que proclamamos na Noiteboa: un neno, unha manxadoira, uns capizos.
  • Un neno: expresa a preferenza de Deus polo pequeno, polo desvalido. É unha manifestación da súa tenrura. Evócanos protección, confianza, futuro, esperanza, desenvolvemento, promesa, responsabilidade.... O neno sorrí ao futuro, con el renóvase a esperanza da humanidade.
  • Unha manxadoira: Nin palacios, nin tesouros, nin riquezas, senón pobreza e marxinación. Xesús nace e vive na austeridade, no despoxo e na desinstalación. Fixo opción polos pobres e identifícase con eles. Desde que El nace nunha manxadoira, todos os pobres son lugar teolóxico, sacramento e sinal da presenza de Deus.
  • Uns capizos: Deus faise necesitado dos nosos servizos, quere deixarse axudar. Os cueiros significan xesto de servizo e axuda aos demais: roupa, menciñas, pan compartido, bico, sorriso, esmola, compaña.... sempre realizados con tenrura e
    respecto.
Porque do mesmo xeito que naquel tempo, tamén hoxe o neno que chega peta na nosa porta. Non fagamos coma os pousadeiros de Belén!. Non lle pechemos as portas. Se somos capaces de abrirlle a nosa casa, a nosa vida, o noso corazón... seguro que comezaremos a ver a luz do día con máis claridade, con outros ollos, con outra actitude. Porque a luz xa chegou, invitémola a pasar, sentémola á nosa mesa, compartamos con ela o noso pan. Porque....Deus está aquí, recoñezámolo!.

FRATERNIDADE ORANTE

Neste día santo no que se nos deu un Salvador, dicimos: 

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

û  Para que a encarnación de Deus nos leve a cantos somos Igrexa a loitar e esforzarnos en vivir coma Xesús nos ensinou, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

û  Para que o que non atopou casa ao nacer, atope abertos os candados do noso corazón, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA 

û  Para que Deus, que se fixo pobre para enriquecernos, mova os nosos corazóns á solidariedade de compartir o que somos e temos, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

û  Para que o Deus connosco nos converta en mans amigas, abertas, sinceras e solidarias para todas as persoas, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA

Grazas, Señor, por facerte un de nós para traernos a felicidade e a esperanza. P.X.N.S. Amén


MIRADA DE ESPERANZA
Unha vez máis tes, onda ti, de balde, o Nadal.
Coma outros moitos anos desde que es consciente
el pasará, onda ti, tal como es, sen disfraces.
Que raro se nos fai!

Chamará á túa porta, con suavidade ou inoportunamente,
coma outros moitos anos, esperando escoitar a túa voz:
voz de traballo, voz de rúa,
voz de ledicia ou de dor,
forte ou suave,
a túa, sen disfraces.
Que raro se nos fai!.

Non che pedirá nada,
porque a pesares de que o quere todo, 
quéreo de balde, entendes?.
Que raro se nos fai!.

Nadal para ti se soñas e compartes,
se camiñas e te encarnas, coma El,
xunto aos que nada teñen.

Nadal para ti, se aínda te atreves,
coma os primeiros cristiáns,
a dicir cada día:

“Gloria a Deus no ceo
e paz na terra aos homes e mulleres que El quere tanto”.



CANTO GOZOSO
*       Panxoliñas

Comentarios