Ir al contenido principal

4 Advento

Na sinxeleza dun si, concretouse a salvación e converteuse en encontro

SIGNO: Penduramos da árbore o cuarto e derradeiro corazón no que está escrito o texto da Escritura. Neste cuarto domingo, a frase que escollemos é: “Non vos é pouco dominar os homes, que aínda queredes dominar o meu Deus?”.

 

PÓRTICO

María e Xoán veñen alternando ao longo de todo o Advento nas lecturas que imos proclamando nas celebracións. Hoxe aparece de novas Xosé. Tamén para el aquela situación nova era un momento de desconcerto: o que lle estaba a pasar a María descolocábao. A pesares disto, non deixa de confiar. Para el, como para Xoán e María, aquela situación abríalle un novo horizonte: no desconcerto é necesario aprender a confiar en Deus, e así o fai.

A partires deste momento, anuncio e acollida convértense nas dúas palabras que o axudan, como tamén nos poden axudar a nós, a descubrir que hai detrás da afirmación: “creo en Xesucristo”.

Coma eles, tamén nós somos invitados a anunciar e acoller ao Deus que, facéndose un dos nosos, encárnase para estar ao noso lado, converténdose en compañeiro de camiño, tanto no sufrimento como na ledicia da vida de cada un/ha de nós. Que este último domingo de Advento nos achegue ás actitudes que María, Xoán e Xosé, souberon vivir e poñer ao servizo de quen estaba preto., buscando levarlles o sorriso e o acougo que lles faltaban.

PERDÓN
  • Para que a nosa vida sexa un esforzo constante por irnos poñendo no camiño de quen nos necesite, para tenderlle a nosa man, SEÑOR, CONVÉRTENOS A TI.
 
  • Para que nos esforcemos por non marcar nin distancia nin diferenza cos que menos teñen e máis precisan de nós, CRISTO, CONVÉRTENOS A TI.
 
  • Polas nosa maneira de tratar aos que están máis preto de nós, que moitas veces pon de manifesto a nosa pouca sensibilidade cara ao que eles pensan ou fan, SEÑOR, CONVÉRTENOS A TI.

 

REMUÍÑO
  • Nas lecturas do Advento aparécennos os catro grandes protagonistas deste tempo: o profeta Isaías, que non cansa de invitar á conversión, a deixar atrás todo canto nos vai facendo seres insensibles e afastados de Deus; o precursor, Xoán, quen fixo da súa vida un testemuño de anuncio sincero e solidario da chegada de Xesús. Para el estaba claro que un novo tempo, unha nova xeira ía comezar, e non quería gardala para si, senón que o proclamaba para que outros o puideran oír e escoitar. A súa palabra non quería adormecer, senón espertar da medianía do que se fixo sempre, do que estaba ben visto, da comodidade que dá a seguridade de dominar e coñecer as cousas. Moi ao contrario, coas súas palabras, e tamén coa súa vida, cousa que é importante non esquecer, Xoán convertíase en referencia nada cómoda para os que mandaban. E así lle foi: cortáronlle á cabeza, pois os poderosos non gustaban das verdades que dicía. Coma Xoán, tampouco nós deberiamos ter medo a denunciar, coa palabra e coa vida, todo canto imos vendo que non é servizo, senón abuso, silencio, engano, coacción... e que vai facendo que os máis “avispados” -que non os máis listos nin os máis traballadores-, aparezan diante da opinión pública coma os grandes triunfadores e os grandes referentes a imitar. Xoán non deixa, unha e outra vez, de denunciar estes comportamentos aparentes que o único que fan é agochar a mediocridade de quen nin se esforza nin quere facer da súa vida un referente de solidariedade para os demais.
 
  • O terceiro gran protagonista dos textos que hoxe temos lido é María. Se nos fixamos ben, tal e como nola descobre o Evanxeo, nada máis lonxe dela que o arrouto, a irreflexión, o interese persoal ou o buscar quedar ben. Todo o contrario: María, dicindo si ao plan de Deus, complícase a vida. Unha complicación que lle traerá dor, tristura, incomprensión e ter que ver as costas de cantos a rexeitaban. A pesares disto, non recúa, non desanda o camiño nin se vai fóra do que pensaba que era o mellor. O seu “fágase en min” é mostrar ben ás claras cal era a súa opción fundamental e o camiño que estaba disposta a seguir... sen importarlle nin os comentarios, nin o baleiro dos veciños nin a burla por ser muller solteira. Vence prexuízos, cala bocas, e déixanos todo un regueiro de actitudes de servizo e presenza que pon ben ás claras que, a pesares das dificultades que sabía que lle ían vir enriba, estaba disposta a seguir cara adiante nese plan de amor e salvación que Deus, desde o seu si á encarnación do seu Fillo, nos estaba a ofrecer a toda a humanidade. Por iso podemos dicir que o seu foi un si de subversión, revolucionario e transgresor. Nada máis lonxe desa imaxe que nos teñen presentado de María como muller dócil, dominada, sumisa e obediente. Ao contrario: rompe o molde do que era a muller naquel tempo, e comeza a presentar un novo molde para quen queira ser muller e cristiá neste noso tempo. Un molde que se vai conformando na liberdade, a igualdade, a independencia do varón e a reivindicación e presenza da muller nos lugares e momentos importantes da vida do seu Fillo. Que mellor testemuño para este remate do Advento que a actitude de responsabilidade e liberdade que leva a María a acoller a quen, desde o amor, abriu camiños de solidariedade sanante e esperanzada: Xesucristo, a quen nós queremos acoller cando chegue. 
  
  • Con Xosé péchase o cadro que nos foi abrindo este tempo de Advento. Neste cadro a súa persoa mostrase como confianza e sinxeleza. A pesares de que non entende moi ben o que está a pasar, e que a súa situación, como lle ía ocorrer a María, socialmente volvíase complicada (a partires de agora estaría na boca, na burla e na crítica dos veciños), e se queremos, tamén excluínte (deixaba de ser da grea, non fixera como terían feito calquera dos seus veciños e isto convertíao nun ninguén). A pesares diso, vence a tentación de escapar e acolle, escoita, comprende e acompaña a María. Canto temos que aprender deste home!. Coma el, hoxe nós somos invitados a non deixarnos levar dos prexuízos e a actuar desde as conviccións, o que pensamos que debe ser, inda que os demais digan o contrario. Ir contracorrente, ás veces, axúdanos a non esquecer en quen temos que poñer a nosa fe. Unha fe que non é consumo, gasto nin sorriso superficial, senón resposta esperanzada, solidaria e leda sabendo estar ao lado de quen nos precise.

 

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Respondamos, como María, ao plan de salvación que Deus nos ofrece, tamén hoxe, a cada un de nós dicindo:

QUE FAGAMOS DA VIDA UN SI DE ESPERANZA

* Para que este tempo de Advento nos axude a ir deixando atrás prexuízos, actitudes de superioridade ou comportamentos que supoñan sometemento dos demais, para ser evanxelizadores da esperanza alí onde esteamos, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA VIDA UN SI DE ESPERANZA


* Para que este tempo de Advento nos axude a ser nas nosas parroquias testemuñas de encontro, misericordia e perdón, porque só deste xeito faremos crible a fe que rezamos cada domingo en comunidade, OREMOS.

QUE FAGAMOS DA VIDA UN SI DE ESPERANZA



* Para que nos deixemos guiar das actitudes de María, Xosé, Xoán e o profeta Isaías, que foron capaces de perder medos para falar con liberdade e defender a dignidade e o respecto das persoas, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA VIDA UN SI DE ESPERANZA

Grazas, Señor, por chamarnos a poñernos no camiño de renovación que busca purificar o corazón de canto o fai insensible diante da dor dos que temos ao noso lado. P.XN.S. Amén.

Para a reflexión
Non é bo quedar nas beiras...

Entra na auga,

vai pouco a pouco,

non teñas présa.

Coñece, escoita, acompaña...

e sempre con atención,

con agarimo, sen présa.

Na auga hai moita xente

que pode precisar de ti.

Non lle deas as costas.

Abre os brazos, tende a man,

e nunca perdas pé.

Si o fas, a túa inseguridade

será a dos que están ao teu lado.

Mira ao redor,

bota un sorriso,

abre os teu brazos,

achégate que quen está só.

Coma El.

Coma Ela.

Que o teu si sexa de esperanza e solidariedade.

Sen medo e con confianza.

 

CANTOS

·         ENTRADA: Volve, Señor

·         LECTURAS: Xa nos tes aquí

·         OFERTORIO: Na nosa terra

·         COMUÑÓN: Vén axiña visitarnos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...