Ir al contenido principal

4 domingo advento 2019


SINAL DE ADVENTO
Nesta derradeira semana colocamos a cuarta lenda da nosa escaleira: Deixemos atrás o chanzo da apariencia.
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Volve Señor (Nº 90)
LECTURAS: Preparade o camiño ao Señor
OFERTORIO: Eiquí están Señor (Nº 32)
COMUÑÓN: No colo da miña nai (Nº 49)

ESPERTANDO Á RENOVACIÓN
ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA
·      Transfórmanos, Señor, en persoas capaces de vencer a tentación de converter o Nadal en consumismo materialista. SEÑOR, ACÓLLENOS COA TÚA MAN.
·      Transfórmanos, Cristo, en persoas dispostas a vivir con sentido renovador e alegría no corazón, este tempo de Nadal que agardamos. CRISTO, ACÓLLENOS COA TÚA MAN.
·      Transfórmanos, Señor, en persoas sempre  atentas a non esquecer que a túa luz non ilumina rúas nin negocios, senón corazóns dispostos a facer do mundo máis fogar e menos pensión. SEÑOR, ACÓLLENOS COA TÚA MAN.
NA ESCOITA DA PALABRA
Fálanos a primeira lectura de que o sinal co que Deus nos mostra que segue ao noso lado, que nin se foi nin nos abandonou, é que os ollos de Deus abríronse ao mundo a través do si de María. Deste xeito a nosa mirada deixa de ser lúgubre, tenebrosa, ennegrecida e sen esperanza para ser unha mirada de transformación e cambio de interioridade e de estruturas. Deus non chega coma se fose un visitante que está de paso, que fai fotos e volve subir ao medio de locomoción que o trouxo para irse. Non. O Deus que chega con Xesús non só quere quedar, senón que queda e faise un de nós asumindo a nosa realidade, sentindo a calor e a friaxe dos corazóns dos homes e mulleres do seu tempo e de tódolos demais tempos. A súa non foi unha visita rápida para cámaras e televisións, senón a permanencia para que a nosa vida e o mundo no que a imos vivindo, cambie e se oriente cara ao que, poñendo ás persoas no centro, vaise desenvolvendo desde a sensibilidade do que fai que fraternidade, humanidade e solidariedade non sexan retrousos baleiros nin palabras ocas, senón actitudes permanentes e visibles.
Esta permanencia que non está pendente nin de reloxo nin de recoñecemento social, chámanos tamén a nós a non converternos nin en visitantes nin en turistas, senón en homes e mulleres que sen a présa de ter que marchar, imos anelando, coa nosa maneira de tratarnos e de facer as cousas, o compromiso de formar parte desta Casa común na que estamos para facer presente que Deus segue a estar a través do noso actuar, buscando o que transforma, cambia, e supera as contradicións da nosa preguiza e do noso individualismo, non de ben común senón a nosa comenencia. Convertamos, como nos di Paulo na carta aos Romanos, a nosa vida en misión e tarefa ao estilo de Xesús, de xeito que non nos desenganchemos de ningunha das loitas que procuran sempre que as persoas sentan que a dignidade que teñen/mos de seu, ninguén, por moito que intente manipularnos ou convencernos, nunca nola vai quitar. Esforcémonos tamén nós por non llela conceder polo noso desleixo e pasotismo indiferente.
O Evanxeo volve narrarnos que o sí de María, e a acollida de Xosé das consecuencias dese si, non foi nin un conto de fadas nin pode ser un lugar común de xustificación dun comportamento inerte e sen capacidade de reaccionar ante a deriva dun mundo máis preocupado polo ter que polo dignificar; máis ocupado no poder que no servizo; máis enredado en cuestións que entreteñen, que na busca a través de loitas e esforzos que non se quedan nos intereses persoais, senón están na procura de bens colectivos que superan fronteiras e fan do mundo praza onde as persoas son recoñecidas e dignificadas. Máis alá da súa condición social ou do continente ao que pertenzan. O Evanxeo vén de mostrarnos como o compromiso de María non é unha cuestión de emotivismo afectivo nin un sometemento escravista de xénero, e si unha arriscada aposta para que no mundo non se perda o convencemento de que sen loita, sen risco, sen poñer o esforzo no comunitario, xamais seremos capaces de acadar a xustiza nas relacións entre as persoas, a igualdade na superación da comodidade clasista, e a paz na loita contra as estruturas que encadean ás persoas, sen distinción de xénero, coma se fósemos cousas que  poden utilizar e xogar con nós ao modo co que se fai cos monicreques. Deus nace desde María, pero non é o seu un nacer entenrecido polas panxoliñas e as representacións  dos beléns. Deus nace para cambiar e transformar o mundo. Desde o xeito de actuar de María digámoslle tamén que si, pero poñámonos a traballar para que ese si se concrete no quefacer real dos nosos feitos. Espertemos, coma Xosé, do sono, e esforcémonos para que os soños dun mundo mellor se vaian facendo realidade a través do noso actuar.
COMPARTINDO O QUE NOS UNE
Sabendo que xa non é tempo de durmir, senón de espertar á realidade dun mundo complexo e necesitado da presenza do Deus que vén para quedar entre nós, digamos xunt@s:
QUE O NOSO SONO NON NOS IMPIDA REALIZAR O SOÑO DE DEUS
Para que nos esforcemos por ser unha Igrexa que non se deixa vencer polo sono da comodidade e do que sempre se fixo así; OREMOS.
Para que espertemos nas nosas comunidades do sono que tantas veces nos fai caer na tentación de limitarnos a rezos baleiros que non nos moven a actuar por cambiar situacións inxustas e insolidarias que vemos nas nosas parroquias; OREMOS.
Para que espertemos do sono que nos fai persoas individualistas e só preocupadas pola nosa comodidade, e a nosa vivencia da fe egoísta e despreocupada polo que pasa ao noso redor; OREMOS.
Señor, acolle a nosa oración. Espértanos do sono que non nos deixa ver a dor e o sufrimento das persoas que temos ao noso lado. P.X.N.S. Amén.
AGRADECENDO O DON DA FE
Alegría de neve polos camiños.
Todo espera a graza do Ben Nacido.
En desgraza das xentes, a dura terra.
Canta máis neve cae, máis preto o ceo.
E a terra durmida vai espertando,
mesmo a xente máis morta, vaise movendo.
Xa os montes se achandan, tamén os cumios,
e o corazón da xente volve á vida.
(Parafraseando a Jorge Guillén)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...