Ir al contenido principal

3 domingo advento 2016

Nos moitos desastres do noso tempo, a Voz de quen trae a esperanza segue a clamar sen cansar

SINAL DE ADVENTO

Colocamos a terceira folla na nosa árbore.

CANTO GOZOSO
o   ENTRADA: Volve, Señor (Nº 90)
o   LECTURAS: As túa palabras, Señor (Nº 113)
o   OFERTORIO: Xesús chamado amigo (Nº 89)
o   COMUÑÓN: Vén axiña visitarnos (Nº 86)
ESCOITA ACTIVA
         O domingo da ledicia e do gozo, o domingo “gaudete” fainos lembrar que estamos na metade deste tempo de Advento. E a árbore seca que poñiamos ao pé do altar o primeiro domingo vai collendo cor, vai reverdecendo na medida na que a nosa vida deixa atrás o que a seca: non prestar atención aos que nos rodean, non ser capaces de darnos conta de que quen está enfermo agradece a nosa visita, que a solidariedade podemos mostrala a través das pequenas cousas ás que somos capaces de de renunciar para que outros poidan ter algo, de non deixarnos levar da rutina nin das costumes que entumecen o corazón. En fin, son moitas as cousas que neste tempo de Advento debemos deixar de lado para que o froito das follas novas veña de verdade ao noso corazón. Alegrémonos e comecemos, nesta alegría, a celebración de hoxe na que seguimos a preparar oco onde acoller ao Deus que se fai un de nós.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Para que non deixemos resecar a vida facéndonos preguicerios e despreocupados da dor de quen nos rodea; SEÑOR, QUE DEIXEMOS QUE A TÚA ALEGRÍA ACOUGUE EN NÓS.
·      Para que non fagamos da fe tempo de consumo desconectado da esperanza que nos trae Xesús; CRISTO, QUE DEIXEMOS QUE A TÚA ALEGRÍA ACOUGUE EN NÓS.
·      Para que non permitamos que  a tristura nos faga insensibles aos problemas dos que están ao noso lado; SEÑOR, QUE DEIXEMOS QUE A TÚA ALEGRÍA ACOUGUE EN NÓS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·      Falar de alegría hoxe ante tanta dor, inxustiza, abuso e intolerancia como hai ao noso lado non resulta doado. Pero unha vez máis a liturxia quere que rompamos as nosas rutinas e non deixemos pasar este tempo de Advento como unha experiencia de renovación, cambio e reflexión sobre canto debe mudar no noso xeito de facer as cousas cada día. Parar e poñer un tempo de silencio que nos axude a acougar a pesares dos barullos que nos rodean é momento para agradecer e aledarnos. De aí que este domingo, na metade do camiño que nos leva á celebración do nacemento de quen se fai un de nós, quere ser unha oportunidade que non deberiamos deixar pasar. Non é que Deus veña e nada máis, senón que Nadal quere lembrarnos que Deus vén, si, pero faino a cada un e cada unha de nós. Sen distincións, diferenzas nin clases. Por iso podemos preguntarnos: vir á igrexa, sentirnos cristiáns, manifestar que cremos en Deus... lévanos a ver a vida de maneira diferente daqueles que non cren, non veñen ou están afastados de calquera maneira de celebrar a fe? Nótasenos na maneira de vivir, dicir ou achegarnos aos demais canto vemos que nos necesitan, que a fe é un puntal onde ancorar a nosa esperanza? Ou somos dos culturalmente cristiáns pero persoalmente indiferentes e cumpridores –consumidores de ritos-?

·      No tempo de Advento dúas figuras emerxen con forza mostrándosenos como referencia do ser e vivir cristiáns: María e Xoán Bautista. Ela co seu si pon de manifesto que é unha muller crente, disposta a poñer a súa vida ao dispor da misión que Deus lle encomenda. Ela é muller que non se deixa levar nin someter aos xeitos de facer da muller do seu tempo; rompe os estereotipos para presentarse como quen non ten medo nin lle importa abrir fendas que fagan da súa vida un camiño para quen vén detrás. Xoán, para que ninguén sacase tallada do equívoco, non dubida en manifestar que a súa misión non é outra que preparar o camiño para quen de verdade trae a salvación. No seu abrir camiño vai superando desconfianzas e preparando corazóns para que todos poidamos entoar o hosanna e o gloria de anxos e pastores, ante o nacemento de Deus que vén para quedar. Non está de paso, senón que quere ser un dos nosos. Non deixemos logo que seque a árbore e nos impida dar novas follas que alenten e ilusionen a vida.
FRATERNIDADE ORANTE
Porque Deus non é un Deus de morte, senón de vida, dicimos agora xuntos:
QUE SAIBAMOS ESPERAR SEN DESESPERARNOS
·      Para que o actuar da Igrexa sexa sempre a busca do que aleda o corazón e non o que oprime, invisibiliza e entristece ás persoas, OREMOS.
QUE SAIBAMOS ESPERAR SEN DESESPERARNOS
·      Para que nas nosas parroquias non nos deixemos levar dos costumes, a rutina e a superficialidade canto tratamos cos veciños, senón que sexamos capaces de esforzarnos sempre por defender a quen é máis débil e fráxil, OREMOS.
QUE SAIBAMOS ESPERAR SEN DESESPERARNOS
·      Por nós, para que este sexa un domingo de verdadeira alegría compartida, gozada e celebrada con cantos conforman as nosas familias, OREMOS.
QUE SAIBAMOS ESPERAR SEN DESESPERARNOS
Grazas, Señor, por seguir ofrecéndonos a savia que axuda a que o noso corazón reverdeza cos mellores froitos das nosas boas obras. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Neste terceiro domingo de Advento queremos,Señor:
que a alegría reborde no corazón de cada un e cada unha de nós,
que a forza do Espírito nos alente para non deixarnos vencer polo desánimo;
que as nosas actitudes non transmitan pesimismo, desesperanza ou derrotismo;
que o próximo, o igual o semellante, sexa sempre a referencia
do meu confesarme crente e seguidor teu;
que as palabras que cambian o corazón non se convertan en baleiras,
para que cando digamos: paz, xustiza, solidariedade, igualdade e liberdade
as follas da nosa árbore reverdezan e dean froitos de bo facer cada día.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...