Canto para comezar ( se se considera oportuno )
(Música.- Hoxe aquí, mañá alí...) Domingo 31
Hoxe volve ser domingo,Xuntase a comunidade.
No día do Espírito Santo
Acollámo-la Palabra.
Ai elelelé,ai alelelé, ai elelé, ai elelelala
Hoxe somos a metade,Cada vez uns poucos máis.
Pra de xeito paseniño ,
Estar toda a comunidade.
Ai elelelé,ai alelelé, ai elelé, ai elelelala
E xa nos dispoñemos,No nome do noso Pai,
Do Fillo e mais do Espírito,
Esta misa comezar.
Ai elelelé,ai alelelé, ai elelé, ai elelelala...
“Acollamos o vento do Espírito que zoa invitándonos á renovación “
Remol
Rezando na Casa
“Festa de Pentecostes”
(Celebramos hoxe a festa de Pentecostes, a festa do Espírito Santo. Case que sen parecelo, xa van alá cincuenta días da Pascua. Sendo xa algúns máis os que hoxe xa participamos presencialmente na celebración realizada nos templos; outros, polas causas que sexan, seguen a rezar desde a casa, afondando nese ser Igrexa Doméstica.Volvemos buscar un lugar tranquilo para rezar. Poñemos, coma os outros días, un pano branco sobre unha mesa, acendemos unha candea e colocamos ao lado un vaso con un pouco de auga).
No nome do Pai...
Canto.-
Que ledos hoxe estamos, cantando a nosa fe!
a fe en Xesucristo, amigo que nos quer!
El guía os nosos pasos, El ten conta de Nós.
Seguros imos todos, da man do Salvador.
LUZ DE ESPERANZA CON OLLOS DE MISERICORDIA
Que a forza resucitadora do Espírito tamén acompañe ao noso país e sande os corazóns rotos pala dor e a pobreza, que nos encha de esperanza e poidamos seguir sendo Igrexa en saída, que busca un renovado Pentecostes nestes momentos actuais.
ABRÍMONOS Á MISERICORDIA
— Para que fagamos da humildade actitude persoal: SEÑOR, QUE FAGAMOS OCO Á PRESENZA DO ESPÍRITO EN NÓS.— Para que non teñamos medo a estar no medio das persoas necesitadas e rexeitadas do noso mundo: CRISTO, QUE FAGAMOS OCO Á PRESENZA DO ESPÍRITO EN NÓS.
— Para que non fagamos do idioma nin da cultura muro senón ponte, como ocorreu en Penstecostes: SEÑOR, QUE FAGAMOS OCO Á PRESENZA DO ESPÍRITO EN NÓS.
POÑEMOS O OÍDO Á ESPREITA
Lectura dos Feitos dos Apóstolos
Cando se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento, que encheu toda a casa onde estaban; e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles. Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.
Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de todas as nacións da terra. Ao se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un sentíaos falar na súa propia lingua.
Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros: "Olla! E todos estes que están aí a falar non son galileos? E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus".
Estaban todos pasmados de admiración e dicíanlles uns a outros: "¿Que será isto?" Outros facían riso deles e dicían: "¡Están cheos de viño!"
Palabra do Señor
Grazas a Deus
Do Evanxeo segundo Xoán
Naquel día, o primeiro da semana, ó serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles:
‑ Paz convosco.
Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:‑ Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
‑Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.Palabra do Señor
Gloria a Ti, Señor Xesús
REMOENDO A PALABRA
Hoxe, festa de Pentecoste invítasenos a que teñamos sempre presente que como segrares, invitad@s a comprometernos na construción dun mundo máis xusto, solidario e respectuoso co coidado da Casa Común, non debemos facelo buscando protagonismo, senón poñendo o noso servizo, de xeito humilde e participativo, ao dispor de facer do mundo espazo de encontro e acollida; onde nos poidamos entender a pesares das múltiples linguas, culturas ou cores da pel que, uns e outros poidamos ter..O Espírito faise presente onde habitaba o desalento, a sensación de fracaso e a incertidume. A pesares de saber que a forza de Xesús os acompañaba, os apóstolos seguían estando en “off”; a súa seguía ser a noite escura de quen non vía saída nin perspectivas de cambio e renovación. Tivo que chegar o Vento Forte, a cada un/ha deles/delas para que deixaran atrás os laios, perderan os medos e sairan a anunciar a ledicia da proposta que lles tiña legado Xesús. A forza do Espírito que van sentindo sácaos do seu adormecemento; a presenza do Espírito pon en marcha a Igrexa. Xa non hai marcha atrás! Esa mesma presenza é a que nos pide hoxe a nós unha actitude semellante. Deixemos atrás os laios, os derrotismos, as tristezas, asumamos as nosas limitacións, si, pero non para quedar parados nelas, senón para tomar conciencia de que inda temos moito que facer neste noso mundo tan necesitado das actitudes que nos mostra Xesús: escoitar, acoller, acompañar, alentar, solidarizarnos coas persoas máis débiles e vulnerables.
Porque unha vez que o Espírito se fai presente no medio da comunidade e esta é capaz de percibilo, xa non nos deixa; ao contrario, pon en marcha o noso ser comunidade misioneira e evanxelizadora. Comunidade que constrúe o ben común e crea compromiso e respecto pola Casa Común e cant@s nela vivimos. O que precisa de nós un xeito novo de mirar e mirarnos. Unha mirada limpa e renovadora que nos axude a descubrir o rastro da presenza do Resucitado no noso mundo a través da fe que se proclama, da esperanza que se comparte e da caridade que se constrúe na comuñón comunitaria e sempre fraterna.
NA ORACIÓN COMPARTIDA
Convócanos o Señor a compartir a oración comunitaria. Acollemos a invitación e dicimos:QUE A PRESENZA DO ESPÍRITO ALENTE OS NOSOS PASOS
Pidamos para que sexamos unha Igrexa aberta, dialogante, sinodal, unha comunidade que asuma as periferias xeográficas e humanas, roguemos ao Señor.
QUE A PRESENZA DO ESPÍRITO ALENTE OS NOSOS PASOS
Pidamos polos países do mundo, para que poidan superar unidos as pandemias da guerra, da fame, da desigualdade, do maltrato ecolóxico, roguemos ao Señor.
QUE A PRESENZA DO ESPÍRITO ALENTE OS NOSOS PASOS
Pidamos polas persoas máis débiles, polas que sofren as consecuencias da inxustiza que divide e enfronta ao ser humano. Para que saibamos acompañar sempre as súas tristezas e esperanzas, roguemos ao Señor.
QUE A PRESENZA DO ESPÍRITO ALENTE OS NOSOS PASOS
Pidamos por nós, comunidade cristiá, para que saiamos das nosas zonas de conforto e nos sintamos familia que sabéndose Igrexa se deixa alentar e renovar pola presenza do Espírito santo, roguemos ao Señor.
QUE A PRESENZA DO ESPÍRITO ALENTE OS NOSOS PASOS
Grazas, Señor, por poñer realismo na nosa vida, para que poidamos descubrir a necesidade que temos de axudar e colaborar unhas persoas coas outras. Porque só así seremos capaces de superar e loitar contra as dificultades. P.X.N.S. Amén.
Noso Pai...
AQUECENDO O CORAZÓN
É importante promover unha participación significativa, unha cidadanía activa, unha cidadanía cultural e institucionalmente significativa en tódolos ámbitos da vida. A vida teologal da persoa cristiá ten unha dimensión social e tamén política que nace da fe. Esta dimensión afecta ao exercicio das virtudes cristiás ou, o que é o mesmo, ao dinamismo da vida cristiá. Desde esta perspectiva adquire toda a súa nobreza e dignidade social e política a caridade. Trátase do amor eficaz ás persoas. Cando o compromiso social ou político é vivido con verdadeiro espírito cristiá convertese nunha dura escola de perfección e nun esixente exercicio das virtudes. A dedicación á vida política debe ser recoñecida como unha das máis altas posibilidades morais e profesionais do ser humano” (Segundo o Compendio da Doutrina Social da Igrexa)
CANTO
Manda o teu Espírito.
Manda o teu Espírito;
manda o teu Espírito
e renova a faciana da terra.
A miña alma bendice ao Señor,
meu Deus, que grande es.
Comentarios