Ir al contenido principal

12 Domingo TO 2020 A

A FE, EXPERIENCIA DE CONFLITO


CANTO GOZOSO


  • ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)

  • LECTURAS: A túa palabra é o meirande ben 

  • OFERTORIO: Velaquí, Señor, o viño (Nº 37)

  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

ESCOITA ACTIVA

Sempre que unha persoa cuestiona cousas, prodúcese unha crise na que hai que decidir, tomar postura, situarse… O cuestionamento desinstálanos, fai que non nos creamos na seguridade eterna e permanente. Nunha palabra, fainos avanzar cara adiante. O mesmo ocorre coa nosa relación con Deus. A fe non pode ser unha experiencia de estancamento, ao contrario, ten de mobilizarnos, remoernos por dentro, deixarnos inqued@s; por iso ten que ser sempre unha experiencia de conflito, tensión, reorientación… que nos leve a avanzar coa realidade na que estamos e vivimos. Ten, entón, que implicar a nosa vida, encamiñarnos a non esquecer que os nosos ollos han permanecer sempre abertos, e así aprender a distinguir e camiñar, non pola seguridade de quen pensa sempre que ten a razón e a verdade, senón por todos aqueles camiños que fan de nós persoas máis sinxelas, próximas e libres.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Porque a nosa falta de sensibilidade fai que non saibamos descubrir o rostro de Cristo nas pobrezas que temos a o noso redor; SEÑOR, QUE NON TEÑAMOS VERGOÑA DE PEDIR PERDÓN.
  • Porque a nosa falta de cuestionamento posibilita que nos creamos persoas seguras, insensibles e superiores aos demais; CRISTO,QUE NON TEÑAMOS VERGOÑA DE PEDIR PERDÓN.
  • Polas veces nas que non deixamos que a bondade sexa a que guíe as decisións na nosa vida; SEÑOR, QUE NON TEÑAMOS VERGOÑA DE PEDIR PERDÓN.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

Se miramos atentamente cara dentro de nós, descubriremos que somos homes e mulleres cheos e cheas de medo. Así, moitas veces, o medo a perder prestixio, seguridade, comodidade ou benestar detennos á hora de tomar decisións, pois non nos arriscamos a perder privilexios. Outras veces paralízanos o medo a non ser acollidos ou queridos, a que se rían de nós. As máis das veces vivimos preocupados só por quedar ben, temos medo a facer o ridículo, a confesar as nosas conviccións, a dar testemuño da nosa fe. Tememos as críticas, os comentarios, o rexeitamento dos demais. Ás veces invádenos tamén o temor ao futuro, non temos seguridade en nada, non confiamos en ninguén…. E así unha manchea máis de medos. Por outra banda, se botamos unha ollada ao noso redor, decatarémonos de que sementar medo, máis ou menos sutilmente, é sempre unha das armas preferidas dos poderosos.
Tampouco a nosa Igrexa é allea ao medo. Á nosa xerarquía, ou ao menos a unha grande parte dela, horrorízalle perder poder, prestixio, peso social e así, aínda que ás veces sexa a súa unha imaxe esperpéntica, segue explotando ese vitimismo, esa psicose de estar perseguida á que tan afeitos nos ten nos últimos tempos e que está moi lonxe da primavera que nos anunciaba o Vaticano II. As causas, efectivamente, son complexas: medo aos errores e aos excesos, sen decatarse de que o perigo está na inoperancia e no inmobilismo; medo á pobreza, a perder posición, á transparencia, a poñer as cartas sobre a mesa; medo a baixarse dos boatos e das parafernalias; medo á sinxeleza. En definitiva, maior preocupación por gardar a fe e a ortodoxia que por comunicala. Pero tamén entre os que non somos xerarquía o medo, a inseguridade e o complexo de inferioridade son actitudes xerais. A covardía, o crer que á xente non lle interesa e non hai nada que facer son factores que restan impulso e enerxías, facendo que desaproveitemos novas oportunidades. Fáltanos nervio; sentímonos inseguros e comunicamos inseguridade.
Por iso, a Palabra que vimos de escoitar é coma un sopro de aire fresco que varre os nosos medos. NON TEÑADES MEDO, escoitamos hoxe. Porque a fe, confianza en Deus, non nos conduce a evitar as nosas responsabilidades diante dos problemas, non nos leva a fuxir dos conflitos para encerrarnos no noso illamento…. Porque a fe non crea persoas covardes, senón persoas máis resoltas e decididas. Non encerra aos crentes en si mesmos, senón que os abre máis á vida, problemática e conflitiva, de cada día. Non nos envolve na preguiza e na comodidade, senón que nos anima e alenta ao compromiso. Ao escoitarmos “non teñades medo”, non nos sentimos invitados a eludir os nosos compromisos, senón que nos sentimos acubillados, acariñados e enfortecidos por Deus para enfrontarnos a eles.

FRATERNIDADE ORANTE

Señor, hoxe queremos compartir ter descuberto que a fe non é unha experiencia cómoda e acomodaticia, senón un continuo quefacer de esforzo e loita contra canto supoña preguiza, por iso che dicimos:
QUE TEÑAMOS OS OÍDOS ABERTOS PARA ESCOITARTE
Moitas veces, Señor, a Igrexa, pero especialmente aqueles que a dirixen, non son ante o mundo testemuñas de escoita, entendemento, paz… parecendo máis preocupados de conservar poder que de vivir a sinxeleza evanxélica, por iso che rogamos:
QUE TEÑAMOS OS OÍDOS ABERTOS PARA ESCOITARTE
Cantas veces, Señor, cantas veces as nosas comunidades se enfrontan, dividen e rompen a comuñón por non ser capaces de descubrir que non é desde o ritualismo baleiro senón coa fe vivida onde hai que anunciarte e confesarte, por iso che rogamos:
QUE TEÑAMOS OS OÍDOS ABERTOS PARA ESCOITARTE
Porque vivimos con angustia e sen estímulo, o confesarnos persoas crentes neste noso mundo no que o anuncio da túa mensaxe, a través do noso testemuño faría que “ onde houbera odio poñeramos nós amor, e onde enfrontamento paz”, rogámosche:
QUE TEÑAMOS OS OÍDOS ABERTOS PARA ESCOITARTE
Nas túas mans, Señor, poñemos canto nos preocupa e moitas veces desacouga o noso corazón. Que endexamais nos deixemos levar pola tentación de darche as costas e esquecernos de Ti. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA

Non teñas medo aos que ameazan,

aos que feren, aos que danan a dignidade e matan o corpo

pero non poden quitarche a vida.

Non teñas medo aos que agachan a verdade ou,

créndose donos dela, manipúlana, dosifícana e véndena;

aos que coa arma da mentira queren dominar pobos e persoas.

Rebélate,

manifesta en todos os lugares, en todo momento,

a tempo e a destempo,

a túa fe na vida e na irmandade adquirida ao acubillo do Pai,

ao lado de Xesús,

á sombra do Espírito,

no seo da comunidade.

Fai desa fe un gozo persoal diario,

un estandarte de liberdade, unha fonte de vida,

un banquete compartido, unha canción de esperanza,

a túa reivindicación máis sentida.

Non teñas medo aos que, por iso, poden castigarte,

retirarche o seu apoio, privarte do traballo,

ignorar a túa presenza, esquecer a túa historia,

golpear a túa debilidade ou facerche dano.

Non teñas medo.

Fíate de Xesús, responde á súa chamada,

fíate do Pai, descansa no seu colo,

fíate do Espírito, loita e se libre.

Estás investindo a vida no proxecto máis grande posto nas nosas mans. 

Non teñas medo.

Fíate de Xesús.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...