A TENRURA E A ACOLLIDA,
SINAIS DA PRESENZA DE DEUS PAI/NAI
CANTO GOZOSO
- ENTRADA: Eu soñei (Nº 58)
- LECTURAS: Escoita ti (Nº 6)
- OFERTORIO: Non vou so (Nº 60)
- COMUÑÓN: Acharte presente na vida (Nº 51)
ESCOITA ACTIVA
Acollida. Velaí a actitude e a tarefa á que hoxe nos convida a Palabra que imos proclamar. E, como nos custa!!!!!! Porque acoller significa ser capaces de descubrir nas persoas, en todas as persoas, a presenza de Deus que nos interpela. Acoller supón, xa que logo, un esforzo constante para que, nun mundo ferido pola globalización da indiferenza, nós apostemos pola cultura do encontro, na que como ben di o papa Francisco, ninguén é descartado nin adxectivado, senón na que todas as persoas son buscadas porque son necesarias para reflexar o rostro do Señor.Que a celebración que agora comezamos nos axude a descubrir a tenrura, o encontro e a acollida como sinais da presenza de Deus.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
- Por non saber nin acoller nin escoitar a quen se achega a nós buscando ser tratado con respecto e cariño; SEÑOR, LÍBRANOS DA INDIFERENZA.
- Porque nos cremos mellores ca os demais, e sempre estamos dispostos a xulgar desde a superioridade, CRISTO, LÍBRANOS DA INDIFERENZA.
- Porque nos custa moito ensanchar a mirada e o corazón e só nos doe o que nos toca directamente, SEÑOR, LÍBRANOS DA INDIFERENZA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
- Case sen darnos conta, a indiferenza vai ocupando lugar na vida e no corazón de moitas persoas. Mesmo pode tamén ocupar sitio en nós. A pandemia que estamos a pasar é bo exemplo desta actitude de “sálvese quen poida” que dicimos. Qué rápido esquecemos os milleiros de vítimas que se cobrou e se está a cobrar!!!!!!!!!!!!!!! Iso foi noutros sitios, escoitamos dicir moitas veces a moitas persoas... está lonxe de nós. Parece que, como non nos tocou directamente nin a nós nin a ninguén das nosas familias, é unha cuestión de broma, un bulo dos medios de comunicación para asustarnos. Apoiándonos nestes falsos argumentos, pasamos de levar mascariña, de gardar as distancias de separación, de desinfectar as mans... iso non vai con nós. Que irresponsables somos!!!!!!!
- Porén, como diciamos ao comezo da celebración, a Palabra nunca se sitúa na indiferenza, senón na acollida e na tenrura. Acollida e tenrura que cada un e cada unha de nós estamos chamadas e chamados a levar, no nome de Deus, a todas as persoas, sendo capaces de mostrar compaixón, que non é máis que paixón pola outra persoa. Quen ben o entendeu a muller da que nos fala a primeira lectura que hoxe temos proclamado. Ela soubo descubrir en Eliseo a un home de Deus, a un semellante a ela, e acolleuno na súa casa. Hoxe tamén nós somos invitadas e invitados a acoller na casa do noso corazón a tantas e tantas persoas que esperan que alguén lles diga: ti es importante, ti es necesario, ti es necesaria, Deus conta contigo.
- Se poñemos en práctica esta cultura do encontro e da acollida, como nos di Xesús no Evanxeo, estamos acolléndoo a El dentro de nós.... O amor non é pecharse na zona de conforto, senón que é tender a man e traballar buscando entre todas as persoas, crentes ou non, a verdade que disipe o neboeiro que tantas veces cubre a nosa sociedade de envexas, xenreiras, violencia, mentiras, autoxustificacións... aparencia (teatralidade). Así poñeremos o noso pequeno gran de area na construción dunha sociedade, dunha parroquia, dunha familia cada día un pouco máis feliz, máis xusta e máis igualitaria. Esa será a nosa recompensa.
FRATERNIDADE ORANTE
Recuperemos a ledicia de rezar xuntos, de sentírmonos comunidade estimulada pola oración confiada e sincera dicindo xunt@s:QUE SAIBAMOS ACOLLER SEN PEDIR CONTAS
- Pola Igrexa, para que non ignore nunca que en todos os seres humanos Deus puxo dignidade e igualdade, o que nos esixe a todas as persoas crentes saber respectar e non violentar nin ignorar a quen nos necesita; OREMOS.
QUE SAIBAMOS ACOLLER SEN PEDIR CONTAS
- Polas nosas comunidades, para que nelas todas as persoas saiban descubrir a amizade e a quentura dunha comunidade que os abraza, acubilla e recibe, OREMOS.
QUE SAIBAMOS ACOLLER SEN PEDIR CONTAS
- Por cada un e cada unha de nós, para que aprendamos a mirar máis alá das aparencias para regalarnos a posibilidade dicir ben dos demais, OREMOS.
QUE SAIBAMOS ACOLLER SEN PEDIR CONTAS
Nas túas mans, Señor, poñemos canto nos preocupa e moitas veces desacouga o noso corazón. Que endexamais nos deixemos levar pola tentación da indiferenza. P.X.N.S. Amén. MIRADA DIFERENCIADA
A miúdo o problema da fe non é tanto a falta de medios e de estruturas, de cantidade. Tampouco a presenza de quen non nos acepta. O problema da fe é a falta de alegría. A fe vacila cando cae na tristeza e o desánimo. Cando vivimos na desconfianza, pechados en nós mesmos, contradicimos a fe, porque, no canto de sentirnos fillos e fillas polos que Deus fixo cousas grandes empequenecemos todo á medida dos nosos problemas e esquecémonos de que non somos orfos; de que temos un Pai no medio de nós, salvador e poderoso.María lémbranos que Deus pode realizar sempre marabillas se permanecemos abertos a El, ás irmás e aos irmáns. Pensemos nas grandes testemuñas destas terras: persoas sinxelas, que confiaron en Deus no medio das persecucións. Non puxeron a confianza no mundo, senón no Señor, e así avanzaron.
Que sexamos promotores e promotoras dunha cultura do encontro que desminta a indiferenza, que desminta a división e permita a esta terra cantar con forza as misericordias do Señor.
(A partir da Homilía de Francisco en Rumanía o 31 de maio de 2019)
Comentarios