Ir al contenido principal

6 Pascua 2020

”Vinde a min todos os que estades cansos e agoniados, e eu aliviareivos” (Mt 11,28)



Remol
Rezando na Casa

“Acompañar na soidade”

Pascua do Enfermo

(Celebramos hoxe o 6º domingo de Pascua; A Xornada da Pascua do Enfermo; e tamén o día das Letras Galegas.

Algunhas persoas hoxe xa participaron presencialmente na celebración realizada nos templos. Outras, polas causas que sexan, seguimos a rezar desde a casa, afondando no noso ser Igrexa Doméstica. Volvemos buscar un lugar tranquilo para rezar. Poñemos, coma o outro día, un pano branco sobre unha mesa, acendemos unha candea e colocamos ao lado un vaso cun pouco de auga.

No nome do Pai... 

CANTO.-


Que ledos hoxe estamos, cantando a nosa fe!

a fe en Xesucristo, amigo que nos quer!


 El ten verbas de vida, El ten xestos de amor,

El quere invitarnos, El quere dar calor.


LUZ DE ESPERANZA CON OLLOS DE MISERICORDIA

Neste VI domingo de Pascua celebramos a Pascua do Enfermo. O tema desta xornada é «Acompañar na soidade». Tod@s estamos chamados a acompañar gratuíta e xenerosamente a quen se sente só e precisa da nosa achega.

    Celebramos tamén hoxe o Día das Letras Galegas, a Festa da Nosas Letras, da nosa Cultura, da nosa Lingua, da nosa identidade... Que fundamental é non esquecer a nosa identidade, de onde vimos, cales son as nosas raíces, e a importancia de poder loar e agradecer a Deus a vida no noso idioma! Ante este Deus que crea por e desde o amor, comezamos a oración deste día. E facémolo, como nos di o Concilio Vaticano II, porque “a Igrexa desde o comezo da súa historia, aprendeu a expresar a mensaxe cristiá con conceptos e na lingua de cada pobo” ( G.S.44).

    Compartamos logo este momento de oración desde a achega as persoas enfermas e o agradecemento por ter unha identidade cultural que une e non enfronta.


REFLEXIONAMOS DESDE A MISERICORDIA

  • Porque ás veces fáltanos sensibilidade para coas persoas enfermas. SEÑOR, QUE NON LLE DEAMOS AS COSTAS A NINGUÉN.

  • Porque nos sobra discurso e nos falta testemuño de vida; CRISTO, QUE NON LLE DEAMOS AS COSTAS A NINGUÉN.

  • Porque moitas veces deixamos orfos da nosa presenza e dedicación aos noso enferm@s; SEÑOR, QUE NON LLE DEAMOS AS COSTAS A NINGUÉN.

POÑEMOS O OÍDO Á ESPREITA

Da primeira carta de Pedro

Ao contrario para os vosos adentros adorade a Cristo coma Señor, estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro. Pero respondede con bo xeito e con respecto; tede a conciencia limpa, de xeito que os que desprezan o voso bo comportamento cristián, se vexan confundidos naquilo mesmo de que vos calumnien. Pois sempre sería mellor sufrir, se tal fose a vontade de Deus, por facerdes o ben, que por facerdes o mal.

O exemplo de Cristo e a salvación polo bautismo Tamén Cristo morreu unha vez polos vosos pecados, o xusto polos pecadores, para vos achegar a Deus; sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito.     

                    Palabra do Señor.

Grazas a Deus


Do Evanxeo de Xoán

Se me amades, gardaredes os meus mandamentos, e eu rogareille ó Pai, e daravos outro Paráclito para que decote estea convosco: o Espírito da Verdade. O mundo non o pode acoller, pois non o ve nin o coñece; mais vós coñecédelo, pois permanece onda vós e está en vós. Non vos deixarei orfos; logo volvo onda vós. Un pouquiño máis e o mundo xa non me verá; pero vós habédesme ver, que eu vivo e tamén vós habedes vivir. Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós. Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; o que me ama será amado por meu Pai, e eu amareino e manifestareime a el. 

Palabra do Señor

Gloria a Ti, Señor Xesús.

REMOENDO A PALABRA

(Facemos un momento de silencio/reflexión, despois de escoitar a Palabra)

  • A persoa humana, imaxe de Deus, realizase no amor, que é don sincero de si. E se tod@s somos imaxe, cando estamos con ou diante doutras persoas, atopámonos co mesmo rostro de Cristo. Un Cristo que se nos vai manifestando nos rostros de tantas persoas en situacións diferentes e ás que a dor, o esquecemento, a manipulación, o abuso, a invisibilidade... converten en vítimas dun mundo, o noso, que fomos construíndo só para os triunfadores e que evita poñer a mirada nos últimos, nas vítimas que, sendo descartadas, van quedando nas beiras. Todas e todos nós temos, ou tivemos familiares enfermos, a realidade da enfermidade non nos resulta estraña nin afastada, polo que podemos ter conciencia do duro e difícil que é. Sexamos logo persoas capaces de espertar a solidariedade coas persoas enfermas sempre, pero especialmente neste momento, aquelas que están enfermas e soas.


  • A sociedade líquida que imos construíndo móstranos como podemos estar rodeados de persoas e, porén, sentírmonos sos. Isto pídenos, ás persoas seguidoras de Xesús, unha sensibilidade especial para coas persoas enfermas. Nas nosas parroquias e nas visitas aos hospitais ou residencias e mesmo nas nosas casas, de xeito que fagamos do tempo compartido un tempo de sorriso, achega e confianza. Porque como nos di Xesús no Evanxeo, acheguémonos a quen pode necesitar do noso tempo, para levarlle alivio e alento que os acompañe ante a limitación que sempre supón a enfermidade. Esforcémonos por estar preto de quen nos precise, pois nesa achega descubriremos a presenza de Xesús.


  • E esta achega temos que ila facendo desde a nosa realidade cotiá, desde as nosas raíces e identidade. Porque a fe non se vive nin expresa en abstracto, senón nun tempo e espazo concretos, tal e como nos di o Concilio Vaticano II. Pois unha fe que non é capaz de inculturarse –integrarse e expresarse desde a cultura das persoas– está condenada a desaparecer e esvaerse. É entón, tarefa e responsabilidade de todas e todos nós, facer da lingua non medio de enfrontamento e división, senón de achega, encontro e capacidade de expresar toda a profundidade que as persoas levamos dentro. Porque a relación con Deus non pode ser tampouco abstracta e sen identidade. Non esquezamos isto nunca, pero moi especialmente hoxe, día no que celebramos con gozo a alegría poder rezar na lingua na que vivimos, sentimos e expresamos a fondura e a riqueza que, xeración tras xeración, nos foron transmitindo. Este legado tamén nós somos urxidos a darlle continuidade nas novas xeracións. A forza e presenza do Espírito non nos vai deixar nunca orfos nesta tarefa.

NA ORACIÓN COMPARTIDA

    O Señor convócanos neste momento a facer da oración vivencia comunitaria, por iso dicimos:  

QUE FAGAMOS DO ACOMPAÑAMENTO A QUEN NOS PRECISE GUIEIRO DE VIDA

  1. Pola Igrexa: para que acolla no seu seo a tódalas familias e aos seus enfermos. Oremos.

QUE FAGAMOS DO ACOMPAÑAMENTO A QUEN NOS PRECISE GUIEIRO DE VIDA

  1. Polas persoas enfermas, para que, experimentando as situacións de dor e desacougo provocadas pola enfermidade, sentan tamén a presenza achegada de cada un/ha de nós. Oremos.

QUE FAGAMOS DO ACOMPAÑAMENTO A QUEN NOS PRECISE GUIEIRO DE VIDA

  1. Polos profesionais, os voluntari@s, e tod@s aqueles que os atenden e coidan, para que reciban a forza de María e se convertan para nós nun exemplo de acompañamento. Oremos.

QUE FAGAMOS DO ACOMPAÑAMENTO A QUEN NOS PRECISE GUIEIRO DE VIDA

  1. Pola cultura galega, e especialmente para que non teñamos nunca vergoña de falar e rezar na nosa lingua. Oremos.

QUE FAGAMOS DO ACOMPAÑAMENTO A QUEN NOS PRECISE GUIEIRO DE VIDA

  1. Pola nosa comunidade cristiá: para que se converta en fogar e familia para todos, especialmente aqueles que están máis sos. Oremos.


QUE FAGAMOS DO ACOMPAÑAMENTO A QUEN NOS PRECISE GUIEIRO DE VIDA

Alenta, Señor, a nosa vida. Que saibamos descubrirte sempre ao noso lado. P.X.N.S.Amén. 

Noso Pai...

AQUECENDO O CORAZÓN

Nesta tarde, Cristo do Calvario,

vin rogarche pola miña carne enferma;

pero, ao verte, os meus ollos van e veñen

do teu corpo ao meu corpo con vergoña.

Como queixarme dos meus pés cansos,

cando vexo os teus esnaquizados?

Como mostrarche as miñas mans baleiras,

cando as túas están cheas de feridas?

Como explicarche a ti a miña soidade,

cando na cruz alzado e só estás?

Como explicarche que non teño amor,

cando tes rachado o corazón?

Agora xa non me lembro de nada,

fuxiron de min todas as miñas doenzas.

O ímpeto do rogo que traía

afógaseme na boca pedichona.

E só pido non pedirche nada,

estar aquí, xunto á túa imaxe morta,

ir aprendendo que a dor é só

a chave santa da túa santa porta. Amén.


CANTO.-

Cobizade os dons máis perfectos,

E non os que campan mellor.

Preferindo sempre entre aqueles,

O meirande que é o amor.


O amor é o meirande dos

dons que nos veñen de Deus.

O amor é o misterio 

que a tod@s nos compre entender.




Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...