Ir al contenido principal

Trindade 2020

“RECUPEREMOS A COMUÑÓN DESDE A SUPERACIÓN DO MEDO”

“Festa da Trindade”

Descarga o ficheiro

CANTOS

    ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar (2)

LECTURAS: Escoita ao Señor (15)

    Ofertorio: Recibe, Señor, o pan e o viño (31)

    COMUÑÓN: O amor é o meirande (120)

ABRÍMONOS Á ESCOITA

Hoxe é o domingo a Trindade, que dito así pode parecer unha afirmación abstracta e pouco comprensible. Por iso engadimos que é o domingo da comuñón e comunicación do Deus que non queda nas fórmulas dogmáticas e doutrinais, senón do Deus amor que nos acompaña, que nos tende a man, que nos ofrece un camiño de relación e comunicación Del con nós e de nós cos demais. É a festa para que tomemos conciencia de que non estamos sos. O que nos ven moi acaído despois de todo este tempo de confinamento, separación física, pero en comunicación a través de moitos outros medios.
Isto é o que queremos celebrar hoxe: que non somos illas nin estamos de costas uns aos outros. E non o estamos porque Deus móstranos o camiño para que andemos en relación desde o seu ser Pai/Nai que nos ofrece de compañeiro ao seu Fillo e nos segue a alentar coa compañía do Espírito Santo para que non deixemos que a tristura e a ansiedade por non atopar sempre respostas a todas as nosas preguntas nos invada.

ENCAMIÑÁMONOS NA MISERICORDIA

  • Porque lle damos moito espazo á queixa, e pouco á presenza da esperanza. SEÑOR, QUE NON NOS DEIXEMOS LEVAR DO MEDO.

  • Porque seguimos sendo moito de ritos, e pouco de experiencia persoal para atoparnos con Deus, CRISTO, QUE NON NOS DEIXEMOS LEVAR DO MEDO.

  • Porque non damos superado o medo a confiar e escoitarnos uns aos outros; SEÑOR, QUE NON NOS DEIXEMOS LEVAR DO MEDO.


ESCOITANDO A PALABRA

  • Ex 34,4b-6.8-9

Moisés labrou dúas táboas de pedra, o mesmo cás primeiras. Ergueuse cedo e rubiu ó monte Sinaí, conforme lle mandara o Señor, levando consigo as dúas táboas de pedra. O Señor baixou na nube e parou alí con el. Moisés pronunciou o nome do Señor.
O Señor pasou diante del proclamando:
‑ "O Señor, o Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade.
Moisés, ó tempo que se prostraba polo chan e adoraba, dixo:
‑"Se merezo, Señor, o teu favor, pídoche que veñas ti connosco. Este pobo ten cerviz dura, pero ti perdoarás as nosas culpas e pecados e farás de nós a túa herdade".
  • 2Cor 13,11-13

Do resto, irmáns, estade alegres, procurade a perfección, dádevos azos, andade de acordo, vivide en paz e o Deus do amor e da paz estará convosco. Saudádevos uns ós outros co ósculo santo. Mándanvos saúdos todos os cristiáns.
Que a graza do Señor Xesús Cristo, o amor de Deus e a comuñón do Espírito Santo vos acompañen a todos.
  • Xn 3,16-18

Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.
Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus.

DEIXANDO QUE A PALABRA REMOA NO CORAZÓN

Deus non queda na nube, ao contrario: móstrase e comunícase. Esta é a clave desde a que celebrar a festa deste domingo, a festa da Trindade. Porque Deus é comuñón, e esta comuñón vense manifestando ao longo da historia. Acompañando os pasos do seu pobo primeiro; daqueles primeiros compoñentes do grupo de Xesús despois; a coa presenza do Espírito Santo no latexar dos corazóns e no compromiso de vida das persoas crentes hoxe dun cabo ao outro do mundo. Un latexo e unha vida que se van mostrando en accións creativas e solidarias para vencer os medos e as tentacións de quedar no individualismo ou de buscar só o que nos convén, de xeito que non nos preocupemos do número que somos senón das persoas ás que servimos. A festa da Trindade, non é entón unha festa incomprensible e abstracta, senón a festa do amor do Deus que se mostra no que cada un/ha de nós facemos para recoñecelo no sorriso liberador, igualitario e xusto que tentamos poñer cada día, co noso actuar, nos beizos dos irmáns e irmás.
E esta festa da comuñón e comunicación que nos achega e non nos afasta a uns dos outros, témola que vivir desde o estilo que Paulo lles contaba aos corintios: desde a alegría de poder atoparnos, de axudarnos, de tender as mans a quen as precise, de darnos azos e camiñar na esperanza sen deixarnos vencer polas dificultades. E que importante é isto nestes momentos nos que o desconcerto, a falta de claridade ou a seguridade na que críamos vivir, non é tal. Porque ante o recoñecemento da nosa limitación e da impotencia de nin podelo nin dominalo todo, o que nos queda é saber que non estamos nós, que ao noso lado, ao estilo da Trindade, hai alguén, non algo, para quen somos importantes e co que podemos contar sempre.
E nese sabérmonos persoas recoñecidas e queridas, Xesús móstrasenos como o que fixo do amor servizo e das persoas centro. Seguindo as súas pegadas, camiñemos tamén nós por estes vieiros, sendo serviciais e prestando atención ás persoas, non a outras cousas que, a maioría das veces, non son máis que pan para hoxe e fame para canto vén despois.

COMPARTIMOS A ORACIÓN COMUNITARIA

Un Deus en comuñón invítanos agora a ser tamén comunidades en comuñón e acompañamento, o que agradecemos dicindo:

QUE A NOSA COMUÑÓN SEXA DE PERSOAS E NON DE RITOS.

  • Polas comunidades cristiás, para que non nos deixemos vencer nin polo desánimo nin pola tentación do individualismo; Oremos. QUE A NOSA COMUÑÓN SEXA DE PERSOAS E NON DE RITOS.
  • Polas nosas comunidades parroquiais, e polas persoas que as formamos, que non esquezamos que Deus invítanos non a darnos as costas, senón a tendernos sempre as mans; Oremos. QUE A NOSA COMUÑÓN SEXA DE PERSOAS E NON DE RITOS.
  • Polas nosas vidas, que despois deste tempo de illamento, necesitamos que volvan á normalidade dunhas relacións que son de confianza e non de medo nin de desconfianza; Oremos. QUE A NOSA COMUÑÓN SEXA DE PERSOAS E NON DE RITOS.
Grazas, Señor, por invitarnos a non esquecer nunca que a fe en Xesús é sempre comuñón, relación e comunicación, e nunca illamento. P.X.N.S. Amén.

DEIXAMOS AQUECER O CORAZÓN

“Cando Deus fala, o home convértese no receptor desa Palabra, e a súa vida no lugar onde pide encarnarse. Esta é unha gran novidade no camiño relixioso do home: a vida do crente comeza a concibirse como unha vocación, como un lugar onde se cumpre unha promesa; e se move no mundo non tanto baixo o peso dun enigma, senón coa forza desa promesa, que un día se cumprirá. Abraham cre na promesa de Deus e foise, sen saber onde ía. Fiouse... Deus xa non se ve só nos fenómenos cósmicos, coma un Deus afastado que pode inspirar terror. O Deus de Abraham convertese no "meu Deus", o Deus da miña historia persoal, que guía os meus pasos, que non me abandona; o Deus dos meus días, o compañeiro das miñas aventuras; o Deus da Providencia. Pregúntome e pregúntovos: Temos esa experiencia de Deus? Pensémolo un pouco”.

(Francisco, Catequese na audiencia do 3 de xuño de 2020)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...