Ir al contenido principal

22 Domingo To 2020 A

 

RESPONDAMOS COA NOSA VIDA, Á SEDUCIÓN DO AMOR QUE HUMANIZA E NON UTILIZA ÁS PERSOAS


CANTO GOZOSO


  • ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)

  • LECTURAS: Ergo os meus ollos 

  • OFERTORIO: Ti es o pan do ceo

  • COMUÑÓN: Escoita ao Señor

POÑENDO OS OLLOS NA REALIDADE

Escoitaremos hoxe unha invitación a non poñer tapóns nos oídos para que, escoitando a Palabra de Deus e prestándolle atención, nos deixemos seducir por ela. Pero esta non é unha sedución ao uso, senón que a sedución de Deus chama ao cambio de corazón, á sensibilidade ante as dores e tristuras do noso mundo e das persoas que nel habitamos. So deste xeito a Palabra collerá fondura e gravarase no noso corazón e na nosa mente, para deste xeito non esquecer nunca que as persoas, máis alá do que teñamos, somos dignidade e merecemos respecto. Un respecto e unha dignidade que temos que mostrar cada día da nosa vida co noso xeito de actuar e de facer as cousas.
Que non caiamos na tentación de darlle as costas a este fermoso, ledo e sempre cheo de humanidade, proxecto de Deus!

RENOVANDO O CORAZÓN

  • Polas veces nas que deixamos que a dureza do corazón nos aparte da xente de ben; SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS SEDUCIR POLA TÚA MISERICORDIA.
  • Polas veces nas que non queremos outorgar perdón a quen nolo pide; CRISTO, QUE NOS DEIXEMOS SEDUCIR POLA TÚA MISERICORDIA
  • Polas veces nas que deixamos que na nosa vida crezan a desconfianza, a mentira e as ansias de vinganza; SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS SEDUCIR POLA TÚA MISERICORDIA.

PALABRA PROCLAMADA


PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

Señor, seducíchesme e deixeime seducir;
collíchesme e puideches comigo.
Sirvo a cotío de burla;
a destrución é o meu pan.
Sempre que falo, teño que proclamar:
¡Desastre!;
teño que clamar: ¡Destrución!
A palabra do Señor volveuse para min un escarnio, unha burla continua.
Se digo: "Non me vou acordar máis del, non falarei máis no seu Nome",
entón a súa palabra vólvese coma un lume abrasador no meu corazón,
un lume prendido nos meus ósos;
fago forza por apagalo, pero non son capaz.

PALABRA DO SEÑOR 



PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

Desde aquela empezou Xesús a aclararlles ós seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer padecer moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ó terceiro día había resucitar.
Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifar con el, dicindo:
‑Deus te libre, Señor; a ti non che pasará nada diso de maneira ningunha.
Pero el, volvéndose, díxolle a Pedro:
‑¡Arreda de min, Satán! Ti es un tentador para min, porque non te deixas guiar por Deus senón polos homes.
Entón díxolles Xesús ós seus discípulos:
‑Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda pola miña causa, poñeraa a salvo. Pois ¿de que lle serve ó home gañar o mundo enteiro se perde a súa vida? E ¿que pode dar un home para recobrar a súa vida? Porque o Fillo do Home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a cadaquén conforme á súa conduta.

PALABRA DO SEÑOR

REMOENDO NA PALABRA

Como diciamos no comezo da celebración, a Palabra de Deus hoxe enfróntanos coa sinceridade, ou non, da fe que manifestamos ter. E dicimos isto porque moitas veces repetimos palabras, escoitadas e aprendidas desde anos; outras das veces, sentamos nos bancos das nosas igrexas para escoitar o que nos din desde o ambón as persoas que dirixen as celebracións; mesmo, nós mesmos manifestamos, en non poucas ocasións, que somos persoas de fe. Pero logo, cando no silencio do momento da reflexión/oración, nos poñemos ante o Señor, e queremos facelo con sinceridade, dámonos conta que a todo canto temos escoitado ou dito, non respondemos con sinceridade nin desde un comportamento acorde, senón desde ritos baleiros e costumes ritunarias que nin cambian o noso corazón nin fan que as nosas actitudes e comportamentos sexan verdadeiras escolas de testemuño cristián.

Algo está a fallar cando nos vemos incapaces de levar á vida o que cremos. Por que será? Porque, a pesares de que nos definimos como seguidores de Xesús, o noso é un seguimento a distancia e puramente superficial? Porque deixamos que nos esvare exteriormente unha relixiosidade de consumo, que non nos leva a pensar no significado e consecuencias do que ten que supor seguir a Xesús no mundo actual? Estamos vivindo un momento socialmente difícil, e para moitas persoas a pregunta segue a ser, como se nada estivese a pasar: hai procesión? Hai misa na capela? Non hai romería?, o cura ben podería facer unha misiña, total, malo será que nos contaxiemos... Acaso Deus non nos está a pedir que sexamos responsables, que coidemos uns dos outros, que pensemos no ben común, que pensemos que o que nós fagamos ben, será para beneficio de tod@s? Deixarnos seducir por Deus é isto, cambiar o corazón, e que se nos note. Non poñer o piloto automático sen pensar no mundo no que estamos nin na dor e tristura que moitas persoas e familias están a vivir. Fagamos tod@s un exercicio de responsabilidade persoal, sen esperar que haxa unha lei que nos prohiba ou impoña. Na liberdade responsable está a madurez moral e humana do toda persoa crente.

E desta responsabilidade é da que nos fala tamén Xesús no Evanxeo de hoxe. Non se limitaba a dicir cousas, tentaba explicalas para que llas entendesen, de xeito que non caeran no mesmo vicio daquela relixiosidade baleira e estéril dos que ían ao templo e á sinagoga simplemente para que os visen ou porque tocaba porque así llelo aprenderan de nen@s. Xesús rebélase contra este xeito de vivir a fe, e lémbralles que a coherencia das persoas crentes levaraas moitas veces a dicir o que ninguén quere escoitar, e a actuar dun xeito distinto ao que fan tod@s, porque a fe non é un simple deixarnos ir co que fan os demais, senón un compromiso por poñer ás persoas no centro das decisións, para defendelas ante a cobiza dos poderosos de utilizalas como se fosen cousas para os seus propios fins. Nesta coherencia hai que situar a cruz á que se refería Xesús: renunciar á nosa comodidade e apostar pola defensa dos débiles e invisibles do noso tempo.

COMPARTINDO O COMPROMISO

Deixándonos levar pola forza da súa palabra, dicimos agora comunitariamente:
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS SEDUCIR POLO TEU PROXECTO DE RESPECTO E DIGNIDADE
  • Para que a Igrexa non se deixe seducir polo poder, e si pola solidariedade e a loita contra toda discriminación, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS SEDUCIR POLO TEU PROXECTO DE RESPECTO E DIGNIDADE
  • Para que nas nosas comunidades non fagamos da sedución control e dominio do que fan os veciños, e si capacidade para preocuparnos uns polos outros, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS SEDUCIR POLO TEU PROXECTO DE RESPECTO E DIGNIDADE
  • Para que, agradecendo o pan que nos alimenta, non llo neguemos nunca a quen teña necesidade del, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS SEDUCIR POLO TEU PROXECTO DE RESPECTO E DIGNIDADE
Fai de nós, Señor, acougo e acollida para aquelas persoas que se nos acheguen buscando ser escoitadas. P.X.N.S. Amén.

BUSCANDO ACOUGO ESPERANZADO

DEUS PETA Á MIÑA PORTA

Coa súa humilde presenza que sempre me descoloca.
Tentando chegar ben dentro, alí onde a vida se xoga.
Coas mans cheíñas de dons á espera de quen o acolla.
Non cansa, é persistente, fiado en que eu responda.
Neste outono, neste día, nesta mesmísima hora.
Cun petar respectuoso, feito de múltiples cousas.
Na voz calada do libro no que outras/os se me mostran.
Na palabra, sabia ou non, de quen comenta e valora.
Na busca que nace en min, no cruce da miña historia.
No traballo, na oración, na tristura e máis na euforia.
No clamor do meu irmán e da miña irmá, que non permite demora.
Na fame de quen non come, na fartura de quen goza.
Nos berros da xente indignada, cansa de contos e trolas.
No silencio de quen vela alí onde a vida agroma.
Nesta xuntanza de hoxe, humilde en xentes e formas.

( http://escoladeespiritualidade.blogspot.com/2011/10/ )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...