Ir al contenido principal

24 domingo TO 2020 A

 PORQUE A FE NON É UN SISTEMA ECONÓMICO, NON PRECISA QUE LEVEMOS CONTA DAS COUSAS QUE FACEMOS BEN

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Unha parroquia

LECTURAS: Déixate querer (Nº61)

OFERTORIO: Señor Xesús (Nº 52)

COMUÑÓN: Quédate Señor connosco (Nº 63)

MIRANDO AS BEIRAS

De proximidade, é dicir, da nosa capacidade de achegarnos ao próximo coa man tendida para ofrecer canto precise, é do que nos falan hoxe as lecturas que imos proclamar na celebración. Facer proximidade, que non é estar preto, senón achegarnos ao irmán e á irmá co recoñecemento de que é un igual, é compromiso permanente das persoas que nos chamamos seguidoras do Deus de Xesús. Tarefa e compromiso que lles fagan a vida máis feliz e humana. Nesta esixencia permanente ha estar a capacidade de non facer do rancor actitude inamovible que nos impida avanzar deixando atrás o pasado para albiscar con esperanza o futuro que hai que construír.
Participemos da celebración coa disposición a revisar a nosa vida, e a deixar atrás canto non pon ás persoas no centro do noso actuar.

RENOVANDO O CORAZÓN

Pola nosa falta de capacidade para recoñecer aos demais como próximo; SEÑOR, QUE A COMPAIXÓN MOVA A NOSA VIDA.
Pola nosa teimosía a non escoitar a quen se achega a pedirnos perdón; CRISTO, QUE A COMPAIXÓN MOVA A NOSA VIDA.
Polas veces nas que non somos capaces de facer do perdón alegría no corazón da irmá e do irmán; SEÑOR, QUE A COMPAIXÓN MOVA A NOSA VIDA.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
Xenreira e asañamento son de aborrecer; o pecador é quen os posúe.
Quen fai vinganza atoparase coa vinganza do Señor, pediralle razón estreita dos seus pecados.
Perdóalle a inxuria ao teu próximo e entón ao pregares seranche perdoados os teus pecados.
Home que lle garda a outro xenreira, ¿como lle vai pedir ó Señor que o cure?
De alguén que é coma el non se apiada, ¿e vai rogar polos seus pecados?
Se el, que é carne, mantén a ira, ¿quen lle vai expiar as súas culpas?
Pensa na fin e deixa de asañarte, recorda a corrupción e a morte e cumpre os mandamentos.
Lembra os mandamentos e non rifes co próximo, recorda a alianza co Altísimo e non deas valor á falta.
Tente lonxe das rifas e minguarás os pecados pois é o home iracundo quen acende as liortas e o home pecadento quen perturba aos amigos metendo a disputa entre os que se levan ben.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU
Entón Pedro, achegándose, preguntoulle:
‑Señor, ¿cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? ¿Ata sete veces?
Respondeulle Xesús:
‑Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.
Por iso, o Reino dos Ceos é semellante a un rei que quixo facer as contas cos seus servidores. Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía varios millóns. E como non tiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el con muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase. O servidor botóuselle aos pés e suplicáballe:
‑¡Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todiño!
O señor tivo dó daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.
Pero, ó saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:
‑Paga o que me debes.
Botándose ós seus pés, o compañeiro suplicáballe:
‑Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.
Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase a débeda.
Os compañeiros, ó veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ó seu señor todo o que pasara. Entón o señor mandouno chamar e díxolle:
‑¡Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. ¿E logo non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecín de ti?
E todo anoxado, o señor entregouno ós verdugos ata que lle pagase toda a débeda.
Así tamén fará convosco meu Pai celestial, se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.
PALABRA DO SEÑOR

PALABRA ENCARNADA

Invítanos hoxe a Palabra de Deus a dedicarlle un pouco do noso tempo a reflexionar sobre a nosa capacidade de perdoar e de pedir perdón. Os textos que acabamos de escoitar móvense todos eles ao redor desta idea: se nos diriximos a Deus dicíndolle que faga do perdón guieiro e luz para a nosa vida, como despois nós non somos capaces de ser guieiro de luz e perdón para os que nolo piden? Porque o rancor, a envexa, o orgullo... son o contrapunto de quen se di seguidor, sincero e leal, do proxecto de Deus. Como podemos facer grandes peticións, mesmo promesas, moitas das veces inhumanas e contrarias ao propio sentido da fe que profesamos, e despois ser incapaces de dicir: perdóoche? Mirémonos, analicemos como son as nosas respostas e tentemos facer da coherencia canle desde a que movernos cada día da nosa vida. Non fagamos, logo, da vida espectáculo nin da nosa palabra “fake news” (mentira).

E por que non debemos facer da vida mentira? Porque o que un busca sempre, ou polo menos debería intentalo, é que non haxa desfase entre o que cremos e rezamos e o noso xeito de vivir. Nisto aprendemos das pegadas que Deus nos vai deixando a través da historia da salvación que foron recollendo e escribindo os autores dos libros da Biblia. En tempos e momentos culturais diversos e plurais, Deus vainos mostrando que é na verdade onde a persoa se descobre verdadeiramente feliz e en paz, con ela mesma e cos demais. A verdade que supón poñer o ben dos demais no centro das nosas decisións, rexeitando a tentación do utilitarismo pragmático, que só busca o beneficio propio e interesado. Nesta centralidade do próximo e onde se mostra, en toda a súa fondura, a misericordia e compaixón da que nos fala o salmo responsorial. Unha proximidade que pon ante os nosos ollos o gran misterio da vida: aprender a vivir non para nós mesmos, senón para Deus.

Atendendo á proximidade e á coherencia a que nos invita hoxe Xesús, o evanxeo pon de manifesto a inmensidade do amor de Deus para con nós. Ante a pequenez de miras dos que lle preguntaban as veces que había que perdoar marcando límites: “ata sete veces?”, Xesús rompe os moldes do pensamento único e sempre débil, ao responderlle, co seu “ setenta veces sete”, ou o que é o mesmo: ao perdón non se lle poñen muros nin redes, porque o perdón, coma o mar, é inmenso. Na resposta de Xesús está a grandeza do seu proxecto, que estaba moi por riba das miras dos que non tiñan o corazón san como para conceder o perdón, sen contrapartidas nin condicións. Posto que a súa resposta non se acorta nuns poucos ou con matices, senón que se alonga nun sempre que engrandece, fai entender por que, mesmo hoxe en día, non podemos utilizar a Deus para a nosa comenencia e os nosos intereses. A grandeza do amor está na capacidade de acoller, non no intento de controlar e someter aos demais aos nosos propios criterios...que a meirande parte das veces nin son nin queren ser os de Deus, e si os nosos.

PÉS NO CHAN E CONFIANZA EN DEUS

Na proximidade da proposta que hoxe Xesús nos fai para que a nosa vida sexa feliz e coherente, dicimos:

QUE NON LLE POÑAMOS TAXA AO PERDÓN

Para que a Igrexa, no seu actuar e mostrarse no mundo, sexa unha Igrexa de proximidade e non de utilidade, OREMOS.

QUE NON LLE POÑAMOS TAXA AO PERDÓN

Para que nas nosas casas, nos nosos barrios e nas nosas parroquias, fagamos da proximidade maneira de relacionarnos entre nós, OREMOS.

QUE NON LLE POÑAMOS TAXA AO PERDÓN

Para que saibamos ser próximos de quen precise de nós; e saibamos darlle o noso perdón sen poñer muros de control, dominio ou sometemento, OREMOS.

QUE NON LLE POÑAMOS TAXA AO PERDÓN

Grazas, Señor, por volver mostrarnos que o teu camiño vaise facendo coa humildade de quen acolle, e non coa imposición de quen esixe. P.X.N.S. Amén.

 

LATEXANDO TENRURA NO CORAZÓN

Bendito sexas, Xesús, irmán, amigo, Señor,

que te fixeches servidor das persoas cansas e aflixidas;

que viviches a mansedume e a fortaleza.

Canto che doía a xente, que sufría ao teu redor!

Canto amosaches a Deus perdoador e curador.

Cantas persoas liberaches co teu poder loitador!

Seremos os teus compañeiros e as túas compañeiras

e amasaremos as nosas vidas na masa do teu amor.

(Escola de Espiritualidade)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...