DÁNDONOS OU SEN DARNOS CONTA, ESQUECEMOS QUE A COMPAIXÓN HUMANIZA O NOSO TRATO DUNHAS PERSOAS PARA COAS OUTRAS
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Non vou so (Nº 60)
LECTURAS: Canta o sol (Nº 22)
OFERTORIO: Recibe, Señor (Nº 31)
COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 58)
MIRANDO AS BEIRAS
Dicimos, e mesmo escoitamos moitas veces que o tempo pasa sen que nos deamos conta, que agora todo vai con moita présa, que non nos queda tempo para nada; que a pouco que nos descoidemos o sopro da vida xa chega ao seu remate... Si, dicímolo ou escoitámolo moitas veces. Pero poucas veces nos paramos a pensar nas consecuencias. Está moi ben darlle voltas ás ideas, pero está moito mellor dar o paso cara adiante e facer das ideas comportamentos e accións. Realidade.E de realidade, que non vai con présa, e si coa súa cadencia de sempre, é sobre o que nos invita hoxe a reflexionar a Palabra de Deus. Unha reflexión que ten que levarnos a poñer os pés no chan, a vista na realidade das persoas que temos ao noso lado e as mans en actitude de ofrecer e colaborar nas causas que fan posible que sexa o sorriso solidario e activo, e non a amargura o que poidamos ofrecer e compartir cos demais.
RENOVANDO O CORAZÓN
- Por non facer do sorriso acollida e perdón; SEÑOR, AFÁSTANOS DA TENTACIÓN DE SER PERSOAS SOBERBIAS.
- Por non querer tender a man a colaborar e participar en todo canto une; CRISTO, AFÁSTANOS DA TENTACIÓN DE SER PERSOAS SOBERBIAS.
- Por non saber frear os nosos comentarios contra dos demais; SEÑOR, AFÁSTANOS DA TENTACIÓN DE SER PERSOAS SOBERBIAS.
PALABRA PROCLAMADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL
Di o Señor:E vós respondedes: "Non é xusto o proceder do Señor".
Escoitade, Casa de Israel:
- ¿Non é xusto o meu xeito de comportarme?. ¿Non é máis ben o xeito de vos comportardes vós o que é inxusto?. Cando o xusto se aparta das súas obras de xustiza e comete iniquidades e morre debido a elas, morre debido ás iniquidades que el cometeu.
Cando o malvado se aparta da maldade que cometeu e practica o dereito e a xustiza, entón el consegue a vida.
Se cae na conta e se aparta da maldade que cometeu, vivirá de certo, non morrerá.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU
Naquel tempo, Xesús contoulles outra parábola:
Que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro, e díxolle:
"Meu fillo, vai traballar hoxe na viña".
El respondeu:
"Non quero"; pero despois, arrepentido, foi.
Foise onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu:
"Vou, señor"; pero non foi.
¿Quen dos dous fixo a vontade do pai?
Respondéronlle:
O primeiro.
Entón díxolles Xesús:
Asegúrovos que os recadadores e mais as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós. Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza, e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e mais as prostitutas, si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA ENCARNADA
Estamos tan acostumad@s a falar ou a escoitar falar de solucións máxicas ante problemas reais que acabamos por enganarnos a nós mesmos e crer, dando todo por bo, canto escoitamos. Porén, a realidade vainos dicindo que temos sobredose de palabras, boas intencións, desexos... pero que o que necesitamos verdadeiramente é un actuar sincero, colaborador, honesto e humilde. Sóbranos soberbia para tentar mostrarnos mellores, superiores e moi por riba dos demais. E tal é así que parece que estamos nun concurso para ver quen é o que fala mellor, máis rápido e chamando máis a atención... pero sen dicir nada: políticos, empresarios, sindicalistas, curas, xornalistas... Fronte a isto, a Palabra de Deus segue a insistir no que han ser os cimentos desde os que construír unha vida humanizadora e con capacidade de levar humanidade co noso actuar: a sinxeleza, sen ter medo a mostrarnos como somos, coas nosas capacidades pero tamén cas nosas limitacións; a cercanía no trato, que non se ha entender como comenencia para o noso propio interese; a honestidade de quen non sente vergoña en dicir a verdade, mesmo se sabemos que non vai gustar aos que nos escoiten, ou tampouco a nós. Nunha palabra: a invitación que hoxe se os fai é a de non deixarnos engaiolar por cantos de serea que non poñen a atención en nós, senón na utilidade e na aparencia. Por iso é tan importante, tan fundamental non renunciar nunca a buscar o xusto, a non mentir, e ter respecto polos demais sen recorrer ao engano. A ser nós mesmos, nós mesmas.E isto ímolo descubrindo desde esa misericordia enchoupada de eternidade coa que Deus nos foi agasallando ao longo da súa historia de amor, e por amor, desde sempre. Ser persoas misericordiosas é un reto constante no que temos que traballar cada día. E a misericordia comeza por recoñecernos como somos, para así poder recoñecer e aceptar aos demais como son. Porque se nos cremos mellores, máis listos, máis solidarios, de mellor corazón... pouco temos entendido da misericordia da que nos fala Deus a través da súa presenza na nosa historia. E nunha sociedade na que tanto gusta a ostentación, o mostrarse, o contar permanentemente e en directo o bos, simpáticos, alegres, vitais ou “cools” que somos, as palabras hoxe proclamadas desde o ambón invítannos a un baño de realismo sinxelo e sincero. Un baño de realismo que nos pon cos pés no chan e a mirada no mundo necesitado de persoas honestas e sen necesidade de poñerse en ningún escaparate no que exhibirse.
Deste xeito non nos pasará coma os irmáns dos que nos fala o evanxeo. Isto esixe de nós que aprendamos a discernir, a non contentarnos co que nos contan, din ou mal temos escoitado. Esta actitude levaranos a ser persoas máis reflexivas, a pensar máis e mellor as cousas, a non deixarnos levar de arroutos, porque detrás deles adoitan aparecer a tristeza, o desacougo e a sensación de fracaso e perda. e iso non é o que quere o Señor nin do que nos fala hoxe no evanxeo. El, coa comparación sobre o actuar dos dous irmáns, estanos dicindo que a realidade é importante, que as cousas cando se deciden ao chou teñen consecuencias negativas, moi negativas. E nesta negatividade as vítimas, as que acaban sufrindo as consecuencias de decisións interesadas e arroutadas son as persoas máis débiles, as máis pobres, as que menos se defenden e necesitarían que se lles prestase atención. Estámolo a ver, tristemente, diante da pandemia. Sempre son as persoas máis vulnerables as que sofren as consecuencias da enfermidade e mesmo a morte: as persoas maiores, as que teñen salarios precarios, as que viven en casas en peores condicións, ou non teñen casa onde vivir, as que non teñen traballo... por iso temos que ser moi críticos co que escoitamos, lemos ou vemos nas imaxes, porque unha cousas é ser crentes e outra moi distinta, ser crédulos. Non deixemos, logo, que nos enganen. Traballemos na viña. Fagámolo o mellor que poidamos e saibamos, pero sen facerlle dano nin buscar aproveitarnos de quen segue a confiar en nós. E isto temos que empezar a sementalo e recollelo na casa, nos barrios, nas parroquias...
PÉS NO CHAN E CONFIANZA EN DEUS
Deixemos que a forza da oración comunitaria alente a alegría do noso actuar sincero, sinxelo e compasivo, e digamos comunitariamente:QUE A TÚA FORZA EMPURRE O NOSO COMPROMISO
Para que a Igrexa non deixe nunca de tender a man e ofrecer a súa colaboración na construción dunha sociedade máis igualitaria e preocupada polas persoas e non pola rendibilidade, OREMOS.QUE A TÚA FORZA EMPURRE O NOSO COMPROMISO
Para que nas nosas parroquias venzamos a preguiza de facer sempre o mesmo, limitándonos a ritos, sen poñer o corazón nas persoas; OREMOS.QUE A TÚA FORZA EMPURRE O NOSO COMPROMISO
Para que non construamos a nosa vida pensando só no noso beneficio, e loitemos por superar a tentación do individualismo que nos illa e enferma como sociedade; OREMOS.QUE A TÚA FORZA EMPURRE O NOSO COMPROMISO
Coa forza do Espírito, Señor, pedímosche que nos alentes no esforzo de superar a tentación de crernos mellores ou superiores aos demais. P.X.N.S. Amén.LATEXANDO TENRURA NO CORAZÓN
Antepoñer a deportividade,
a coherencia, a honradez, o respecto ao éxito,
non é só unha lección de honradez,
senón tamén unha invitación a que nos preguntemos
sobre as nosas actitudes na vida.
Sobre como participamos e como acompañamos.
Se sabemos esperar a quen cansa antes,
se sabemos achegarnos a quen precisa dunha man,
se aprendemos a escoitar a quen precisa falar.
Os ritmos das persoas son diversos.
Porque no noso ser “imaxe e semellanza” de Deus,
a diversidade enriquécenos,
e fainos necesitados uns dos outros.
Que as présas non nos fagan perder a ocasión
de mirar aos lados e tenderlle a man a quen está caíd@.
Comentarios