Ir al contenido principal

23 domingo TO A 2020

APRENDAMOS A ESCOITAR Á VOZ DO SEÑOR QUE NOS FALA NOS ”SINAIS DOS TEMPOS”

CANTO GOZOSO


  • ENTRADA: Non vou so (Nº 60)

  • LECTURAS: Douvos un mandado novo (Nº18)

  • OFERTORIO: Pan do ceo (Nº 53)

  • COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)

MIRANDO AS BEIRAS

Neste atípico ano pandémico comezamos a retomar as actividades nas escolas, nas empresas, nas parroquias... Setembro é o mes no que todo recomeza, mesmo moitas cousas se poñen en marcha por vez primeira. Retomar, comezar, desenvolver... son verbos que nos invitan a ilusionarnos, a non tirar a toalla a pesares das dificultades, a encarar a realidade mirando cara adiante. Dispoñámonos a participar e compartir este proxecto de esperanza que nos ofrece Xesús.

RENOVANDO O CORAZÓN

  • Para que non sexamos insensibles á dor das outras persoas; SEÑOR, QUE NON ENDUREZAMOS O CORAZÓN.
  • Para que non deixemos que a desilusión atope oco na nosa vida; CRISTO, QUE NON ENDUREZAMOS O CORAZÓN.
  • Para que superemos a tentación de non querer volver a comezar; SEÑOR, QUE NON ENDUREZAMOS O CORAZÓN.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS ROMANOS
Irmáns e irmás:
A ninguén lle debades nada, fóra de amarvos uns a outros, porque o que ama ao próximo, ten cumprida a Lei.
Porque o non adulterarás, non matarás, non roubarás, non cobizarás e todos os outros mandamentos, resúmense nestas palabras: amarás ao teu próximo como a ti mesmo.
Quen ama ao seu próximo non lle fai mal. Verdadeiramente, o amor é o pleno cumprimento da Lei.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU
Se teu irmán peca contra ti, vai e repréndeo; pero ti só con el. Se te escoita, conquistaches o teu irmán. Se non te escoita, leva contigo un ou dous, para que por medio de dúas ou tres testemuñas quede resolto o asunto. Se non vos fai caso, dillo á comunidade; e se tampouco lle fai caso á comunidade, sexa para ti como un pagán ou un recadador de impostos. Asegúrovos que o que atedes na terra será atado no ceo, e o que desatedes na terra será desatado no ceo.
Asegúrovos tamén que se dous de vós se poñen de acordo na terra para pedir calquera cousa, conseguirano do meu Pai celestial. Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí no medio estou eu.
PALABRA DO SEÑOR

PALABRA ENCARNADA

Cando dicimos que Deus vai falando a través das realidades da vida, estamos querendo dicir que temos a sensibilidade para saber ver a realidade das cousas con moita máis fondura da que aparentan. Deus fala desenvolvendo en nós a capacidade de non deixarnos deslumbrar polo aparente, senón que nos vai urxindo a ver razóns, “porqués” e mesmo sentido no que vai acontecendo na vida e no mundo. O concilio Vaticano II definiu moi ben esta presenza de Deus no mundo coa expresión “sinais dos tempos”, coa que se quere poñer de manifesto que a realidade non é nin pura materia nin tampouco simple inmobilismo, senón unha experiencia de permanente cambio que as persoas, desde a liberdade, somos capaces de facer avanzar para que non miremos só á seguridade do que quedou atrás, e apostemos polo camiño, sempre maior e mellor, que temos por diante. E nese camiño, nesa proposta, nese horizonte somos capaces e ir descubrindo a presenza, a man de Deus. Porque El, sendo todo e sempre amor, e facendo as cousas só desde e por amor, o que quere é que sexamos felices. Pero non unha felicidade dada ou imposta. A súa é unha felicidade acadada pola nosa capacidade para abrir novas fendas e non deixarnos superar polo medo da persoa que, sentíndose segura no pasado, é incapaz de apostar polo futuro. Entón, cando dicimos Deus, dicimos: presenza, forza, esperanza, liberdade, dignidade, confianza ... con, desde e para as persoas. Non é algo, senón o Alguén que nos mostra o camiño e nos invita a camiñar. A esta proposta responden as palabra que hoxe nos achega o profeta Ezequiel.
E para iso, como diciamos no salmo, é necesario ter un corazón sensible e capaz de non encorsetarse nas normas que, para moitos, dan seguridade, pero que para a maioría non son máis que interferencias no camiño de crecer, madurar e descubrir os “sinais dos tempos” –a presenza de Deus – dos que antes falabamos. O Deus ao que rezamos e que nos reúne como comunidade non é un estereotipo teórico e desencarnado, senón que é o Deus que nos invita a perder medos e a apostar por camiños novos e creativos; por camiños audaces. Para iso non podemos ter un corazón empezoñado no resquemor, o odio, a vinganza ou a intransixencia. O corazón de quen queira deixarse acompañar pola man do Deus de Xesús, ha ser un corazón sensible, capaz de escoitar e disposto a arriscar para ser feliz e facer felices a outras persoas. E iso, como dicía Paulo, non se atopa nas leis frías e ritualistas, senón no amor. E o amor fai referencia sempre ás persoas e á súa dignidade. Amar é preocuparse, acompañar, compartir, escoitar, pedir perdón, perdoar... humanizar humanizándonos. Non é un cumprir leis sen ter en conta ás persoas.
E isto móstrase na fraternidade e na misericordia, como moi ben nos di Xesús no Evanxeo. Amar non é impor cargas pesadas sobre o lombo dos demais, senón esforzo compartido por ir desatando os nós que a vida vai creando, e diante dos que necesitamos mans amigas que nos axuden nese proceso de luscos e fuscos. Para iso é necesario que saibamos poñer en práctica a pedagoxía que pon no centro á persoa e non a norma. E isto, que supuxo o comezo da renovación e do cambio que veu traer Xesús, necesitamos tamén hoxe poñelo no centro do noso ser e actuar como persoas crentes. Porque o mundo cambia, pero Deus segue termando del, de aí a necesidade de saber ler esa presenza súa con corazón sensible e non utilitarista. Francisco, desde aquela tarde noite de marzo de 2013, non cansa de invitarnos a ver o mundo con ollos novos de audacia e creatividade, facendo do Evanxeo compromiso polo comunitario e o ben común, de xeito que o sintamos como verdadeira Casa.

PÉS NO CHAN E CONFIANZA EN DEUS

Invítasnos, Señor, a ser semente en cada unha das nosas accións. Co agradecemento por confiar en nós, dicimos:
AFÁSTANOS, SEÑOR, DUNHA FE NORMATIVA E INSENSIBLE
Para que a Igrexa non caia na tentación da insensibilidade ante as persoas que necesitan que se lles escoite e se lles preste atención, OREMOS.
AFÁSTANOS, SEÑOR, DUNHA FE NORMATIVA E INSENSIBLE
Para que tentemos buscar acordos que nos leven a facer proxectos unidos e que buscan o ben común alí onde estamos, OREMOS.
AFÁSTANOS, SEÑOR, DUNHA FE NORMATIVA E INSENSIBLE
Para que saibamos ser testemuñas de verdade, fraternidade e misericordia, ao estilo da invitación de Xesús, OREMOS.
AFÁSTANOS, SEÑOR, DUNHA FE NORMATIVA E INSENSIBLE
Grazas, Señor, por non querer que fagamos da vivencia de fe unha cadea que ata e escraviza, senón unha experiencia de fraternidade e colaboración. P.X.N.S. Amén.


LATEXANDO TENRURA NO CORAZÓN

Déixame, Señor,
poñer sobre as túas pegadas os meus pés
porque do camiño xa vou canso
e seguir as túas pegadas, alivia o meu paso.
Non deixes que perda o paso,
non permitas que me afaste da ruta.
Téndeme a túa man para que non me perda.
Porque só a túa luz pode apurar o meu paso.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...