Ir al contenido principal

4 Coresma 2021 B

 Que non nos sometamos a quen quere que a nosa lingua sega pegada ao padal!

Cantos.-

            Entrada.-   Eu sei de quen me fiei ( )

            Lecturas.- Escoita ti a palabra de Deus ( )

            Ofertorio.- Recibe Señor ( )

            Comuñón.- Xesús chamado amigo. ( )

Mirada de esperanza

Deus Pai/Nai, Xesús e salvación son palabras que necesariamente van sempre unidas, porque non podemos traer aos beizos a mención de Deus se non o poñemos a seguir en relación con quen é a súa presenza na nosa realidade humana, Xesús; e ámbolos dous non poden pensarse se non é desde e para un proxecto de salvación. Unha proposta na que se rescate a persoas como centro e dignidade de todo e entre todo o demais. E desta dignidade sempre enchoupada de esperanza é do que nos vai falar hoxe a Palabra que imos proclamar na celebración. 

Traballemos logo para que, facendo da salvación horizonte de plenitude, vaiamos construíndoa xa no aquí da nosa vida e do noso tempo, desde a superación dos prexuízos  que distinguen a unhas persoas das outras, de xeito que tomemos conciencia que só a fraternidade fará posible que o mundo cambie do individualismo líquido que só pensa no meu, ata o comunitario solidario que avanza e humaniza desde o nós.

Corazón de misericordia

·      Que esta coresma, Señor, nos faga tomar con ciencia de que nos precisamos Tod@s. Señor, que a conversión nos cambie.

·      Que esta coresma, Cristo, non se vexa arruinada pola comodidade da preguiza que nos instala no cómodo e fácil. Cristo, que a conversión nos cambie.

·      Que esta coresma, Señor, nos faga ve-la luz da solidariedade e da fraternidade. Señor, que a conversión nos cambie.

 

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS

Irmáns e irmás:

Deus, que é farturento en misericordia, polo grande amor que nos amosou cando estabamos nós mortos polos nosos pecados, fíxonos revivir con Cristo e resucitounos con El e con El fíxonos sentar no ceo en Cristo Xesús, para mostrarlles ós séculos vindeiros a rebordante riqueza da súa graza, manifesta na bondade que tivo connosco en Cristo Xesús. Porque vos salvaron por gracia, mediante a fe; e isto non vén de vós: é don de Deus; e non vén das obras, para que ninguén se dea méritos. Somos, logo, feitura del, creados en Cristo Xesús para facérmo-lo ben no que Deus dispuxo de antemán que camiñemos. Palabra do Señor. Grazas a Deus.

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 

Dille Xesús a Nicodemo:

Coma Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus. Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ó mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal, odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras porque están feitas como Deus quere.

Palabra do Señor. Gloria a ti, Señor Xesús

 

Palabra remoída

·      A fe é un don, un agasallo que se nos ofrece, e dependendo da nosa liberdade, podemos acollela ou rexeitala. Nunca é, nin pode ser, unha imposición, e si unha acollida en liberdade e sen ningún tipo de imposición, medo ou trabas. Sendo esta unha afirmación raíz para nós os cristiáns, témola esquecido, e mesmo retorcido, afastándoa de quen está detrás deste marabilloso agasallo: Xesús. Por iso cando falamos da fe, podemos falar de todo: procesións, bendicións, promesas, ritos, costumes... pero na maioría das veces esquecemos o fundamental e máis importante: Xesús. Porque a fe é un si incondicional a Xesús; á súa persoa e á súa mensaxe. E todo o demais sobra. O agasallo que Deus nos fai é darnos ao seu Fillo para que fose cama nós. Non unha imaxe, non unha construción mitolóxica, simplemente unha persoa, como o somos nós. Nesa persoa anela a nosa fe; e desde esa persoa loitamos por vivir cada día a fe na relación cos demais e no medio do mundo. Por iso non nos vale de nada mirar atrás con nostalxia, querendo que volvan tempos que xa foron, pero xa non volverán, porque a vida segue, non se queda parado coma se fose unha foto, no pasado. Ao contrario, estamos chamadas e chamados e acollela en cada momento da nosa vida para darlle contido e sentido desde a cultura e a sociedade de cada momento, polo que de nada vale chorar con nostalxia, como tamén facía o pobo de Israel cando se vía escravo e lonxe da súa patria, en Babilonia.

 

·      Para que a nós non nos pase iso, temos que esforzarnos para que a Coresma sexa un tempo de traballar, e desde o que ir desfacendo os nos (nudos)  que:

o   Sinalan

o   Xulgan

o   Exclúen

o   Separan

o   Diferenzan... ás persoas, e esquecen que somos irmáns/ás.

Deste xeito atoparemos sentido, razón e por que deste tempo previo á gran celebración da fe dos seguidores de Xesús: a pascua.

·      Indo paseniñamente, ao longo destas cinco semanas, por este vieiro, poderemos proclamar, con honestidade e verdade, a afirmación do credo na que dicimos: creo na resurrección. Pois moitas veces da a impresión que non acabamos de crer que aquí está o centro, a razón e a plenitude da nosa fe. Traballemos tamén nós cada día para que, coma Nicodemo para pasar da tebra á luz.

Oración compartida

            Querendo pasar tamén nós, Señor, da tebra á luz, dicimos comunitariamente na oración: Que a luz da túa palabra, ilumine o noso camiño, Señor.

·      Para que aprendamos a recoñecerte nos sinais do noso mundo, e non miremos cara atrás con nostalxia, esquecendo que a Igrexa ha ser sempre e en cada momento Sacramento universal de salvación. Oremos. Que a luz da túa palabra, ilumine o noso camiño, Señor.

·      Para que  fagamos das nosas parroquias pequenas fraternidades onde as nosas relacións estean guiadas pola busca do entendemento e non do enfrontamento. Oremos. Que a luz da túa palabra, ilumine o noso camiño, Señor.

·      Para que nos esforcemos por non xulgar, excluír, esquecer ou facer invisibles ás persoas. Oremos. .Que a luz da túa palabra, ilumine o noso camiño, Señor.

Grazas. Señor, pola forza da túa palabra para que alente e anime sempre a nosa fe. Por Cristo o noso Señor. Amén.

Ecos de esperanza

Deus altísimo, Señor do tempo e da historia, Ti creaches o mundo por amor e non deixas nunca de derramar as túas bendicións sobre as túas criaturas. Ti, máis alá do océano do sufrimento e da morte, máis alá das tentacións da violencia, da inxustiza e da ganancia inicua, acompañas aos teus fillos e as túas fillas con tenro amor de Pai.

Pero nós persoas desagradecidas dos teus dons e absortos nas nosas preocupacións e ambicións demasiado terreas, a miúdo temos esquecido os teus designios de paz e de harmonía. Témonos pechado en nós mesmos e nos nosos intereses particulares, e indiferentes a Ti e  aos demais, temos atrancado as portas á paz. Deus de misericordia e Señor da luz. Tamén nós, namentres te confiamos ás numerosas vítimas do odio do home contra el home, invocamos o teu perdón e  suplicamos a graza da conversión. ( Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...