Ir al contenido principal

5 Domingo Coresma 2021 b


Traballemos por ser semente de credibilidade para xermole e dea os mellores froitos
Cantos.-

            Entrada.- Amóstrame, Señor, os camiños da vida ( 20 )

            Lecturas.-  Ide e pregoade ( 55 )

            Ofertorio.- Na nosa terra  ( 36 )

            Comuñón.-  Quédate, Señor, connosco ( 63)

Mirada de esperanza

            A coresma lévanos a camiñar do entroido á Pascua, sendo este un camiño no que se nos propón ir deixando atrás a invernía que entumece o noso corazón e baleira a nosa vida. Se somos capaces de facer este camiño sen présa e fixándonos onde imos poñendo os pés, acolleremos, coa alegría que transforma o corazón, a chegada da primavera pascual que chama a sementar, florecer e dar froitos de boas obras. Para que iso poida ser así, temos que deixar que morra a tentación do eu para deixar que creza o nós de unión, fraternidade e vivencia comunitaria.

            Acheguémonos logo ao altar con esta disposición, de xeito que poidamos saír da celebración co sorriso nos ollos e a alegría no corazón.

Corazón de misericordia

  • Porque non sempre somos capaces de dicir non á tentación individualista. Señor, sementa en nós fraternidade.
  • Porque non sempre adoitamos actitudes renovadoras e transformadoras dos nosos comportamentos.Cristo, sementa en nós fraternidade.
  • Porque non sempre deixamos morrer todo canto endurece o corazón e nos fai insensibles a o dos demais. Señor, sementa en nós fraternidade.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XEREMÍAS

Velaquí os días

‑é o Señor quen fala‑

nos que pactarei coa casa de Xudá e co reino de Israel

unha alianza nova;

non coma a alianza que pactei cos seus pais,

o día no que os collín pola man

para os sacar do país de Exipto;

pois eles quebrantaron o meu pacto,

aínda que eu seguín sendo o seu Señor

‑é o Señor quen fala‑.

Velaquí o pacto que eu hei pactar coa casa de Israel

despois deses días ‑é o Señor quen fala‑:

Hei mete-la miña lei nas súas entrañas,

escribireina nos seus corazóns,

serei para eles o seu Deus,

e eles serán para min o meu pobo.

Xa ninguén terá que instruí-lo  compañeiro,

xa ninguén terá que instruí-lo seu irmán,

dicíndolle: "Respectade o Señor";

senón que todos eles me farán caso,

desde o máis noviño ó máis grande

‑é o Señor quen fala‑,

pois eu perdoaréille-la súa iniquidade,

e xa non me lembrarei máis dos seus pecados. Palabra do Señor. Grazas a Deus.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Algúns dos que subían a adorar no día da Festa eran gregos. Achegáronse a Felipe, o de Betsaida de Galilea, e pedíronlle: 

‑Señor, queremos ver a Xesús.

Foi Felipe e díxollo a Andrés; Andrés e mais Felipe foron dicirllo a Xesús. Xesús respondeulles:

‑Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do Home. Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra pero non morre, quedará el só; pero se morre, dará froito abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estou eu, estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve, hao honra-lo Pai. Agora o meu espírito está turbado. ¿E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? ¡Pero se para iso cheguei a esta hora! Pai, glorifica o teu Nome.

Chegou entón unha voz do ceo:

‑Xa o glorifiquei, e glorificareino aínda de novo.

O oílo o xentío alí presente, dicía que fora un trono; outros dicían: "faloulle un anxo". Xesús interveu dicindo:

‑Esta voz non foi por min, senón por vós. Agora é o xuízo deste mundo; agora ó príncipe deste mundo vano botar fóra. E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min.

Dicía isto, indicando de que morte había de morrer.  

Palabra do Señor. Gloria a ti, Señor Xesús.

Palabra remoída

·      Os textos da palabra de Deus que hoxe temos proclamado achégannos unha imaxe de Deus acolledora, sensible ás nosas ledicias e tristuras, e verdadeiramente preocupada por ofrecernos tenrura, sincera e sinxela, do seu amor. Vémolo na primeira lectura que temos escoitado do profeta Xeremías. Deus non nos quere illados, enfrontad@s  nin tampouco ausentes das preocupacións que cada día vivimos. El chámanos a estar permanentemente en atención para que nunca ninguén, pola nosa culpa, se vexa esquecid@ polo desprezo de quen non quere recoñecer que somos imaxe e dignidade compartida de Deus. Isto supón que nos afastemos da tentación de utilizar aos demais para a nosa comenencia, de xeito que só valgan en función do noso propio interese. Ese non é nin o camiño nin a proposta que sae da Palabra de Deus que, sempre que nos reunimos, proclamamos nas nosas celebracións. Esta palabra que nos esperta do soño de entender a Deus coma un super solucionador de problemas ou amaña buratos no canto de recoñecelo como Aquel que comparte e acompaña ledicias e tristuras, nosas e das demais persoas, urxíndonos tamén a nós a ser compaña neste camiño no que nos imos atopando, de xeito que ninguén se sinta, quede ou se vexa só e no esquecemento. Esa é a Alianza á que nos chama; unha Alianza que se funde nas raíces dunha fe compartida como Pobo de Deus e urxida a ser vivida como comunidade que fai a Igrexa.

·      Neste proceso de discernir cal ha ser o noso camiño e como ilo facendo, Xesús preséntasenos como o referente desde quen xurde a invitación a seguilo. Pero non desde un seguimento teórico, abstracto ou periférico; non, todo o contrario, o seguimento de Xesús enraízase na vida e chama a dar froitos desde o noso bo actuar. Un actuar que ten nome de poñer ollos, mans e corazóns nas persoas; de coidar o mundo como casa compartida onde a todas e todos nos vai a vida cando non queremos, ou permitimos que fagan del simple uso para que uns poucos se enriquezan a conta de deixar na miseria e no empobrecemento aos máis débiles. Un actuar, en fin, que non esqueza que si, que somos arxila, é dicir fráxiles, pero unha fraxilidade tamén compartida por Xesús, quen se fixo coma nós, e chamada a facerse axuda e colaboración cando imos poñendo o mellor de nós ao servizo, non duns poucos, e si ao servizo de todas e todos.

·      E como nos di o evanxeo, para que iso poida ser dese xeito, precisamos morrer a nós mesmos para que vaian nacendo novos proxectos, ilusións, esperanzas... A imaxe do gran que cae na terra e ten que podrecer é unha imaxe moi potente para entender o que Xesús quere dicir. Namentres nós imos entregándonos aos demais, ese desgastes é pulo de esperanza e relevo de continuidade para todas aquelas persoas que o reciben é comparten. Abrimos deste xeito unha alborada nova de crecemento e esperanza que, cando chegue o momento, dará o relevo a quen veña tras deles e delas. Nunha palabra, a vida é un permanente continuo no que as persoas nos imos implicando sen mirar atrás e buscando ofrecer os mellores froitos de igualdade, respecto, xustiza, entendemento, acollida... e sempre como anuncio evanxélico dunha plenitude que agardamos.

Oración compartida

Neste podrecer para que novas experiencias poidan xermolar, diriximos a Deus a nosa oración e dicimos: que xermolemos, Que xermolemos, Señor, en fraternidade.

·      Para que traballemos cada día por ser unha Igrexa que morre a si mesma e rexurde para os demais no seu compromiso de solidariedade e acollida. Oremos. Que xermolemos, Señor, en fraternidade.

·      Para que nas nosas parroquias esquezamos o que desune, e traballemos por todo canto nos leva a estar pendentes unhas persoas das outras. Oremos. Que xermolemos, Señor, en fraternidade.

·      Para que nós, desterrando a tentación individualista, nos esforcemos por crear espazos de encontro, escoita e colaboración, alí onde esteamos. Oremos. Que xermolemos, Señor, en fraternidade.

Acolle, agarima e acompaña esta oración que poñemos nas túas mans. P.X.N.S. Amén.

Ecos de esperanza

Só desde o amor a liberdade xermola;
só desde a fe van crecéndolle as ás.
Desde os cimentos do corazón esperto,
Desde a fonte clara das verdades últimas.
Ver ao ser humano e ao mundo coa mirada limpa e o corazón preto.
Soñar, amar, servir,
e esperar que me chames,
Ti, Señor, que me miras,
Ti que sabes o meu nome.

(Bernardo Velado)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...