(Quen preside/dirixe a celebración, comeza poñéndose en actitude de adoración diante do monumento.)
Da cruz de Xesús ás cruces do noso tempo
CANTOS
Entrada.- Seguirei os teus pasos (Nº 103)
Lecturas.- Ergo os meus ollos (Nº 112)
Adoración da cruz.- Pai, Pai
Comuñón. Acharte presente (Nº 51)
SEGUIREI OS TEUS PASOS
A sobriedade marca a liturxia do Venres Santo. A celebración de hoxe invita ao silencio, á revisión interior, a facer a nosa reflexión sobre cales son as nosas decisións: desde onde as tomamos, se somos conscientes de que non sempre acertamos, de incorporar a fraxilidade e a capacidade de equivocarse no discernimento previo...
Non estamos a falar de si somos dun ou doutro equipo, de algo accesorio, senón de cales son as liñas mestras desde onde queremos camiñar na vida. Esas liñas que nos orientan e nos van dicindo que non todo é igual nin que tampouco todas as decisións teñen nin o mesmo valor nin as mesmas consecuencias.
A celebración de hoxe chámanos, desde a palabra proclamada e ante a cruz, a non deixarnos enganar polo aparente. Porque a dor, a tristura, a enfermidade, o fracaso... son aspectos da vida dos que, inda que queiramos, non imos escapar. Hoxe somos invitados e invitadas a poñer os ollos e o corazón na cruz de Xesús. Dispoñámonos a participar desde a sinceridade de quen está hoxe aquí nunha decisión libre.
UNÍNDONOS NUNHA MESMA VOZ
Lembra, Señor, que a túa tenrura e a túa misericordia son eternas. Santifica ás túas fillas e aos teus fillos e protéxeos sempre, pois Xesucristo, o teu Fillo, no noso favor instituíu por medio do seu sangue o misterio pascual. P.X.N.S. Amén.
ATENDENDO AO ECO DA PALABRA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Velaí: o Excelso, o Sublime, o Altísimo daralle éxito ó seu Servo. A grande multitude quedará abraiada ante el, pois o seu aspecto non parecía o dun home.
Non tiña beleza nin esplendor; vímolo, e o seu aspecto non era atraente. Desprezado, o máis rexeitado dos homes, varón de sufrimentos, familiarizado coa dor. Coma alguén de quen se esconde a cara, desprezado, non lle tivemos aprecio.
El cargou coas nosas dores, el soportou os nosos sufrimentos. Nós considerámolo ferido. Pero foi ferido por causa das nosas rebeldías, foi esmagado polas nosas iniquidades.
Todos nós coma rabaño andabamos perdidos, cada un polo seu camiño. Pero o Señor puxo nel a iniquidade de todos nós. Foi oprimido, foi aflixido; pero el non abriu a súa boca. Ninguén se preocupou da súa vida.
El foi arrincado do mundo dos vivos, para o noso ben foi ferido pola rebeldía do seu pobo. Pero el verá descendencia, alongará os seus días e por medio del cumprirase a salvación do Señor.
Polos traballos da súa vida verá a luz, alcanzará a sabedoría. O Xusto volverá xusto o seu Servo para o ben de moitos.
Palabra do Señor.
Grazas a Deus
PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO XOÁN
Saíu Xesús cos seus discípulos para a outra banda do regueiro Cedrón, onde había unha horta, na que entrou el e mailos seus discípulos. Tamén Xudas, o que o había entregar, coñecía aquela horta, pois en moitas ocasións estivera alí Xesús cos seus discípulos. Xudas levaba a patrulla e a garda dos sumos pontífices e dos fariseos, chegou alí con farois, fachos e armas. Entón Xesús, sabendo todo o que lle viña enriba, adiantouse e preguntoulles:
- A quen buscades?
Respondéronlle:
- A Xesús de Nazaret.
Díxolles El:
- Eu son.
Levárono primeiro onda Anás, que era sogro de Caifás, o Sumo Sacerdote daquel ano.
Seguían a Xesús Simón Pedro e mais outro discípulo. Este discípulo, por ser coñecido do Sumo Sacerdote, entrou con Xesús no adro do palacio do Sumo Sacerdote. Pedro estaba fóra, na porta. Entón saíu o outro discípulo ‑o coñecido do Sumo Sacerdote‑, falou coa porteira, e fixo entrar a Pedro. A porteira preguntoulle a Pedro:
- ¿Non es tamén ti dos discípulos dese home?
El contestou:
- Non son.
O Sumo Sacerdote interrogou a Xesús acerca dos seus discípulos e da súa doutrina. Xesús respondeulle:
- Eu falei á vista do mundo, publicamente; eu sempre ensinei na sinagoga e no templo, onde se xuntan tódolos xudeus, e non falei nada ás agachadas. ¿Por que me preguntas a min? Pregúntalles ós que me oíron de que lles falei: eles saben ben o que dixen.
O dicir isto, un dos gardas alí presentes, deulle unha labazada a Xesús, dicindo:
- Así lle respondes ó Sumo Sacerdote?
Xesús replicoulle:
- Se falei mal, demóstrame en que; e se falei ben, ¿por que me pegas?
Entón Anás mandouno amarrado onda Caifás, o Sumo Sacerdote.
Estaba Simón Pedro de pé, quentándose, e preguntáronlle:
- Non es tamén ti dos seus discípulos?
El negouno, dicindo:
- Non son.
Un dos criados do Sumo Sacerdote, parente daquel a quen Pedro lle cortara a orella, replicoulle:
- E logo non te vin eu na horta con el?
Pedro negou outra vez; e naquel intre empezou a cantar un galo.
Levaron entón a Xesús de onda Caifás ao Pretorio.
Díxolles entón Pilatos:
- Collédeo vós e xulgádeo segundo a vosa Lei.
Entón entrou Pilato outra vez no Pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:
- Es ti o Rei dos Xudeus?
Xesús respondeu:
- Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
Pilato replicou:
- ¿E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: ¿que fixeches?
Xesús contestoulle:
- O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase ós xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
Díxolle entón Pilato:
- Logo ti es Rei?
Xesús respondeu:
- Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ó mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.
Pilato preguntoulle:
- Que é a verdade? Pero Xesús non lle deu unha fala.
Colleron a Xesús. Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. Alí crucificárono xunto con outros dous, un a cada lado, e Xesús no medio.
Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo:
- "Teño sede"
Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. Cando probou Xesús o vinagre dixo:
- Está cumprido.
E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.
Entón os xudeus, como era o Día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado ‑pois era grande aquel día de sábado‑, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.
Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlle-las pernas ó primeiro e mais ó outro que crucificaran con el. Pero ó chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.
Quen o viu, dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: "Non lle crebarán óso ningún". E noutro lugar di: Han mirar para quen traspasaron.
Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús ‑anque ás agachadas, por medo ós xudeus‑, rogoulle a Pilato que lle deixase retira-lo corpo de Xesús. Pilato accedeu. Foi e retirou o corpo. Foi tamén Nicodemo ‑aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite‑, levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras.
Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. No sitio onde crucificaran a Xesús había un xardín, e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén. Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca.
Palabra do Señor.
Grazas a Deus
PARA QUE REMOA DENTRO DE NÓS
· Ao redor das tres negacións de Pedro, podemos facer hoxe o remuíño da palabra. Preguntémonos entón se somos das persoas que tamén, segundo a comenencia, negamos as nosas conviccións, os valores, as nosas amizades, cando non convén dicir que compartimos amizade. Tal e como fixo Pedro, que como vemos era daqueles aos que se lle podería aplicar o refrán que di: “Polo interese quérote Andrese”. Loitemos logo para non caer este negacionismo que nos vai baleirando de conviccións, principios, valores, e mesmo persoas, para deixarnos na ”kénose” secular do nihilismo que a nada lle atopa sentido, e é incapaz de ser albisco de esperanza..
· A segunda idea é a que nos leva a recalcar que non debemos confundir nunca, por moito que o escoitemos dicir a uns e a outr@s, desesperación con cruz. Pois namentres a primeira é nada baleirada de contido e perda de calquera horizonte; a segunda ábrenos a camiños de futuro e plenitude. A cruz, é verdade, supón dureza, dor, incomprensión... pero ten final. E este é un final cheo de sentido e plenitude: inda que foi duro o camiño, pagou a pena. E esta gran nova só a podemos sentir ao abeiro de cruz de Xesús. Á que logo faremos recoñecemento co xesto da adoración.
ORACIÓN UNIVERSAL
Rezamos a oración universal, e fagámolo dirixíndonos ao Señor e sentindo a súa forza, para que non sexamos nós os negacionistas da dignidade de toda persoa. Fagámolo dicindo:
QUE APRENDAMOS A CAMIÑAR POÑENDO OS NOSOS OLLOS EN QUEN VIVE NA CRUZ DA FALTA DE RECOÑECEMENTO
1. Pola Igrexa. Para que sendo unha Igrexa en saída, estea sempre atenta a loitar e defender a dignidade de toda persoa ameazada e cuxa vida non é valorada. Oremos: Que aprendamos a camiñar poñendo os noso ollos en quen vive na cruz da falta de recoñecemento.
2. Polo papa Francisco. Para que o seu testemuño sexa pulo de compromiso renovador dunha Igrexa disposta a facer do Evanxeo camiño cotián. Oremos: Que aprendamos a camiñar poñendo os noso ollos en quen vive na cruz da falta de recoñecemento.
3. Polas comunidades cristiás. Para aprendamos a xestionar as nosas cruces: poucos, maiores, ritualistas, invisibles, faltos de alegría... sen deixar que a desilusión e o conformismo nos fagan perder a frescura á que nos invita Xesús. Oremos: Que aprendamos a camiñar poñendo os noso ollos en quen vive na cruz da falta de recoñecemento.
4. Pola unidade dos cristiáns. Para que non teñamos medo a camiñar buscando camiños conxuntos no que nos une, e non fagamos exclusión nin poñamos tensión nos que nos diferenzan. Oremos: Que aprendamos a camiñar poñendo os noso ollos en quen vive na cruz da falta de recoñecemento.
5. Polas persoas que non cren. Para que o noso testemuño, a nosa maneira de estar no mundo e facer del casa común, sexa o mellor testemuño para abrir vieiros de fraternidade, igualdade e respecto . Oremos: Que aprendamos a camiñar poñendo os noso ollos en quen vive na cruz da falta de recoñecemento.
6. Polas persoas descartadas e excluídas, vítimas do esquecemento, a manipulación, o engano e o abusos. Para que nós non caiamos nunca na tentación de escurecer a ninguén. Porque só defendendo a igualdade que ti, Señor, nos concediches de ser imaxe e semellanza túa, poderemos levar con dignidade o nome de cristiás e cristiáns. Oremos: Que aprendamos a camiñar poñendo os noso ollos en quen vive na cruz da falta de recoñecemento.
Deus do consolo e da escoita, fai que as persoas que se senten oprimidas e desesperanzadas atopen en Ti o agarimo que as leve a loitar con forza e sen desmaio contra as dificultades que as azoutan. PXNS. Amén.
ADORACIÓN DA CRUZ
Comeza este momento poñendo a cruz, cuberta, diante do altar. Quen preside/dirixe vaina descubrindo, namentres vai cantando: “mirade a árbore da cruz onde estivo cravada a salvación do mundo”. Respondendo a comunidade: “Vinde adorala”. Despois gárdase un momento de silencio diante da cruz, á vez que se invita a toda a comunidade a facer o mesmo desde o banco.
COMUÑÓN
Comezamos a última parte da celebración de hoxe dirixíndonos ao lugar onde temos colocado o Pan consagrado na celebración do Xoves. Levámolo ao altar.
· NOSO PAI
· Año de Deus
· Distribución da comuñón
ORACIÓN FINAL
Rematamos en silencio, namentres, coas mans estendidas, quen dirixe a celebración realiza a seguinte oración:
Que a túa bendición, Señor, descenda con abundancia sobre esta comunidade, que ten celebrado a morte do teu Fillo coa esperanza da súa santa resurrección; veña sobre ela o teu perdón, concédelle o teu consolo, acrecenta a súa fe, e consolida nela a redención eterna. P.X.N.S. Amén.
Comentarios