Ir al contenido principal

Xoves Santo 2021

 Tarde de amor vivido, celebrado e compartido

CANTOS

 

Entrada: Déixate querer (Nº 61)

Lecturas: O amor é o meirande (Nº 120)

Ofertorio: Onda ti, noso Pai (Nº 121)

Comuñón: Pan do ceo, pan de vida (Nº53)

        Procesión ao Monumento: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)

DEIXÁNDONOS QUERER

         Comezabamos cantando Déixate querer. Toda unha invitación a poñer o mellor de cada un/ha de nós, para poder celebrar con paz, esperanza e dispoñibilidade este encontro comunitario de Xoves Santo. E que mellor que facelo deixándonos querer por Aquel que, pasou facendo o ben, e nos deixou  este sinal de Mesa compartida para facer memoria agradecida da súa presenza.

         Poñamos logo o mellor de nós para saír da celebración co fortalecemento de quen non se vén abaixo nas dificultades nin tampouco se retrae ante canto nos pide facer da fraternidade luz e guía da nosa vida.

NA GRANDEZA DO SEU AMOR MISERICORDIOSO

·      Polas faltas de amor coas que puxemos distancia na relación coas demais persoas; SEÑOR, QUE ENDEREITEMOS OS NOSOS PASOS.

·      Porque a présa lévanos a pasar diante de quen temos ao lado con indiferenza;CRISTO, QUE ENDEREITEMOS OS NOSOS PASOS.

·      Para que non perdamos nunca a capacidade de recoñecer os nosos erros; SEÑOR, QUE ENDEREITEMOS OS NOSOS PASOS.

LITURXIA DA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Irmáns e irmás: 

Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña". Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en lembranza miña".

Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciáde-la morte do Señor, ata que El volte.

Palabra do Señor. Grazas a Deus

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara ós seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.

E mentres ceaban ‑xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase‑, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, que saíra de Deus e ía onda Deus, ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela. Despois, botou auga nunha palangana e comezou a lavárlle-los pes ós discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida. Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:

-     Señor, ¿vasme lava-los pés ti a min?

Xesús respondeulle: 

-     O que eu fago, ti non o entendes agora; halo comprender despois.

Pedro replicoulle: 

-     Ti non me lavara-los pés a min endexamais.

Xesús respondeulle: 

-     Se non te lavo, non terás parte comigo.

Exclamou Simón Pedro: 

-     Señor, daquela os pés, as mans e maila cabeza.

Dille Xesús: 

-     Quen se bañou, non precisa máis que lava-los pes, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.

Sabía quen o había de entregar: por iso dixo "non todos estades limpos".

Despois que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles: 

-      ¿Comprendéde-lo que fixen convosco? Vós chamádesme "Mestre" e "Señor" e dicides ben porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavárvo-los pés uns a outros. Deivos así un exemplo, para que, coma eu fixen convosco, así fagades tamén vós. 

Palabra do Señor. Gloria a ti, Señor Xesús.

ACHEGÁMONOS CANSOS

·      Cantas veces non temos experimentado o cansazo, a tristeza, o desacougo ou mesmo a decepción ao longo deste ano de restricións, máscaras, separación... que nos foron impedindo achegarnos a quen sabiamos que precisaba dese bico, desa aperta, dese sorriso, dese... e por prudencia, mesmo tamén as veces medo non fomos capaces de dar? Cantas veces nos tivemos folgos para facer Xoves Santo ao longo de todo este ano. Xoves Santo de amor e misericordia; Xoves santo de fraternidade compartida; Xoves Santo de humildade e sinxeleza... cantas veces! Porque a celebración de hoxe non é un simple repetir o que Xesús fixo hai dous milenios, senón experiencia vivida de amor en forma de todo aquilo que fomos capaces de facer de ben para que a nosa vida e a das persoas coas que tratamos; e tamén con aquelas que non coñecemos pero sobre as que repercuten as cousas que nós facemos. Porque o mundo no que vivimos, inda que haxa persoas que non o queiran ver, é global, e globais son os problemas e situacións que nel se viven.

·      Neste Xoves Santo, buscamos que a palabra de Deus ilumine a realidade, precaria, fráxil e limitada, na que estamos a vivir. Que sexa luz que nos leve a asentar ben os pés, sen buscar enganarnos nin crear mundos paralelos. Da realidade non podemos escapar, busquemos entón facela o máis humanizadora posible. E iso non vai depender  de ninguén máis ca de nós. Por iso esta tarde, ao repetir o xesto de Xesús de coller pan e viño e compartilo, estamos querendo dicir que estamos dispost@s a non deixar que aquelas cousas que non nos gustan, nin nos firan a nós nin firan aos demais. Porque como ben di Francisco, “todo está conectado”.

·      Nesa conexión entendemos o xesto de Xesús de achegarse, axeonllarse e poñerse a lava-los pés. Sinal de que para El, a igualdade, só concretada na servicialidade e na disposición a facer canto estea na nosa man polos demais, responde ao sentido que a Eucaristía ten para todas as persoas que repetimos aquel xesto de amor.

DE XEITO QUE A NOSA VIDA SEXA PAN COMPARTIDO

Neste Xoves Santo de Fraternidade activa e sempre viva en nós, rezamos a oración comunitaria e dicimos: QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS.

·      Para que a Igrexa sexa verdadeira servidora das persoas necesitadas do noso mundo, e non se mostre nunca como simple institución de cumprimento de normas. Oremos.

·      Para que non deixe de loitar nunca contra a tentación do poder, a posesión e a riqueza. Oremos .

·      Para que nós aprendamos cada día que unha fe que non se vive como servicio ás persoas máis pobres e necesitadas non e máis ca entretemento e antitestemuño;Oremos. 

·      Para que saibamos valorar o esforzo das persoas voluntarias nas organizacións que buscan encher e quecer estómagos baleiros e poñer sorrisos en beizos entristecidos. Oremos.

Señor, neste Xoves Santo, achegamos a nosa oración desde a mirada do amor e do servizo, pedindo a forza para non renunciar nunca a tender as nosas mans a quen nos precise. P.X.N.S. Amén.

QUÉDATE, SEÑOR, CONNOSCO

Xesús, o Señor, soubo facer da fraternidade entrega xenerosa, paciente e servizal. Levándoas ata o extremo de dar a súa vida para que agromase a verdadeira Vida. Porque o seu non era xulgar e condenar, senón servir. A Eucaristía, sinal da súa presenza entre nós, que nos chama sempre a reunirnos, é fonte de amor e pulo de loita cotiá para non deixarnos vencer nin polo que fan tod@s nin polo de sempre. O seu Corpo roto e o seu Sangue derramado son misterio de entrega e visibilidade, de que o amor é posible tamén hoxe.

TRASLADO DO SANTÍSIMO AO MONUMENTO

Silencio e canto.

Retíranse os manteis.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...