Ir al contenido principal

Domingo de Ramos 2021

 CAMIÑANDO CARA Á META PASCUA

(Toda a celebración se desenvolve dentro do templo. Atendendo ás recomendacións sanitarias que prohiben a utilización de auga, e invitan a que a celebración non sexa moi longa, facemos a bendición co cirio pascual camiñando polo corredor central; e proclamarase a versión curta da Paixón segundo Marcos).

CANTOS

Entrada: Camiñando pola vida (Nº 9)
Lecturas: As túas palabras, Señor, son espírito e vida (Nº 113)
Ofertorio: Eiquí están, Señor (Nº 32)
Comuñón.- Gracias, Señor, graciñas (Nº 50)

DISPOÑENDO O CORAZÓN

Comezamos a celebración deste domingo dentro do templo atendendo ás recomendacións sanitarias ante a situación de pandemia que estamos a vivir. Mais non por iso deixamos de celebrar o que significa para nós, persoas crentes, a celebración do Domingo de Ramos, nin tampouco prescindimos da súa bendición.
Xesús vai a Xerusalén, e nós somos invitad@s a acompañalo e a acollelo. Neste camiño tamén imos facendo memoria de todo canto nos ten ocorrido ao longo deste ano. Pensamos nas persoas que se foron, nas persoas contaxiadas que superaron a enfermidade, nas persoas que seguen hospitalizadas ou confinadas nos seus domicilios... Todas e todos fill@s de Deus.
Esta é a nova Xerusalén. Non escapemos dela. A dor, o desacougo, a fraxilidade están presentes no noso mundo e nós hoxe, querendo seguir a Xesús, non escapamos senón que uníndonos a El, queremos tamén facer o camiño para pararnos e acompañar a quen precise de nós.
Ramos e palmas son expresión desta acollida fraterna desde a que nos comprometemos a vivir este camiño pascual que hoxe comeza.
(Temos prendido o cirio pascual. Con el na man pronunciamos a bendición, baixando despois polo corredor bendicindo ramos e palmas, á vez que cantamos camiñando pola vida)

BENDICIÓN

Deus e Señor, bendice + estes ramos e estas palmas, e a todas as persoas que queremos iniciar este camiño que nos fai senti-la presenza de Cristo aclamándoo cos nosos cantos e co noso paso comunitario, un paso que nos leva do exterior ao interior, ao noso corazón, ás nosas preocupacións, tamén as nosas alegrías. Concédenos entrar na Xerusalén do ceo guiados por El, que vive e reina por sempre eternamente. Amén.

ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

· Porque moitas veces renunciamos a crecer e madurar no camiño da fe; SEÑOR, SABEMOS QUE TI NON CANSAS DE ACOMPAÑARNOS.
· Porque moitas veces dámoslle as costas a quen precisa de nós para poder camiñar; CRISTO, SABEMOS QUE TI NON CANSAS DE ACOMPAÑARNOS.
· Porque moitas veces perdémonos en escusas para non deixarnos acompañar por ti; SEÑOR, SABEMOS QUE TI NON CANSAS DE ACOMPAÑARNOS.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,
para saber instruí-lo cansado cunha palabra que o anime na mañá.
El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.
O Señor Iavé abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
Ofrecín o lombo ós que me azoutaban, e a miña cara ós que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.
Palabra do Señor. Grazas a Deus

PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS
Á mañanciña cedo, os sumos sacerdotes, os anciáns e mailos letrados ‑todo o Sanedrín‑, despois dunha reunión do Consello, amarraron a Xesús e fórono entregar a Pilato.
Pilato preguntoulle:
- Es ti o rei dos xudeus?
Respondeulle:
- Ti o dis.
E os sumos sacerdotes acusábano de moitas cousas. Pero Pilato volveulle preguntar:
- Non respondes nada? Xa ves de cantas cousas te acusan.
Pero Xesús non respondeu nada, deixando moi estrañado a Pilato.
Polas festas tiña o costume de solta-lo preso que lle pedisen. Estaba daquela na cadea un tal Barrabás, xunto cos sediciosos que nunha revolta mataran a un home. Cando subiu o xentío, empezou a reclama-lo indulto tradicional. Pilato respondeulles:
- Queredes que vos solte ó rei dos xudeus?
Pois el ben sabía que os sumos sacerdotes llo entregaran por envexa. Pero eles encirraban á xente, para que lles liberase a Barrabás. Pilato respondeu:
- E que fago eu con ese ó que lle chamades rei dos xudeus?
A xente volveu berrar:
- Crucifícao!
Pilato replicou:
- Pero, que mal fixo?
Mais eles berraban máis forte:
- Crucifícao!
E Pilato, para compracer ó pobo, soltou a Barrabás; e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Os soldados, levárono para dentro do pazo do gobernador, é dicir, do Pretorio, e chamaron a toda a compañía. Vestírono de púrpura, e trenzaron unha coroa con espiños e encaixáronlla. Empezáronlle a facer saúdos:
- Saúde, rei dos xudeus!
E cunha canivela dábanlle golpes na cabeza, cuspían nel e, axeonllándose, rendíanlle homenaxe. E despois de faceren riso del, quitáronlle a púrpura e puxéronlle a súa roupa. Despois levárono fóra, para o crucificaren.
Pasaba por alí Simón de Cirene, que volvía da leira ‑o pai de Alexandro e de Rufo‑ e obrigárono a cargar coa cruz. Levárono a un lugar chamado Gólgota, ou sexa, lugar da Caveira. Alí dábanlle viño con mirra pero non o quixo. Crucificárono e repartiron a roupa, botando sortes para sabe--lo que lle tocaba a cada un.
Era a media mañá cando o crucificaron. Un letreiro anunciaba a causa da súa condena: "O rei dos xudeus". Con el crucificaron tamén a dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
Os que pasaban por alí, burlábanse del, abaneando as cabezas, e dicindo:
- Vaites, vaites, o que destrúe o Templo e o reconstrúe en tres días! Anda, baixa agora da cruz, e sálvate!
Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, burlándose entre eles cos letrados, dicían:
- Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! O Mesías, o rei de Israel! Que baixe da cruz agora, para que vexamos e creamos!
Tamén os que estaban crucificados con el o aldraxaban.
Chegado o mediodía, a escuridade cubriu toda a terra, ata as dúas e pico da tarde. E nesa hora, Xesús berrou moi forte:
- Eloí, Eloí, lamá sabactaní (que quere dicir: "Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches").
Oíndo aquilo, algúns dos presentes comentaban:
- Oístes? Está chamando por Elías.
E un deles, botando a correr, empapou unha esponxa en vinagre, espetouna nunha canivela, e deulle de beber, dicindo:
- Deixade, a ver, logo, se vén Elías baixalo.
Pero Xesús, dando un berro moi alto, expirou.
O veo do Templo rachou en dous de arriba abaixo. O centurión, que estaba diante, oíndo o berro que deu ó morrer, dixo:
- Verdadeiramente este home era Fillo de Deus.

Palabra do Señor. Gloria a ti, Señor Xesús.

 

REMOENDO A PALABRA

Proclamamos hoxe dous textos que nos mostran a servicialidade como eixe e camiño do ser e vivir cristián. No primeiro deles o profeta Isaías trasládanos toda a fondura de quen fai da súa vida unha dispoñibilidade para cos demais. Dispoñibilidade que lle supón, en non poucas ocasións, pasar a un segundo plano para que a tarefa encomendada poida dar os seus froitos. Non escapa dela, non lle dá as costas, afróntaa, pero non para que o loen ou recoñezan, senón para que a servicialidade, actitude fundamental que sempre ha marcar o ser e vivir como crentes, se converta en fraternidade compartida proxecto de Deus.

Desde el, tamén hoxe para nós, nunca as nosas mans, tampouco as nosas palabras, e menos os nosos pensamentos han romper esta liña de continuidade do proxecto de Deus. Comezado co Pobo de Deus, e continuado desde Xesús, por nós na medida na que nos imos recoñecendo continuadores desta misión cada día; e nos imos esforzando por descubrir o rostro de Deus nos rostros dos irmáns.

Coa lectura da Paixón, esta continuidade no proxecto de Deus ten nome propio: Xesús. El asume a tarefa de ser presenza real e renovadora do amor de Deus no medio dun mundo cheo de contradicións e non poucas inxustizas. Neste domingo de Ramos, no que comezamos o camiño do paso da morte á vida; da exclusión á inclusión; da invisibilidade á visibilidade, só pode ser desde o seguimento deste camiño, para que, como Xesús, poidamos chegar á Pascua leda e liberadora da resurrección de Xesús. E desde El, á resurrección de cada un e cada unha de nós. Animémonos logo a comezar este camiño. Mais non esquezamos, que ten espiños e mesmo frustración e moita fraxilidade. Pero teñamos sempre presente que apesares da dureza do camiño, no final sempre chega o triunfo.

FRATERNIDADE ORANTE

Como persoas continuadoras deste camiño iniciado por Xesús, compartimos a oración comunitaria dicindo:
ALENTA A NOSA VIDA NUN CAMIÑO FRATERNO
• Señor, que saibamos ser Igrexa que escoita e acompaña, afastándonos da tentación do totalitarismo antievanxélico, Oremos.
• Que nas nosas comunidades fagamos tamén o camiño de achegarnos a quen precise da nosa dispoñibilidade. Oremos.
• Para que neste tempo que nos invita a camiñar ata a pascua, teñamos sempre presente que non hai triunfo sen dificultades. Oremos.
Acompaña , Señor, o noso camiño , persoal e comunitario, para que ceguemos á Pascua renovados e ledos. P.X.N.S Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Es humildade e sinxeleza, Señor.
e, por riba dos ramos e palmas,
albiscamos a “hora” da túa paixón.
“Hora” chea de amor e esperanza.
Faste coma nós: fraxilidade humanizada
para que nós poidamos revestirnos da túa solidariedade divina.
Hoxe invítasnos a entrar contigo en Xerusalén.
E alí, comezar o camiño,
que pasando pola cruz,
nos ha levar á vida.
Porque a morte é paso,
e a resurrección final.
Que non desandemos nunca, Señor, este camiño!

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...