Ir al contenido principal

24 domingo TO C 2022

DOMINGO XXIV DO T.O.

PROXIMIDADE CO PRÓXIMO



CANTOS

  • ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)
  • LECTURAS: Canta o sol (Nº 22)
  • OFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
  • COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)

OLLOS ABERTOS

O Papa Francisco, por activa e por pasiva insiste na importancia da cercanía, da proximidade, da acollida, de misericordear. Fala e testemuña unha igrexa en saída, coas portas abertas. Di que a Igrexa ten que ser nai que abraza, colle no colo, bica... é dicir, é alguén que sempre está aí, alguén con quen sempre contamos.
Esa mesma chamada á proximidade que se nos fai Francisco (non esquezamos que Igrexa somos todos, non só os curas e os bispos), é a que hoxe nos fai Xesús no evanxeo. O amor de Deus vai máis alá do que nós pensamos. El, Pai-Nai, está preocupado pola sorte das persoas, porque nos quere, somos o máis valioso que ten. Non somos un máis, somos únicas e únicos. Por iso a celebración que agora comezamos invítanos a non esquecer nunca que por moi perdidos que andemos, por moi fracasados que nos vexamos, por moi mal que nos sintamos, unha cousa é ben certa: Deus anda na nosa busca. Que nunca o esquezamos.

    CORAZÓN MAGOADO

  • Porque seguimos murmurando, criticando e xulgando aos demais, aos que non fan as cousas coma nós, sen acabar de entender que ninguén ten a posesión da verdade absoluta, SEÑOR, BÚSCANOS E CONDÚCENOS A TI.
  • Porque a nosa comodidade, impídenos, tantas veces, perder o noso tempo para ir buscar e axudar a quen se atopa perdido e so diante das encrucilladas da vida, CRISTO, BÚSCANOS E CONDÚCENOS A TI.
  • Por termos esquecido que a túa xustiza se manifesta sempre de parte da xente pequena, humillada, desprezada; a quen nós temos que acubillar, SEÑOR, BÚSCANOS E CONDÚCENOS A TI.

OÍDOS Á ESPREITA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

O Señor díxolle a Moisés: "Anda, baixa da montaña, porque o teu pobo, o que sacaches de Exipto, perverteuse. Desviáronse axiña do camiño que eu lles indicara. Fixéronse un becerro de metal, próstranse diante del, ofrécenlle sacrificios e pregoan: Este é o teu Deus, Israel, o que te sacou de Exipto". E díxolle o Señor aínda a Moisés: "Vexo que este pobo ten a cerviz dura. Deixa, pois, que agora se acenda a miña ira contra eles e os consuma. Pero a ti convertereite nun gran pobo".

Entón rogou Moisés ante o Señor, o seu Deus: "¿Por que, Señor, se ten que acender a túa ira contra o teu pobo, que con moito poder e con man rexa sacaches de Exipto?

Lembra ós teus servos Abraham, Isaac e Israel, ós que con xuramento prometiches: Multiplicarei os vosos descendentes coma as estrelas do ceo, e dareilles este país de que vos teño falado, para que o herden a perpetuidade". E o Señor renunciou ó castigo co que ameazara ó seu pobo.

 

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO A TIMOTEO

Doulle grazas a Cristo Xesús, noso Señor que me fortaleceu, porque fiou en min, encomendándome o ministerio; a min que fora un blasfemo, perseguidor e inxuriador. Pero compadeceuse, porque eu obrei, por ignorancia, sen ter aínda fe; e a graza do noso Señor sobreabundou coa fe e o amor, que hai en Cristo Xesús.

 

Esta é palabra segura merecente de que todos a acollan: que Cristo Xesús veu ó mundo para salvar os pecadores, dos que eu son o primeiro. Pero por iso mesmo compadeceuse, a fin de que Cristo Xesús amosase en min, o primeiro, toda a súa paciencia coma exemplo para os que habían crer nel para lograr a vida eterna. ¡O Rei dos séculos, inmortal, invisible, único Deus: honra e gloria polos séculos dos séculos! Amén.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Os publicanos e pecadores achegábanse a Xesús para escoitalo. Por iso os fariseos e letrados murmuraban:

Este acolle os pecadores e come con eles.

Entón Xesús contoulles esta parábola:

¿Quen de vós, se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado, e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? E cando a atopa, volve todo contento para a casa, con ela no lombo; e, chamando por amigos e veciños, dilles: "Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera". Pois asegúrovos unha cousa: no ceo haberá máis alegría por un pecador que se converta que por noventa e nove xustos que non precisan conversión.

E ¿que muller que teña dez moedas e perde unha, non acende a luz, e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata atopala? E cando a atopa, chama polos amigos e veciños para lles dicir: "Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida". Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos por un só pecador que se converta.

E dixo tamén:

Un home tiña dous fillos. O máis novo díxolle ó pai: "Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde". El repartiulles os seus bens. Días despois, este fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.

 

Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade. Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coidar os porcos. Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.

Recapacitando, pensou: "¡Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. Si, vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro".

Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: "Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo".

Pero o pai díxolles ós seus criados: "Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. Preparade un cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo". E empezou a festa.

Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música e mais o baile. Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. O criado contestoulle: "Éche que volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e salvo". Entón alporizouse moito, e non quería entrar.

Pero o pai, saíndo, intentouno convencer. El díxolle: "Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para troulear cos meus amigos; e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado".

O pai contestoulle: "Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, ¿que menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo?".

PALABRA DO SEÑOR


UNHA PALABRA QUE É ALENTO NO CAMIÑO

Cantas veces temos xogado a ser pequenos tiranos, falsos deuses!. Cantas amizades perdidas por mor da nosa soberbia, da nosa autosuficiencia!. Cantas bágoas lle fixemos e lle facemos verter aos irmáns e ás irmás a causa da dureza do noso corazón!. Cantas palabras ferintes saen dos nosos beizos, sen pensar na dor que causan!. En definitiva, canta indiferenza!!!!!!!!!!!!!. E a indiferenza é, con moito, un dos peores defectos desta nosa sociedade, tan moderna, tecnolóxica e industrializada. Por que seremos así: fríos, insensibles, ególatras?. Non será acaso porque nos cremos os mellores, os xustos, “lo más de lo más”?.
Porén, a Palabra que vimos de proclamar, volve lembrarnos unha vez máis que, se algo nos ten que caracterizar como cristiáns e cristiás é a cercanía e a misericordia; esas actitudes que Deus non cansa de practicar con cada un e cada unha de nós e que nós tanto lle regateamos aos demais. Moisés é quen de suplicarlle ao Señor para que lle axude a reconducir ao seu pobo, que caera na idolatría; Paulo recoñécese seducido por Cristo, que lle axuda a superar un pasado non exento de erros. E nós?. Somos capaces coas nosas actitudes, coas nosas palabras, cos nosos comportamentos de transmitir a misericordia e a tenrura de Deus ou máis ben seguimos ancorados nun Deus vingativo, xuíz, que premia aos bos e castiga aos malos?. Se é así, quizás deberemos reler paseniñamente as parábolas que hoxe escoitamos no evanxeo e que nos falan de buscar a quen está perdido, de alentar a quen está triste, de escoitar a quen se sinte incomprendido, de acoller a quen é desprezado.... Porque moitas veces esquecemos que o punto de referencia das nosas actuacións debe ser Xesús; e por iso a nosa vida non expresa, non vive, non amosa… a fe que cremos e celebramos; por iso non estamos dispost@s a saírmos das nosas seguridades para ir na busca de quen está perdid@, desorientad@ ou esquecid@. Ou, ao mellor, si estamos dispost@s; pero non desde o respecto á súa liberdade, senón desde a imposición, desde o ordeno e mando.
Nunca tanto coma hoxe escoitamos dentro da nosa Igrexa un laio permanente polas ovellas perdidas. E é que mesmo parece que podemos afirmar, sen medo a equivocarnos, que en troques dunha ovella ou dunha moeda perdidas, sería máis propio falar de noventa e nove perdidas e unha que queda no cortello, aínda que tamén cabería dicir que ás veces esta permanencia é froito do medo, do costume, da tradición e non dunha decisión persoal. En calquera caso, teriamos que preguntarnos por que se perderon esas 99 restantes. Por iso, aínda que sexa duro, haberá que facer unha autocrítica profunda, serena e sincera sobre a Igrexa que estamos a construír e que ás veces semella máis unha secta (na que a uniformidade, a obediencia cega e a falta de cuestionamento son o máis importante), que unha familia de irmáns e irmás con xeitos de pensar e de vivir diferentes, e que non esquezamos, son froito da pluralidade do Espírito. Nós, moitas veces, considerámonos un grupo inmaculado e pechamos a nosa porta ás persoas que, por neglixencia, ignorancia ou calquera outro motivo, non levan unha vida “correcta”, segundo os nosos criterios. Ás veces somos nós, @s de dentro da propia Igrexa, @s que coa nosa intolerancia, co noso inmobilismo, cos nosos ritos baleiros e afastados da vida das persoas, cos nosos binomios bos-malos, cos nosos malos xestos e coa nosa carraxe, estamos desexando que se vaia a xente, ou alomenos os que non nos din amén a todo. A solución a este desastre atopámola na Palabra que vimos de escoitar; e é unha solución ben sinxela, aínda que esixe de nós tempo, esforzo, adicación... amor. E esta solución chámase CERCANÍA...Si, porque o antídoto para a globalización da indiferenza é a revolución da tenrura. Menuda chorrada, preguntas?. Non das creto, dis?. Fai a proba e quedarás abraiado!.
ORAMOS EN COMUNIDADE

Ao Deus do amor e da misericordia, que non cansa de ofrecernos a súa tenrura, dicímoslle:

QUE A CERCANÍA SEXA SINAL DE IDENTIDADE DA NOSA FE

QUE A CERCANÍA SEXA SINAL DE IDENTIDADE DA NOSA FE

QUE A CERCANÍA SEXA SINAL DE IDENTIDADE DA NOSA FE

  • Por cada un e cada unha de nós, que tantas veces nos sentimos perdid@s, para que saibamos redescubrir na nosa vida a ledicia de sabérmonos agarimad@s, buscad@s e sempre acompañad@s polo Deus amor, OREMOS.
QUE A CERCANÍA SEXA SINAL DE IDENTIDADE DA NOSA FE

Grazas, Señor, por seres para nós compás e caxato no camiño da vida. Que a pesares das dificultades e dos nosos erros, sempre nos sintamos acompañad@s por Ti. P.X.N.S. 

ALENTO NO CAMIÑO

E DIXO DEUS...


Se ninguén te ama, a miña ledicia é amarte.
Se choras, estou desexando consolarte.
Se es feble, dareiche a miña forza e a miña enerxía.
Se es inútil, eu non podo prescindir de ti.
Se estás baleiro, a miña tenrura encherate.
Se tes medo, lévote no meu colo.
Se queres camiñar, eu irei contigo.
Se me chamas, eu veño sempre.
Se estás canso, son o teu descanso.
Se pecas, son o teu perdón.
Se precisas de min, dígoche: Estou aquí, dentro de ti.
Se estás ás escuras, son lámpada para os teus pasos.
Se queres conversar, eu escoito sempre.
Se me miras, verás a verdade do teu corazón.
Se todos te esquecen, as miñas entrañas estremécense lembrándote.
Se es silencio, as miñas palabras vivirán no teu corazón.
Se non tes a ninguén..., tesme a min.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...