Ir al contenido principal

25 Domingo TOC 2022

 Sempre é tempo de cambiar e comezar de novo. Superemos a tentación do inmobilismo

CANTO GOZOSO

ü Entrada: Non vou só   (Nº 60)

ü LecturasAs túas palabras, Señor, son Espírito e vida  (  )

ü Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)

ü Comuñón: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)



ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

O inmobilismo é coma ese aire que parece que non fai mal, pero que acaba causándonos non poucos problemas de toses ou gripes. Si, porque o inmobilismo é actitude de quen, créndose na verdade. mira aos demais por riba do ombreiro, con distancia, con superioridade. Como diciamos o domingo pasado, con arrogancia.
Porén Xesús preséntase noutra onda totalmente distinta. Invita ao cambio, a avanzar, a deixar de mirar atrás, a non ter medo a saír das zonas de conforto que tanto dano nos acaban facendo.
Esforcémonos por superar actitudes inmobilistas, e non teñamos nunca medo ao cambio, á renovación, a apostar por poñer en marcha novos proxectos que aleden e cambien as nosas actitudes para ben.

ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

· Pola nosa falta de ilusión. SEÑOR, SEGUE A CAMIÑAR AO NOSO LADO
· Pola nosa ausencia de esperanza para afrontar proxectos e propostas. CRISTO, SEGUE A CAMIÑAR AO NOSO LADO.
· Polas veces nas que a tristura ocupou o posto da alegría na nosa vida. SEÑOR, SEGUE A CAMIÑAR AO NOSO LADO.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE AMÓS

Escoitade isto, vós que asoballades o pobre e exterminades a xente humilde do país; vós que dicides: "¿cando pasará o festivo da lúa nova para vendermos o trigo e o sábado para fornecer o gran traficando ata co salvado, para minguar a medida, aumentar o prezo e defraudar con balanza falsa, para mercarmos por diñeiro o mendigo e o pobre pola débeda dun par de sandalias?".
Xura Iavé pola soberbia de Xacob: "Endexamais non esquecerei os seus delitos.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A TIMOTEO


Benquerido irmán:

Recomendo primeiro de todo que se fagan peticións, oracións, súplicas, accións de grazas en favor de todos os homes, polos reis e por todos os que ocupan altos cargos, para que poidamos ter unha vida calma e serea baseada no pleno respecto mutuo e na decencia. Isto é fermoso e grato a Deus noso Salvador. El quere que todos os homes se salven e cheguen ó coñecemento da verdade.

Porque hai un único Deus e un único mediador entre Deus e os homes: o home Cristo Xesús, que se entregou coma rescate por todos. Tal é o testemuño dado no tempo oportuno. A min fíxome o seu pregoeiro e apóstolo ‑digo a verdade e non minto‑, mestre dos xentís na fe e na verdade.
Por iso quero que en todos os sitios recen os homes levantando as mans limpas, sen ira nin discusións.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Xesús díxolles tamén ós seus discípulos:
- Dunha vez había un home rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar cos bens. Chamou por el e díxolle: "¿Que é iso que sinto falar de ti? Dáme conta da túa administración, que quedas despedido".
O administrador púxose a cavilar: "¿E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. ¡Ora! ¡Xa sei o que vou facer para que cando me despidan haxa quen me acolla na súa casa!".
Vaise, e chama por cada un dos debedores do seu amo e pregúntalle ó primeiro: "¿Ti canto lle debes ó meu amo?". El respondeulle: "Débolle cen bocois de aceite". El díxolle: "Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta".
Despois preguntoulle ó segundo: "¿Ti canto debes?". Respondeulle: "Debo cen ferrados de trigo". Díxolle el: "Pois colle o teu recibo e escribe oitenta".
O amo loou a aquel administrador inxusto pola astucia con que actuara, pois os fillos deste mundo son máis asisados nas cousas deles cós fillos da luz.
Por iso eu avísovos:
- Facede amigos coas riquezas inxustas, para que cando vos falten, vos acollan nas moradas eternas. Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no pouco, tamén será inxusto no moito. Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, ¿quen vos vai confiar a verdadeira? E se no alleo nos sodes fieis, ¿quen vos vai confiar o voso? Ningún criado pode servir a dous amos, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro; ou ben atende a un e menospreza o outro. Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.
PALABRA DO SEÑOR

PALABRA REMOÍDA

Dos textos da palabra de Deus que vimos de escoitar podemos entresacar tres afirmacións que, fiadas entre si, pódennos axudar non só a comprender esta palabra, senón tamén a atopar razóns desde a que concretala na nosa vida.
· Escoitade isto, vós que asoballades o pobre e exterminades a xente humilde do país: Que importante e que necesario é facer unha lectura crente da realidade. Que importante e que necesario é ter os ollos e os oídos ben abertos. Que importante é poñer os pés a ras de chan; é dicir, non mirar para outro lado diante das situacións, moitas veces duras e difíciles, polas que están a pasar as persoas, especialmente as máis vulnerables. No noso mundo a utilización das persoas que denuncia Amós é o noso pan de cada día. Unhas persoas con rostro e nome; persoas creadas a imaxe e semellanza que son utilizadas como simples monicreques, persoas ás que se lles nega o pan e a sal; persoas das que se saca tallada para o propio beneficio. E nós moitas veces, no canto de poñer ollos, corazón e mans ao seu servizo, o que facemos é poñer distancia, continuar a vivir na nosa burbulla particular e afastada da realidade do que lles pasa. É máis, en non poucas ocasións deixámonos ir, no nome das tradicións, o inmobilismo e o medo a mirar cara adiante e apostar por cambios que nos fagan mellores persoas, máis felices e seguidoras verdadeiras de Xesús.



· Quero que en todos os sitios recen os homes levantando as mans limpas, sen ira nin discusións: Abrir os ollos, os oídos e o corazón ha de ir acompañada dunha actitude fundamental para comprender e non dar as costas; unha actitude que non é outra quen a paciencia. Como nos custa ser persoas pacientes! Como nos custa poñer tempo, e ás veces mesmo distancia, para que as cousas poidan ser comprendidas en todas e cada unha das dimensións/aspectos que as compoñen! Temos que ter conciencia de que moitas veces facemos mal, producimos dano, e levamos dor a moitas persoas. Sabelo é o primeiro paso para cambiar e ser de outro xeito. Entón si que terá valor, sentido e forza a oración.



· Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro: Non ter medo a saír e arriscar. Saír buscar porque falta alguén; un alguén que no está no número, senón nas persoas reais e concretas; con nome e nas situacións nas que viven. Sen creacións artificiosas. Tamén nós hoxe temos que baixar da montaña, armarnos de paciencia e saír buscar. E a busca non é ofrecendo triunfos, premios e poder. Ao contrario, a busca ha estar marcada pola sinxeleza do actuar e o ofrecemento a participar e colaborar en todo proxecto que supoña que non nos deixamos levar polo interese e si polo servizo. Só deste xeito poderemos aledarnos de estar xuntos, de estar máis, de estar ao servizo de proxecto de Xesús que movéndose na alegría camiña sempre con esperanza.

COMPARTINDO O QUE NOS UNE

Rezamos comunitariamente desde a convicción do valor da oración compartida dicindo:
SEÑOR, QUE NON TEÑAMOS MEDO A SAÍR E ESCOITAR.
  • Para que non deixemos que o inmobilismo aniñe na nosa vida. Oremos. Señor, que non teñamos medo a saír e escoitar.
  • Para que non pensemos que a comodidade e as nosas zonas de conforto nos fan persoas máis fieis e máis boas. Oremos. Señor, que non teñamos medo a saír e escoitar.
  • Para que sempre valoremos e potenciemos o traballo en común, colaborativo, participativo e social. Oremos. Señor, que non teñamos medo a saír e escoitar.
Grazas, Señor, por deixarnos acubillar ao teu lado cando nos sentimos desacougados e esquecidos das demais persoas. P.X.N.S. Amén.

AGRADECENDO O DON DA FE

"Líbranos de converternos nunha Igrexa de museo, fermosa pero muda, con moito pasado e pouco futuro".
Estou seguro de que o Espírito guiaranos e daranos a graza para seguir adiante xuntos, para escoitarnos reciprocamente e para comezar un discernimento do noso tempo, sEndo solidarios coas fatigas e os desexos da humanidade.
Se non se cultiva unha praxe eclesial que exprese a Sinodalidade de maneira concreta a cada paso do camiño e do obrar, promovéndo a implicación real de tod@s e cada uno/a, a comuñón e a misión corren o perigo de quedarse como termos un pouco abstractos. A participación de tod@s é un compromiso eclesial irrenunciable!". (Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...