Ir al contenido principal

4 domingo TO B 2024

 

 

LER OS SINAIS DOS TEMPOS CON AUTORIDADE, QUE NON CON AUTORITARISMO

CANTO GOZOSO

 

ö ENTRADA: Con ledicia vimos (Nº 3)

ö LECTURAS: Benaventurados (Nº 119)

ö OFERTORIO: Déixate querer (Nº 61)

ö COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)

 

PARA NON PERDER O PASO

Hai case sesenta anos, alá polo ano 1965, o Concilio Vaticano II sinalaba nun dos seus documentos o deber da Igrexa de “escrutar a fondo os sinais dos tempos e interpretalos á luz do Evanxeo”. Xa choveu desde aquela, mais esta frase segue interpelándonos a todas as persoas que formamos a Igrexa de Xesús e, se cadra, hoxe máis ca nunca.

Si, porque a pesares da ambigüidade dos sucesos humanos é na historia onde Deus chama, é na historia onde se concreta a vocación da persoa. Por iso cómpre rastrexar nos acontecementos do mundo as chamadas de Deus.

A iso somos convidadas e convidados hoxe dun xeito especial: a ser profetas do Señor.

CO CORAZÓN FERIDO

û  Porque en demasiadas ocasións confundimos autoridade con autoritarismo; SEÑOR, AXÚDANOS A ENDEREITAR O RUMBO.

û  Porque non queremos comprometernos a fondo co Evanxeo, Boa Nova de salvación e liberación; CRISTO, AXÚDANOS A ENDEREITAR O RUMBO.

û  Porque nos deixamos levar do pesimismo e da negrura dos profetas de calamidades, SEÑOR, AXÚDANOS A ENDEREITAR O RUMBO.

O AGASALLO DA PALABRA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO

 

Díxolle Moisés ó pobo:

A un profeta coma min farao xurdir o Señor, o teu Deus, no medio de ti, de entre os teus irmáns. Facédelle caso, tal como llo pediches ó Señor, o teu Deus, no Horeb o día de asemblea, dicindo: Non quero seguir escoitando a voz do Señor, meu Deus, nin ver máis esta grande labarada, para non morrer. E entón o Señor díxome: Fixeron ben en dicir isto. Fareilles xurdir un profeta coma ti do medio de seus irmáns e porei as miñas palabras na súa boca e falaralles todo o que eu lle mande, e a aquel que non lles faga caso ás miñas palabras, as que o profeta anuncie no meu Nome, eu pedireille contas. Pero o tal profeta, se ten o atrevemento de dicir no meu Nome cousas que eu non lle mandei dicir e fala no nome de deuses alleos, entón morrerá ese profeta.

PALABRA DO SEÑOR.

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO Á COMUNIDADE DE CORINTO

 

Irmás e irmáns:

 

Eu quixera vervos libres de preocupacións. O non casado preocúpase das cousas do Señor, da maneira de lle agradar. Pero o casado preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar á muller; e así está repartido. A muller non casada, o mesmo cá rapaza solteira, preocúpanse das cousas do Señor, procurando seren santas de corpo e alma. Pero a casada preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar ó seu home. Dígovos isto polo voso propio interese, non para vos amarrar botándovos un lazo; ó contrario, para vos guiar no que é honesto e leva sen divisións ó Señor.

PALABRA DO SEÑOR.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

Viñeron a Cafarnaúm, e, ó chega-lo sábado, Xesús púxose a ensinar na sinagoga.

Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar: ‑¿Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaret? ¿Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti: ti e-lo Santo de Deus.

Xesús mandoulle: ‑Cala, e bótate fóra dese home.

O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. Todos ficaron pasmados, e discutían entre si, dicindo: ‑¿Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade; enriba, dálles ordes ós espíritos malos, e eles obedéceno.

E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea.

PALABRA DO SEÑOR.

 

 

UNHA PALABRA QUE AGROMA

  • Neste mundo desencantado e aburrido, no que nada nin ninguén consegue chamar a nosa atención; neste mundo tan saturado de coñecementos e noticias no que prima o pragmatismo; neste mundo tan falto de esperanza e de boas novas, o Evanxeo pasa sen pena nin gloria. Por que?. Velaí a pregunta do millón que ten varias posibles respostas: a xente non quere compromisos, a xente non conecta con el, a xente non o considera unha boa nova, a xente non está disposta a cumprir as súas esixencias.... e, se cadra, tamén é posible que nós ensinemos coma os letrados e coma os rabinos, e non coma Xesús. Eles ensinaban en Israel por oficio; e o seu era comentar a Lei e as tradicións dos maiores, ler o que estaba escrito e repetir o que eles aprenderan antes nas escolas, administrar as verdades e crenzas adquiridas, o que sempre se dixera. O seu maxisterio era conservador, legalista e ritualista; conservaban ben a letra; pero esquecían o espírito; e a letra sen espírito mata...mata tamén de aburrimento. Por iso, non asombraban a ninguén. Porén, Xesús ensinaba con autoridade.
  • No fondo está, onte coma hoxe, o conflito entre dúas concepcións relixiosas: unha, a dos letrados, que privilexia como acceso a Deus as esixencias rituais da pureza; outra, a de Xesús, que privilexia o compromiso coa xente. Así, na sinagoga interprétase con rigor e precisión a lei, pero o endemoñado continúa dominado pola súa enfermidade e aplastado pola mesma sensación de desamparo e dependencia. Ata que chega Xesús. A súa práctica revoluciona o ambiente. Os letrados calan, pero a xente sabe discernir: Xesús libera e sanda, ensina con autoridade, non coma os letrados. Iso é bo, é unha boa nova, e provoca asombro no pobo. Pero os que se senten desenmascarados e desposuídos do seu poder pola súa práctica, calan ou berran, evádense da conversión. E non aceptan os sinais do Reino.
  • Se cadra hoxe estanos pasando o mesmo: algunhas voces dentro da Igrexa poñen en dúbida as palabras e os feitos de Francisco e non teñen reparo en criticalo aberta e despiadadamente polo que fai ou polo que non fai, polo que di ou polo que non di.
  • Xesús atraía moitedumes, porque non había discrepancia entre o que dicía e o que facía. No seu caso, falar con autoridade era todo o contrario a falar autoritariamente. Non sentaba cátedra, senón que daba testemuño. Por iso nós, que somos a súa Igrexa, debemos escoitar antes de falar; e debemos coidar moito de non dicir no nome de Deus o que non é a súa Palabra, senón que responde máis ben a intereses ocultos dalgúns grupos de presión, de poder, ou do utilitarismo deste mundo que fai que esquezamos, tamén dentro da Igrexa, que a persoa é o centro do noso sentir, do noso pensar e do noso actuar.
  • Escrutar a fondo os sinais dos tempos, ensanchar a tenda para que na Igrexa teñamos cabida todas as persoas, amosar coherencia entre o que rezamos e o que dicimos, mirar o mundo cos ollos de Deus, ollos de pai e nai; sentir compaixón por todas as persoas; saber acoller, dialogar e sandar; utilizar o bálsamo da misericordia.... todo isto fala de autoridade, que é un conto ben distinto ao autoritarismo, o integrismo e a dureza de corazón que amosan moitas persoas tamén dentro da nosa Igrexa.

 

DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA

 

Compartamos agora a nosa oración comunitaria desde os vieiros da igualdades e a sensibilidade dun corazón posto nas persoas e non noutros intereses. E digamos:

 

ENCHÓUPANOS COA TÚA MISERICORDIA

 

ö  Para que a Igrexa sexa sempre unha Igrexa en saída cara ás periferias existenciais de tanta xente que sente que a súa vida non ten sentido; OREMOS.

ö  Para que nas nosas comunidades nunca caiamos na tentación do autoritarismo, que nunca é capaz de ver na outra persoa a unha irmá, senón a unha inimiga; OREMOS.

 

ö  Para que eduquemos, e nos eduquemos, no esforzo, no traballo ben feito, na responsabilidade das accións que realizamos... superando a tentación de vivir na mediocridade do que nos estanca, pero nunca supón saír das zonas de conforto; Oremos.

Ante Ti e contigo, compartimos, Señor, a nosa oración comunitaria. Remóenos por dentro para que non sintamos nunca vergoña por ser crentes no mundo de hoxe. P.X.N.S. Amén

 

MIRADA DE ESPERANZA

Anunciamos a Boa Nova de Xesús

cando seguimos as súas pegadas

e a nosa vida dá testemuño do Reino que Deus quere para todas as persoas.

Anunciamos a boa Nova de Xesús

cando vivimos para os demais,

cando nos interesa o que lle pasa á outra persoa,

cando nos comprometemos pola vida,

cando traballamos pola xustiza,

cando construímos a paz,

cando nos rebelamos diante da inxustiza,

cando comezamos a compartir,

cando aprendemos xuntos,

cando superamos as diferenzas,

cando nos preocupamos dos problemas desta terra,

cando temos a mirada atenta para ver a Deus que fala na vida,

cando confiamos en que el camiña con nós e nos dará as forzas necesarias.

Entón... e só entón... teremos autoridade.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...