Ir al contenido principal

3 domingo TO b 2023

III DOMINGO DO T.O.

 

PERMANECEDE NA MIÑA PALABRA

(DOMINGO DA PALABRA DE DEUS)

CANTOS


· ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)
· LECTURAS: A túa Palabra (Nº 25)
· OFERTORIO: Acharte presente (Nº 51)
· COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)

ABRE OS OLLOS

Hoxe é o terceiro domingo do tempo ordinario, e desde hai cinco anos, o papa Francisco quixo que este fose o domingo da Palabra de Deus. Non quere dicir que os demais non o sexan, non. O que busca o papa é que neste domingo prestemos especial atención, e valoremos a importancia que a Palabra ten na vida da persoa cristiá. Non é só Palabra proclamada na celebración, tamén é Palabra agradecida por atopar nela o marabilloso plan que Deus ten para con nós.
Compartamos logo a celebración de hoxe sabéndonos agarimadas e agarimados polo agasallo que Deus nos fai por medio da Palabra que alenta, anima e alimenta a nosa vida.

ABRE O CORAZÓN

Porque somos moito de ritos e pouco de coñecer e valorar a Palabra coa que Deus se nos mostra; SEÑOR, QUE PERMANEZAMOS NA TÚA PALABRA.
Porque non facemos da Palabra de Deus fonte de vida e camiño de esperanza; CRISTO, QUE PERMANEZAMOS NA TÚA PALABRA.
Porque non lle prestamos a atención que merece á Palabra proclamada nas celebracións; SEÑOR, QUE QUE PERMANEZAMOS NA TÚA PALABRA.

ABRE OS OÍDOS

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE XONÁS

Naqueles días, veulle de segunda vez a palabra do Señor a Xonás:
- Érguete, vai a Nínive, a gran cidade, e proclámalle a mensaxe que eu che dei.
Xonás ergueuse e marchou a Nínive, con forma á palabra do Señor. Nínive era una cidade enormemente grande, de tres días para atravesala.
Xonás comezou a entrar na cidade, percorrendo o camino dun día, e predicaba así:
- Dentro de corenta días, Nínive será destruída.
Os homes de Nínive creron en Deus e proclamaron o xaxún. Vestíronse de saco desde o máis grande ao máis pequeño.
Viu Deus as súas obras, como se convertían do seu mal camiño e arrepentiuse do mal que dixera que lles ía facer, e non llelo fixo.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS CORINTIOS

O que vos digo, irmáns, é que o tempo é contado. O que importa, é que os que teñen muller vivan coma se non a tivesen; os que choran, coma se non chorasen; os que están alegres coma se non se alegrasen; os que comercian, coma se non tivesen nada; os que gozan no mundo, coma se non gozasen. Porque o mundo, na súa configuración actual, está a pasar.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS

Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, dicindo:
- O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.
Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e mais a Andrés, seu irmán, largando o aparello no mar: eran pescadores. Díxolles Xesús:
- Vide comigo, e fareivos pescadores de homes.
E deixando de contado o aparello, seguírono. Un pouco máis adiante viu a Santiago, fillo de Zebedeo e mais a Xoán, seu irmán; estaban arranxando o aparello na barca. E de seguida os chamou. Eles, deixando a seu pai, Zebedeo, e mais os seus tripulantes na barca, seguírono.
PALABRA DO SEÑOR

 PALABRA QUE ALENTA O CAMIÑO

Nínive era unha cidade rica e os seus habitantes tiñan de todo. Vivían no individualismo e na comodidade, sen preocupacións polo futuro. Pero... chegou a crise e perderon o norte. Sóanos o conto? Neste contexto, Xonás quere ser a voz que clama no deserto de Nínive chamando a endereitar o rumbo. Xonás dilles que recapaciten e que volvan de novo a Deus, onde está o sentido, a forza e a esperanza. Nós hoxe, no noso mundo rico e deshumanizado, tamén se cadra perdemos o norte do que é importante. Nós tamén precisamos converternos e cambiar actitudes, palabras e feitos da nosa vida, desbotando dela aquilo que nos fai persoas individualistas, duras, insensibles, cómodas e egoístas. Hoxe é un bo momento para comezar, non desaproveitemos esta oportunidade. 

Esta é a conversión da que nos fala Xesús no Evanxeo. Unha conversión que ha ser real, verdadeira, auténtica. Non unha conversión de palabras ou para quedar ben. A conversión ten que partir do corazón. Só desde aí poderemos facer realidade a encomenda de Xesús cando nos di que temos que ser homes e mulleres capaces de pescar persoas. Porque só desde unha vida coherente e consecuente poderemos dar testemuño. Porque só desde a empatía e a capacidade de poñernos no lugar da outra persoa, sen imposicións, seremos quen de evanxelizar. Porque só desde a esperanza e a alegría seremos quen de ser persoas anunciadoras do Reino que Xesús nos trouxo: un Reino de xustiza, de paz, de fraternidade e de igualdade. 

Iso é o que significa permanecer na Palabra de Deus: unha Palabra que alimenta, rega e reverdece o noso corazón para que poida dar froitos abondosos e sempre novos. Grazas, Señor, polo agasallo dunha Palabra de Vida e Verdade!

REZAMOS EN COMUNIDADE

Cando Xesús chama, faino para que sexamos felices. Poñamos entón a nosa vida nas súas mans, para que a alente e a acompañe, e digámoslle:
GRAZAS POLA TÚA PALABRA DE VIDA, SEÑOR
  • Para que a Igrexa camiñe tras as pegadas de Xesús, proclamando con ledicia o Evanxeo e atenta aos sinais dos tempos, OREMOS.
  • Para que contemplemos a grande luz que brilla no medio de nós, aínda cando habitamos en terras escuras, OREMOS.
  • Para que a túa Palabra sexa proclamada con fe, acollida con gratitude, vivida con intensidade e testemuñada con paixón, OREMOS.
  • Por cada unha e cada un de nós, para que sen medo sexamos capaces de converternos, OREMOS.
Grazas, Señor, por descubrirnos que construír o teu Reino é empeñarse en mellorar as cousas, e facer do lugar onde esteamos a casa de tod@s. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

A Palabra de Deus é para todas as persoas. O Evanxeo preséntanos a Xesús sempre en movemento, en camiño cara aos demais. En ningunha ocasión da súa vida pública dános a idea de que sexa un mestre estático, un doutor sentado nunha cátedra. Ao contrario, vémolo como itinerante, vémolo peregrino, percorrendo pobos e aldeas, atopando rostros e historias.
E esta Palabra de Deus, que se dirixe a todas e a todos, chama á conversión. A proximidade de Dios non é neutra, a súa presenza non deixa as cousas como están, non preserva a vida tranquila. Ao contrario, a súa Palabra sacódenos, inquiétanos, aprémanos ao cambio. Transforma o noso corazón e a nosa mente; cámbianos, lévanos a orientar a nosa vida cara ao Señor.
Esta é a invitación de Xesús: Deus fíxose próximo a ti, así que toma conciencia da súa presenza, faille lugar á súa Palabra e cambiarás a perspectiva da túa vida. Quixese dicilo tamén deste xeito: pon a túa vida baixo a Palabra de Deus.
(Francisco)


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...