Ir al contenido principal

2 domingo TO B 2024

ONDE PARAS?

CANTO GOZOSO

o ENTRADA: Pedras vivas

o LECTURAS: Aquí estou, Señor, para facer a túa vontade 

o OFERTORIO: Acharte presente (Nº51)

o COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)

ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

Despois do tempo de graza que supuxo o Nadal, comezamos hoxe unha nova xeira: a do tempo ordinario, tempo común, o de todos os días. Mais é precisamente aí, na cotidianeidade, no de todos os días, onde Deus chama por nós.

Oxalá non endurezamos os nosos oídos, oxalá non nos perdamos no balbordo que nos rodea para que, como Samuel, lle prestemos atención á chamada que Deus nos dirixe a través do berro, moitas veces silencioso e sempre desgarrador, de tantas persoas que no noso mundo ven pisoteada a súa dignidade.


ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

Polas moitas veces nas que, ante a túa chamada, nós damos a calada por resposta; SEÑOR, NON CANSES DE CHAMAR POR NÓS.

Polas moitas veces nas que non queremos entender que ti paras onde hai un ser humano que precisa axuda; CRISTO, NON CANSES DE CHAMAR POR NÓS.

Polas moitas veces nas que tiramos a toalla no camiño do seguimento do Evanxeo; SEÑOR, NON CANSES DE CHAMAR POR NÓS.



PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO PRIMEIRO LIRO DE SAMUEL

Naqueles días, Samuel estaba deitado no santuario do Señor, onde estaba a arca de Deus.

O Señor chamou por Samuel e este respondeulle:

- Aquí estou

E, coa mesma, foi correndo onda Elí e díxolle:

- Aquí veño, pois chamáchesme.

Elí díxolle:

- Eu non te chamei. Volve deitarte.

E Samuel foise deitar.

O Señor chamou de segundas por Samuel.

Samuel ergueuse e foi onda Elí, dicindo:

- Aquí estou, pois chamáchesme.

Dixo Elí:

- Eu non te chamei, meu fillo. Volve deitarte.

Samuel non coñecía aínda ao Señor, pois a palabra do Señor non se lle revelara aínda

O Señor chamou por terceira vez a Samuel, quen se ergueu e foi onda Elí:

- Aquí veño, pois chamáchesme.

Entón decatouse Elí de que era o Señor quen chamaba ao rapaz. Elí díxolle a Samuel:

- Vaite deitar, e se te chama, dirás: Fala, Señor, que o teu servo escoita.

Samuel marchou e deitouse no seu sitio.

O Señor presentouse, chamando coma as outras veces:

- Samuel, Samuel!

E Samuel dixo:

- Fala, Señor, o teu servo escóitate.

Samuel ía medrando; o Señor estaba con el e non deixou sen cumprimento ninguna palabra súa.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS CORINTIOS

O corpo non é para a fornicación, senón para o Señor; e o Señor é para o corpo. E Deus, que resucitou xa a Cristo, tamén nos ha resucitar a nós polo seu poder.

¿Non sabedes que os vosos corpos son membros de Cristo? Quen se xunta ó Señor, é un mesmo espírito con El. 

Fuxide da fornicación. Calquera pecado que o home poida cometer, cae fóra do corpo; pero quen fornica peca contra o seu propio corpo. ¿Ou non sabedes que o voso corpo é templo do Espírito Santo que está en vós, porque o recibistes de Deus e que polo tanto non sodes donos de vós? Porque, en verdade, compróusevos a bo prezo. Glorificade, por tanto, a Deus co voso corpo.

PALABRA DO SEÑOR


PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Un día estaba outra vez Xoán con dous dos seus discípulos e, vendo a Xesús que camiñaba, dixo:

- Velaquí o Año de Deus.

Cando os dous discípulos oíron o que el falara, fóronse detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que eles o seguían, preguntoulles:

- ¿Que buscades?

Eles respondéronlle:

- "Rabbí" (que quere dicir "Mestre"), ¿onde paras?

El díxolles:

- Vide e veredes.

E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde.

Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era Andrés, o irmán de Simón Pedro. Vai e ó primeiro que atopa é a Simón, o seu propio irmán, e dille:

- Encontramos o Mesías (que quere dicir Cristo).

E levouno onda Xesús. O velo, díxolle Xesús:

- Ti es Simón, o fillo de Xoán. Ti haste chamar Kefas (que quere dicir Pedro).


PALABRA DO SEÑOR

NA ESCOITA DA PALABRA

DEUS FALA: É fácil dicir que Deus non fala, que non emite; pero non será que nós buscamos en frecuencias equivocadas, que buscamos na nosa frecuencia e non na súa?. Porque se de verdade queremos escoitar a Deus temos que exercitarnos no exercicio de buscalo. E nesta búsquea atopámonos con dificultades, moitas das cales son postas por nós. Pero Deus fálanos e chámanos cada día: no traballo, no trato coa veciñanza, na relación coa nosa familia... E a súa voz, ao principio, chéganos a través doutras persoas: as nosas nais, os nosos pais, as nosas amizades...Pero non é bo quedar aí, nesa fe “prestada”, senón que temos que saber personalizala, respondendo desde dentro, poñéndonos en movemento, saíndo ao seu encontro. 

E CHÁMANOS: E neste falar de Deus, somos chamadas e chamados por El para que sexamos os seus profetas e mensaxeiros no medio do mundo. Chámanos para invitarnos a facer sitio na Igrexa para todas as persoas; chámanos para invitarnos a acoller a quen vén de lonxe, que non é estranxeiro, senón irmán e irmá; chámanos para que deixemos de construír muros e comecemos a levantar pontes que unen; chámanos para traballar pola igualdade entre todas as persoas; chámanos para levar o bálsamo da esperanza e do sorriso a quen se sente agoniado pola vida; chámanos para que deixemos de crer que somos superiores; chámanos para deixar de pensar no eu e pasar a pensar e actuar desde o nós; chámanos para ser lumieiras desa estrela que naceu en Belén. Sabemos que non é doado, pero temos que esforzarnos para que a súa mensaxe se converta en realidade, é dicir, se faga vida.

Decatámonos algunha vez de que esta é a encomenda que asumimos cando dixemos libre e persoalmente, quero ser cristián?. Non podemos nin queremos calar diante de situacións que sabemos que non están ben e que lle producen dor e tristeza ás persoas que as sofren. Non podemos ser débiles cos fortes e fortes cos débiles. Non podemos vivir unha vida de rutina e de baleiro, sen tentar darlle un sentido de entrega, de servizo á xente. Non deixemos pasar a oportunidade de ser luz, paz, sorriso, escoita e alento para todas aquelas persoas irmás nosas que nos necesitan e que precisan que alguén lles diga, vinde e veredes.

COMPARTINDO O QUE NOS UNE

Porque o Señor chama; porque nós queremos escoitalo, dicimos:


QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ, SEÑOR


Para que non sexamos unha Igrexa que se limita a mirar e a calar, sen comprometerse na busca de solucións aos cos problemas e dificultades dos homes e mulleres do noso mundo; OREMOS.

Para que sexamos comunidades parroquiais vivas, alegres e dispostas a participar da alegría do Evanxeo; OREMOS.

Para que a nosa vida non se deixe levar do conformismo, a rutina e a falta de ilusión; OREMOS.

Grazas, Señor, por invitarnos a seguir as túas pegadas, evitando perdernos no camiño. P.X.N.S. Amén.


AGRADECENDO O DON DA FE

SEÑOR...

Alenta o meu camiñar cotián.

Que me fixe na irmá e no irmán para facerlle o ben.

Que teña paciencia e comprensión coas persoas que están ao meu lado.

Que saiba visitar e escoitar a quen estea solo.

Que non teña medo de denunciar a inxustiza.

Que sexa sempre ponte de unión e pacificación.

Que saiba dar, sen regateos, un pouco máis do meu tempo a quen o necesita.

Que me esforce por integrarme en canto supoña colaborar en por un sorriso na vida da xente. 


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...